Unha das ideas recorrentes de Pepe Chao nos últimos tempos da súa vida era a de fomentar un novo tipo de comunidade de fe en Galicia, adaptada aos cambios no territorio e na poboación. Entre eses cambios salientaba o da profunda crise da parroquia tradicional, nos seus dous sentidos: como entidade de poboación que noutrora vertebrou todo o país e como referente espacial da comunidade de fe básica, nunha sociedade antes relixiosamente homoxénea e agora en plena transición ao pluralismo. Chao apuntaba a comarca como referencia. Falaba de proceso de transición, de abrir posibilidades. E de superar un esquema parroquializante absoluto no que, en xeral, sobraba clericalismo, control social e unha pertenza sociolóxica máis que persoal.

COVID-19 está acelerando o proceso de esfarelado da parroquia e, tamén, posibilitando alternativas

Esa nova comunidade tiña as comarcas galegas como referencia. Un dos nomes que el barallaba, a xeito de curiosidade, era o de “cristianías”. Pero con independencia de nomes e outras curiosidades, o asunto de fondo é a conexión entre aquela intuición e unha realidade que, xa antes pero sobre todo despois do COVID-19, estamos contemplando. Un panorama no que o modelo parroquial se esfarela sen aparente alternativa.

Curiosamente é o COVID-19, coas súas limitacións e confinamentos, o que está acelerando o proceso. E curiosamente, tamén, está posibilitando o nacemento de alternativas. E as alternativas serían agora máis diversas facendo un uso das tecnoloxías de comunicación e reunión na distancia, redes, aplicacións de vídeo conferencia etc.

As experiencias de celebración na rede, con ese apoio tecnolóxico, ao xeito das que se explicaron no seu momento na nosa revista (“Celebramos nos Tilos”) ou dos “Rumores de Romaxe” do pasado setembro son intentos que poden estar apuntando nesa dirección.

A parroquia pode seguir funcionando en certos sitios, noutros moitos decaeu e está literalmente extinta e noutros foi secuestrada por grupos ultra-católicos da época máis escura do rouquismo, que practican un sectarismo identitario en contra do Mundo, algo que nada ten que ver co cristianismo primixenio. A comunidade de fe pode celebrar e dar alento e identidade desde outra dimensión: identidade cristiá para estar no mundo con esperanzada e solidaria insubmisión e alento para un camiñar honesto “desde o berce até a cruz(e)”, como di o noso pai das romaxes. En realidade Irimia ten experiencia histórica niso: en recoller persoas dispersas e críticas cunha parroquialización ultraconservadora e darlles, desde outro nivel –e con outro alimento para a alma–, a posibilidade de que o Evanxeo siga a ser unha das claves das súas vidas.