Unha vez máis, no caso da eutanasia -e da lei recentemente aprobada- parece haber un especial interese por situar o debate na máis pura e miope mercadotecnia electoral. Aparecen os bloques das dúas Españas, a católica e a anticatólica.
Misericordia quero, non sacrificios
Parece que non se avanza. Repugna ao sentido común do pobo cristián e á boa razón teolóxica de hoxe en día ver a Casado e Abascal facendo de “defensores da fe católica”. Pero por máis que apuren os seus argumentos, por máis que se queira poñer a “moviola” da historia, a cousa non debería ter máis percorrido que incrementar o fastío da sociedade coa súa clase política: a realidade actual non é a do século pasado.
A eutanasia e a súa regulación é un asunto de dereito e de ética civil e médica: axudar a unha boa morte, establecer os papeis de cadaquén, así como os límites e os controis necesarios para evitar posibles abusos sobre os máis fráxiles (tamén os abusos do encarnizamento terapéutico). Facer en definitiva unha boa regulación dun tema extremadamente delicado. É aí onde cómpre situar o debate, con independencia das achegas que cada tradición moral poidan facer.
O que resulta anacrónico é que exista unha “aproximación católica” ao asunto baseada nunha teoloxía inaceptable e superada. Non se pode seguir sacralizando a dor, e menos en situacións de enfermidade terminal cun nivel de sufrimento físico ou psíquico insuperables. Que caste de Deus hai detrás desa idea persistente de que hai que sufrir para “puntuar” diante del? Non abonda co sufrimento fecundo que o “mal estrutural -político, sistémico-” e o mal persoal provocan nas vidas concretas da xente, especialmente cando se intenta vivir unha vida plena, entregada, honesta, xenerosa? O cristianismo xenuíno non é dolorista, nin sádico: “misericordia quero, non sacrificios”.
Facemos nosas as preguntas que recentemente publicaba ao respecto José Arregui no seu blog de www.atrio.org: É inmoral que alguén decida poñer termo á súa vida biolóxica, de todos os xeitos tan efémera, cando para el xa non posúe as condicións de calidade que a fan sacramento da Vida que non nace nin pode morrer? É inmoral que unha man amiga axude delicadamente a dar ese paso á Resurrección? É inmoral esa forma de pascua? “Non –diríannos–, o inmoral sería aprobar unha lei que acabase sendo un coador, que abrise a porta a mortes non consentidas, que permitise desembarazarse dunha vida por escuros intereses inhumanos”. De acordo, amigo, pero iso non sería eutanasia, senón cruel asasinato. Nada tería que ver cunha lei do “bo morrer”, a liberdade de morrer inseparable da liberdade de vivir. A opinión da maioría social non é garantía de moralidade, por suposto, pero fíome máis do consenso maioritario, sempre provisional, que da convicción absoluta de quen se cre depositarios exclusivos da verdade e do ben só encomendados a eles por designio divino.