Comezamos un novo curso, cos seus retos. Unha nova tempada na que arelamos dar mil pequenas boas novas. Se cadra, algunha máis grandiña. Sen deixar, evidentemente, de sermos críticos e conscientes de que nos enfrontamos a unha Galicia incerta, nun planeta convulso.
Comezando por aí, polo planeta. Os síntomas do cambio climático, coas súas vítimas –que maioritariamente, tamén nisto, son as persoas máis empobrecidas– son agora tan evidentes que xa non se trata dun pulso entre a comunidade científica e os negacionistas, como Trump: agora é a xente a que experimenta as turbulencias extremas. Estaremos ante unha reacción desde abaixo na que a xente nova e votantes organizados esixirán que a transición enerxética sexa algo máis ca o nome dun ministerio? Ou seguirá a festa no Titanic, na nave Terra, mentres afunde?
institucións que deron sentido á vida de anteriores xeracións, poden caer na irrelevancia
Fálase de populismos e arrepía ver que personaxes se fan co poder –ou se achegan a el perigosamente– en democracias consolidadas. Unha corrente de neofascismo percorre Europa. Preto de nós cabalga ao lombo do odio ao inmigrante e ao nacionalismo catalán (de momento). Temos que ser parte, sumar para contrarrestar, crear opinión e espazos de vida baseados na acollida, na diversidade e no respecto. Eles non son os “constitucionalistas”, por máis que se apropien do título. O constitucionalismo é outra cousa.
No río revolto sempre pescan os mesmos. Estase concentrando a riqueza e incrementándose a pobreza e a desigualdade. No mundo en xeral e no noso contexto galego e español. Non vale o discurso demagóxico de “baixadas masivas de impostos” a costa de deixar nos ósos os sistemas públicos. Necesitamos estar a carón de quen defende a calidade e universalidade da sanidade, do ensino, dos servizos sociais e das pensións. Europa debe ser máis ca nunca un refuxio dos dereitos humanos e do soño irrenunciable a unha sociedade da solidariedade, da diversidade e da inclusión.
Galicia está ausente mesmo na vida dos galegos e galegas. Fúrtasenos o debate sobre o futuro do territorio, da poboación, da identidade. Unha terra, un pobo, unha fala. Temos moita leira que labrar e non tiramos a sacha nin a toalla.
Os grandes relatos políticos e relixiosos están en caída libre. A Igrexa –e as demais igrexas– a pesar do aire fresco de Francisco, tardou de máis en incorporar os cambios mínimos necesarios, tanto no que se refire ao fondo –que se comunica, que se pretende, para que se está aí– como con respecto ás formas –onde e como se está, que linguaxe se usa, que simboloxía–. De feito, as institucións que nutriron o sentido da vida de anteriores xeracións están en serio perigo de caer na irrelevancia. A cuestión é: por que alternativa son substituídas? Quen está dando sentido á vida da nosa xente nova? E que sentido é ese?
Non faltan deberes nin desafíos, certamente. Entre todos e todas haberá que irlle dando xeito a tanto futuro.