dicir “basta!” en Gaza ten a mesma base humanista que dicilo cando os xudeus eran masacrados
Sábese que os fundadores aspiraban a unha unión máis real e estreita entre os pobos, a partir do coñecemento e o vínculo que o comercio crea entre as partes. Por iso os seus seis signatarios falan de reducir as diferenzas económicas e sociais entre as rexións europeas, de defender e respectar a Carta das Nacións Unidas e de progreso económico xunto con progreso social (dez anos antes de que a Populorium Progresio de Pablo VI oficializase entre o mundo católico a diferenza entre o crecemento económico e o progreso integral dos pobos).
Aquel xermolo da actual Unión Europea quería crear un futuro libre do nazismo e o fascismo: superar a autocracia, a desigualdade e o supremacismo racial. Non máis políticas de odio en todas as súas manifestacións, e do antisemitismo en particular. E nas ampliacións e reformulacións dos tratados avanzouse nesa dirección, cando menos formalmente. Unha recente e lograda síntese era aquel triplo carácter do crecemento europeo que se quería promover na coñecida como Estratexia 2020: un crecemento inclusivo, sustentable, intelixente.
Por iso, até agora, na Unión Europea se lle puxo un cordón sanitario ás forzas nostálxicas dos fascismos, aos discursos do odio e da deshumanización.
Pero as cousas poden cambiar. De feito están cambiando. E non é un cambio calquera. Curiosamente, facendo pé no antisemitismo, por exemplo, as dereitas europeas dan cun punto de encontro con certos gobernos para reprimir as protestas de estudantes e da cidadanía en xeral contra o masacre cometido contra o pobo palestino. Pero dicir “basta!” en Gaza ten a mesma base humanista que dicilo cando os xudeus eran masacrados. Opoñerse ao que semella un xenocidio en directo non é ser antisemita: é opoñerse a unha operación militar criminal conducida por un líder sionista cercado polas acusacións de corrupción e sostido pola ultradereita. Mobilizarse contra ese abuso é tamén unha loita pola liberdade, polos dereitos humanos, pola igualdade dos pobos. É unha loita en liña cos mellores valores fundacionais europeos.
Europa é un Titanic, grande si, pero con serias debilidades. Que Europa queremos, e con que rumbo? Esa é a cuestión e hai moito iceberg á deriva.