Ultimamente estamos, en Galicia, bombardeados por novas alleas. O amadriñelamento da realidade informativa é asoballante. Fúrtasenos o debate sereo sobre a nosa realidade, a de aquí, o futuro dos sectores produtivos galegos; os efectos da pandemia nos barrios, nas aldeas, nas escolas; os debates decisivos coma o forestal, o industrial, o modelo de asistencia sanitaria ou de coidados da xente maior nunha realidade dispersa; o devalo demográfico; os riscos futuros nunha economía que non aposta pola investigación, senón polo turismo; a mocidade que marcha; como facer a nosa transición enerxética pensando máis na xente ca nas multinacionais.

Pode ser que Francisco non sexa o suficientemente católico para os españolísimos de sempre

Volve, vía Madrid, de a cabalo dunha sobreactuación mediática, a pantasma das dúas Españas, e volve en todos os medios unha visión simplificada da realidade. E, como non, unha das compoñentes desa simplificación vai ser a do “voto católico”, os seus defensores e a súa defensora.

Nunha entrevista recente (https://www.elconfidencial.com), monseñor Agrelo, bispo emérito de Tánxer, un galego que non gusta ao integrismo católico, preguntado polos fundamentalismos que atopara na súa estadía norteafricana, dicía:

“No mundo hai moitos enfrontamentos armados que nada teñen que ver co mundo musulmán. E á hora de falar dun fundamentalismo que mata, imaxínese as mortes que provoca o fundamentalismo de quen pecha os portos e deixa que os inmigrantes se afundan no mar. Non podemos lavar as mans ante iso. Ese é un fundamentalismo político, ideolóxico e, presuntamente, ligado a crenzas cristiás. Comprenderá a graza que me fai ver a alguén co rosario na man dicindo “Aquí no entra ni dios”

A Pascua, momento intenso para a cristiandade, ten que ser un bo momento para profundar nesa perspectiva radicalmente fraternal e universal do cristianismo. Morrer para dar vida. Tamén para desmontar mitos da dereita liberal, da menos liberal e da neofranquista. Un deses mitos, o que desmonta Agrelo: a falta de políticas consistentes para, en palabras da Fratelli Tutti, “acoller, protexer, promover e integrar” inmigrantes e refuxiadas.

Pode ser que o papa Francisco, que ten dito cousas como que “o capitalismo liberal mata”, non sexa o suficientemente católico para os furibundos e españolísimos de sempre. Pero non hai que distraerse con etiquetas, senón centrarse no concreto e importante, nas cuestións decisivas que marcan a diferenza moral entre as posibles políticas. Catro delas son aquí e agora, incuestionables: unha fiscalidade realmente progresiva -que os que máis gañan contribúan en máis proporción ao que realmente gañan-; un compromiso activo na superación da desigualdade e da violencia de xénero; unha política eficaz de acollida e inclusión social e laboral de inmigrantes e persoas refuxiadas; a defensa dos sistemas públicos de ensino e sanidade, garantía dunha sociedade cohesionada e con iguais oportunidades.