Cos excelentes resultados dos ultradereitistas suecos, Europa saloucou. Cos resultados dos neofascistas italianos, están acendidas todas as alarmas.
O fenómenos chámase “novo fascismo”. Agora sen ningún tipo de dúbida, sen disimulo. Giorgia Meloni, brazo en alto, é unha confesa seguidora de Benito Mussolini e admiradora de Donald Trump e, coma el, sabe “surfear” na onda do descontento da clase traballadora, dos excluídos da globalización, ao tempo que alimenta o odio e o medo ao “inmigrante criminal” e aos “sexualmente desviados”.
A Igrexa non debería mirar para outro A ou, aínda peor, “deixarse querer polo demo”
Unha fórmula simple, como non podía ser doutra maneira: “Son muller; son nai; son italiana; son cristiá”. Os novos fascismos avanzan máis nas urnas con lideresas e o que iso “representa”. É unha estratexia estudada polos politólogos: cunha muller-nai ao mando, redúcese o efecto antipático que producen no electorado feminino máis reticente, fan máis crible para todos e todas a súa mensaxe antifeminista e seducen o varón machista porque confirman as súas conviccións supremacistas.
O neofascismo combátese con grandes consensos de Estado. Consensos en materias ás que se poida adherir a maioría do arco parlamentario, a ser posible todos menos eles. E as forzas democráticas non teñen tan difícil para elaborar unha longa lista de consensos. Abondaría con mirar as prioridades e obxectivos do conxunto de fondos, iniciativas e programas europeos destinados a compensar as iniquidades e malestares que causa a economía de mercado e os intereses dos poderosos. Iso que poderiamos chamar a Europa democrática e social: a inclusión activa -tamén de inmigrantes e refuxiados-, a urxencia climática, a independencia da Xustiza, a igualdade de xénero, o respecto á identidade cultural e lingüística dos territorios etc…
E, ademais, combátese desenmascarando as súas mentiras e a súa “lexitimidade”. O neofascismo é todo menos cristián. Non están inventando algo de cero. Hai precedentes. Xa pasou en Italia, en Alemaña, en España. Xa o coñecemos. O odio ao pobre e ao inmigrante, a supresión de dereitos civís e da división de poderes, a intolerancia, o autoritarismo e a crueldade están na antítese política do cristianismo e as súas propostas de humanidade nova. A Igrexa debía posicionarse e non mirar para outro lado ou, aínda peor, caer na tentación de “deixarse querer polo demo” e simpatizar en secreto coas súas mobilizacións.