Hai quen pregunta e demanda onde estivo, onde está Deus no medio desta pandemia. Ben para reivindicar a súa inutilidade, o seu anacronismo ou, en sentido contrario, a súa ira viva e presente, esa que cómpre aplacar con diversos métodos, algúns dos cales rompen, por certo, as normas de confinamento. Son o anverso e o reverso, a cara e a cruz da mesma idea infantil e infantilizante do divino: un “deus exmachina”, disposto e capaz dunha acción portentosa e inesperada que rompa o guión da película, da historia humana, do acontecer, das leis da natureza.

Non hai máis “actuación divina” ca a fraternidade humana. E se está institucionalizada, mellor aínda

Deus é gratuíto, pero non superfluo, dicía o título do teólogo González Ruíz. Non é “necesario”, por suposto, no sentido de agardar ou implorar intervencións portentosas. Tampouco é necesario no sentido de que achegue solucións máxicas e receitas precisas de orde sanitaria, sociolóxica ou científica para solucionar os problemas que a humanidade provoca.

Non hai presenza portentosa, directa, nin se espera, grazas a Deus. O cristianismo seculariza a historia e a natureza. Só cabe, e cabe ben para quen teña esa sensibilidade, a lectura simbólica, a emoción poética fronte á fermosura natural, o abraio fronte ao misterio da beleza.

O lugar de Deus no cristianismo orixinal é a fraternidade humana en acto. O baixar do cabalo do samaritano, a acollida radical, a ruptura dos prexuízos cando hai que identificarse co débil, o desapego mesmo da propia vida, ese desfacerse polos outros que é a morte en cruz.

A fe é unha inspiración para a vida das persoas e as comunidades que aceptan e a cultivan. Non hai máis “actuación divina” ca a fraternidade humana. E se está ben organizada en sistemas e institucións de solidariedade, pois mellor aínda. E non é pouco. A iso chámanlle a teoloxía das mediacións. Se algunha “actuación” se pode agardar de Deus, será indirecta, mediada polo comportamento humano. Por iso Deus non é superfluo, nin a fe persoal é unha banalidade.

No medio da pandemia o lugar de Deus, a inspiración de Deus, está na curación das feridas, na recuperación da catástrofe, no esforzo colectivo, no coidado persoal, nos que non fan negocio (tampouco “negocio político”) a costa do coronavirus, senón servizo na loita contra el.

É o mesmo lugar no que está Deus nas outras pandemias: na pandemia da fame (desas 30 000 persoas que morren diariamente por falta de alimento); a pandemia da xenofobia contra inmigrantes e refuxiados; a pandemia da desigualdade económica: e a pandemia da destrución dos nosos ecosistemas, destrución alentada polo egoísmo xeracional nuns tempos de abundancia material.