O avanzo da tecnoloxía non é só ciencia: é -de maneira moi destacábel- economía, política, antropoloxía, cultura, ética… A reflexión moral e a crítica social teñen toda a cabida nun momento de grandes transformacións técnico-científicas. Tamén a reflexión feita desde a fe en que a orde moral enraíza nunha orde cósmica, e asenta en princípios que só é posíbel perceber e respeitar desde a humanísima relación con Deus, isto é, co Amor.
“O único límite da tecnoloxía parece ser a sua capacidade. Por iso, o aumento das capacidades tecnolóxicas é, en si mesmo, un problema sobre o que reflexionar”
Quen hoxe alertan sobre a IA, non están a imaxinar robots malvados que poidan chegar a odiarnos. Están a pensar nun poder que, libertado de toda humanidade, será libertado tamén de toda moral, e para o que só terán sentido a lóxica e o cálculo puros. Un poder que podería facer dano perseguindo un obxectivo bo. É o dominio da ética utilitarista, para a que o fin xustifica necesariamente os medios, e que dende sempre alimentou a lóxica do poder. O seu único límite é a sua capacidade. Por iso o aumento das capacidades tecnolóxicas é, en si mesmo, un problema sobre o que reflexionar.
Se o Libro da Xénese toca elementos fundamentais da natureza humana, a nosa dificuldade para auto-limitarnos ocupa nel un lugar central. Adán e Eva son incapaces de resistir a tentación de poder e coñecemento infinitos (representados nesa mazá que Apple escolleu como símbolo), e por iso violan o único límite que tiñan, con consecuencias nefastas. Os mitos de Prometeo e de Pandora poden ter unha leitura semellante: son unha advertencia ancestral contra a ansia dos humanos por converterse en deuses.
Na Antiga Grecia, a hybris (o traspaso arrogante dos límites) era un dos maiores pecados. De hybris vén híbrido, aquel que ultrapasa os límites da súa especie ou condición. Mesmo que algúns o desexen, aínda estamos lonxe de ver individuos hibridados con máquinas ao estilo das distopías cyberpunk. Pero se pomos o foco no organismo social, en vez de no individuo, veremos que camiñamos axiña cara un mundo no que a cultura, o pensamento ou a política deixen de ser feitos por persoas. Temos direito a pensar, debater e decidir se ese é o futuro que queremos.