Eduardo Galeano – de quen se cumpriu agora o décimo cabodano- adoitaba con frecuencia volver sobre algo que lle dixera no seu momento Carlos Quijano, con quen traballara no semanario uruguaio “Marcha” e a quen consideraba o seu mestre: “Non o esquezas xamais, Eduardo: Hai unha soa cousa que é moi importante, un pecado que non ten perdón. Non se pode pecar contra a esperanza”

A esperanza é aire e forza para a xente precaria en bens e dereitos, para as maiorías excluídas por nacer no lugar equivocado, para as que sobreviven nos límites sendo espectadoras do desbalde insultante da minoría privilexiada. A esperanza é horizonte para os “pouca-cousa” e vida para os “ninguéns”.

Un exército de xente boa e solidaria é o noso súper heroe. Pero a bondade non abonda

Á vista do vivido nas últimas décadas, non se nos pasaba pola cabeza estar a vivir unha película apocalíptica, distópica, como a que nos relatan os informativos nestes meses. É irremediable non pensar en Trump e a súa corte servil de aduladores ignorantes. Si, o sistema desigualante, a democracia tan defectuosa, o imperialismo disfrazado de orde estable … todo iso estaba aí. Pero mesmo os seus maiores defensores eran conscientes das imperfeccións, gardaban as formas, admitían a necesidade de regras, aínda que as incumprisen. Bendita sexa, con todo, a mala conciencia. Agora instaurouse o caos, a desvergonza, o malismo e o matonismo. Vivimos nunha viñeta da serie “Marvel”, sabemos quen é o vilán. Hai algún súper heroe?

O supremacismo branco, anglófono e evanxelista ( incrible, pero si), non é unha conduta patolóxica illada que cause unha matanza racista de 10 persoas en Buffalo- New York. Agora goberna o imperio. Gaza é a súa máxima expresión. Temos que falar deles, porque están aquí, entre nós. Teñen seguidores en Europa, en Turinxia, en Badalona e en Galicia. É un fenómeno global: unha internacional do mal, do odio ao pobre e ao diferente, da deshumanidade.

E poden facerse con gobernos en Europa. Aí andan.

Ser boa xente é necesario. Un exército de xente boa e solidaria é o noso súper heroe. Pero a bondade non abonda. A bondade ten que ser intelixente, estratéxica. E a intelixencia que se precisa é a que valora a gravidade da situación, da ameaza, e sabe renunciar a protagonismos e liortas persoais para evitar que os supremacistas celtibéricos -polo visto, da man do PP- teñan a máis mínima posibilidade de chegar ao goberno do Estado e sumarse ao exército global de bicacús.

Porque ás maiorías precarias, traballadoras, sensatas, …pero algo fartas…. non se lles pode roubar a esperanza.