Traemos a este número, por diferentes e complementarios motivos, as figuras e a sentida homenaxe a Moncho Valcarce e a Paco del Riego.
Os seus perfís e estratexias son diferentes, mais compartían un extraordinario e imprescindible sentido de servizo
Quizais a gran diferenza entre os tempos que eles viviron e representaron e os que agora estamos a vivir é aquela capacidade de visionar, anticipar e traballar por un futuro propio, mellor e máis xusto para Galicia. As razóns poden ser xeracionais, culturais, quizais tecnolóxico-dixitais, pero nin a capacidade de soñar nin a de comprometer a propia existencia nunha causa semellante son agora, nos tempos da “solidariedade a un click”, algo que convoque, motive e mobilice o público coa mesma enerxía, nin un motivo suficiente para ilusionar e comprometer vidas, militancias e decisións a “longo prazo”, como pasou en tempos presuntamente máis adversos.
Os perfís das súas biografías son diferentes; os seus métodos, prioridades e estratexias, tamén.
Hai, non obstante, elementos clave que compartían. Un dos máis salientables, máis necesario e menos común era o sentido de servizo.
Moncho Valcarce, como un Francisco de Asís da modernidade, íspese da súa propia roupaxe de clase e extracción social e mergúllase en corpo, mente e corazón nas comunidades humanas daquela Galicia labrega en conflitiva transición cara a non se sabía -sábese hoxe?- onde. Os detalles de como o vive e como o fai -moitos deles pequenos, pero reveladores que se contan neste número- si importan: o respecto pola xente, o acompañamento, a sinxeleza, o ofrecemento persoal para liderar ou para deixar sitio, a capacidade de transmitir a propia fe e ilusión desde a amizade duradeira.
Don Paco era outro obreiro incansable. Chama moitísimo a atención como a persoa que quizais máis horas e esforzo intelectual, organizativo e “escriturístico” dedicou durante a ditadura e a transición á causa da galeguidade non “sume” o currículo bibliográfico do que outros. Sempre nese segundo plano: o dos indispensables, o dos facilitadores. Fixo posible desde detrás do pano que a obra se representase: Grial, a Revista de economía de Galicia, a editorial Galaxia, a Fundación Penzol etc. Benvida homenaxe!
O noso taboleiro
A Irmandade Moncho Valcarce convoca unha comida-homenaxe a Moncho Valcarce, con ocasión do seu 30 cabodano e a entrega dos Premios Moncho Valcarce. Está previsto que se celebre na Coruña o día 10 de xuño ás 2 da tarde no Hotel Plaza, rúa Santiago Fernández Latorre, 45 (zona de Catro Camiños).
Para inscribirse, cómpre facer o pago na conta de Abanca 2080 0000 7930 4026 5997, previa comunicación telefónica da asistencia e detalles necesarios no número 660 346 182.