Recibimos con gozo a información da convocatoria dese evento da Coruña que resiste e crea esperanza: Falamos de “Acampa, pola paz e o dereito a refuxio”, un orixinal evento de primavera. E nunca mellor dito, porque é toda unha primavera de evento, no medio de funestos augurios, a contracorrente dun neofascismo que se nos inocula na alma e nos mancha o máis sagrado: a inocencia, o dereito a que medre en nós o soño dunha humanidade única.
Sempre podemos facer algo
Acampa vén sendo un alegato, unha “actuación colectiva”, unha gran simulación dun campamento de refuxiados. Parece un xogo. Pero é un berro colectivo. Esta orixinal iniciativa xa foi portada de Irimia cando comezaba e agora, na edición que se celebrou en xuño, demostra que vai sendo unha historia máis madura, capaz de involucrar á Universidade da Coruña, á Alcaldía da cidade e á Deputación Provincial.
Cousas así fan falta para contrarestar o veleno da xenofobia. Vemos como se magnifican os incidentes con persoas refuxiadas e inmigrantes para cobrar en votos a favor de propostas supremacistas. A solidariedade é vulnerable. Necesita alimentarse, compensar a demagoxia da ultradereita. Por iso é importente que cousas que pasan, como os pequenos éxitos de inmigrantes, os programas de integración e as accións como Acampa nos axuden a contrarrestar aqueles relatos.
A situación é grave. Hai no mundo máis de 1.000 millóns de persoas que están en movemento. Setenta millóns tiveron que deixar os seus fogares por causa de violencia, guerras ou desprazamento forzado. Moitas nutren caravanas de migrantes que cruzan fronteiras a través de rutas de miles de quilómetros en condición inseguras e de extrema vulnerabilidade, e son obxectivo das redes de tráfico e trata de personas.
No recente día Mundial do refuxiado, a Rede Migrantes con dereitos (integrada pola Comisión Episcopal de Migracións, Cáritas, e migrantes CONFER e Xustiza e Paz) instaba aos líderes políticos a fortalecer o compromiso coa realidade das persoas refuxiadas e a xerar mecanismos de protección e acollida. E unha denuncia moi concreta: “Asistimos en Europa a unha criminalización de quen tende a súa man a refuxiados e migrantes”.
Ás veces a nosa actuación pode ser moi decisiva. Outras podemos contribuír a nutrir o espírito de acollida e a derrubar prexuízos xenófobos. Tamén podemos apoiar iniciativas como Acampa. Sempre podemos facer algo.