Realmente nada do que está pasando ten responsables históricos? Pasaría igual o que pasou se o PP non presentara en 2006 un recurso de inconstitucionalidade puramente electoralista contra a reforma do Estatuto de Cataluña, unha reforma consensuada, xa aprobada e votada, legalmente, por certo, polo pobo catalán e o seu Parlament e as Cortes Xerais do Estado?

Realmente nada do que está pasando ten responsables?

Non tería máis sentido, en vez de envelenar máis o electorado da España “dura” adoptar un discurso acordado, novo, pedagóxico, un pacto de Estado entre as grandes forzas que presumen de constitucionalismo, no que se celebre que a diferenza catalá – igual ca outras diferenzas como a galega – forman parte dunha diversidade que enriquece, dun Estado Composto que hai non só que protexer, senón que vivificar, potenciar, actualizar?

Non debería facer autocrítica o nacionalismo catalán sobre como se xestionou o “procés” e a famosa escapada unilateral, un movemento desesperado e sen a lexitimidade social, electoral, nin o apoio internacional que requiriría tamaña aventura?

Non foi unha enorme e imprudente desmesura por parte dun dos poderes do Estado o proceso xudicial e a prisión preventiva que a precedeu? Non quedou en evidencia esa desmesura cando un dos motivos de non permitir que fose a xustiza ordinaria – a que ten a sede en Cataluña- a que levase o caso era que os indicios eran de “rebelión”, isto é, un alzamento planificado e violento, que foi o tipo penal que se lle aplicou a Tejero? Non quedou aínda máis en evidencia cando a xustiza alemá non viu tal delito, cando a avogacía do Estado, tampouco e cando a propia sentenza o desbota por completo? A quen, a que instancia, a que mente se lle ocorreu tal imputación? Era un “para que aprendan”?

Non é a sentenza outra desmesura, con tan cuestionable base xurídica como escesivos xuízos de valor e sen atenuar as penas en base aos feitos nin, como outras veces se fai, digan o que digan, contextualizar a aplicación da norma penal ás súas consecuencias incendiarias?

Non resultou totalmente irresponsable por parte do actual Govern facerlle de entrada as beiras e contemporizar con grupos de non se sabe moi ben que composición e fondura política, pero encantados de tomar as rúas, incendialas e dedicarse ao deporte de risco de lesionar mossos de escuadra como se a cousa fose un videoxogo en tres dimensións, unha alternativa máis entretida ao botellón dos venres? Alguén sopesou as consecuencias dunha espiral de violencia entre neofascistas e antisistema no centro de Barcelona?

E para rematar… Non foi -insistimos- unha brutal irresponsabilidade de PSOE e Podemos non ser quen de pactar un goberno antes deste tsunami de consecuencias electorais absolutamente impredecibles? Non haberá quen se tire dos pelos?