Coinciden no tempo tres fenómenos que se van encontrar en plena campaña electoral, tres historias diferentes e contradictorias.
Por unha banda está a débil e manipulable conciencia social e política de boa parte dos chamados milenials -aqueles que chegaron a adultos neste novo século- e, por extensión, da xente que vive de e para o consumo de tecnoloxía e as redes sociais. Estamos asistindo a unha serie de arrepiantes episodios de manipulación en masa a través de twiter e facebook, que son os únicos referentes de “conciencia social, moral e política” para millóns de persoas que ignoran os libros e a prensa seria, que desprezan mestres e persoas sabias, que viven na tecnosfera, como átomos libres, sen raíces en partidos, relixións ou causas xustas organizadas. Nada como iso pode explicar o inexplicable: por exemplo, que alguén como Trump chegue a ter acceso directo ao botón vermello da guerra nuclear.
Non acerta Francisco cando minusvalora o feminismo
Temos, despois, xurdindo dese magma, os movementos viscerais, emocionais dunha nova, pero moi vella, ultradereita. En época de desconcerto, de medo e incerteza, medra o apoio aos que “falan simple e claro”. Simplismo visceral. O resentimento contra o inmigrante, o anticatalanismo -menuda mina- e o antifeminismo son unha fórmula de éxito. É unha especie de renovado imperialismo español, que fai escorar toda a dereita cara a posicións extremistas.
Pero, como se está demostrando cada 8M, este é o momento das mulleres. Hai complicidades que funcionan. E que se activan e profundizan en momentos clave. Non son instantes nin modas, senón movementos históricos, profundos, eses que duran e se manteñen no tempo, de maneira consistente, fura que fura. Non acerta Francisco cando minusvalora o feminismo. A igualdade na diferenza non é cosmética. A igualdade na diferenza é un sinal dos tempos, unha graza, e sería un aliado contra o clericalismo, a pederastia, o escurantismo. Na nosa entrevista das páxinas centrais queda expresada a forza últil, recreadora, do feminismo tamén na Igrexa.
Esa corrente imparable, consciente de que agora si toca pode ser decisiva para parar o neofascismo, mobilizar os milenials e tecer novas utopías e sentidos.