Resultaba moi significativo o que estaba a pasar na Igrexa española con respecto ao asunto dos abusos e a pederastia, especialmente cando se comparaba con actitudes e enfoques como os da Igrexa francesa ou alemá. En ámbolos dous casos víase unha actitude pro-activa, unha implicación das autoridades eclesiásticas no esclarecemento dos feitos e na reparación dos danos. Como non desmarcarse de semellantes prácticas e liderar o seu esclarecemento, pase o que pase e caia quen caia?
Como non desmarcarse desas prácticas e liderar o seu esclarecemento pase o que pase e caia quen caia?
A ambigüidade e o cálculo non parecen as mellores actitudes fronte a tamaño escándalo. É certo e evidente que non só se abusou sexualmente da infancia dentro da Igrexa, que tamén pasou no deporte ou na música, en organizacións civís de diversos tipos ou mesmo na veciñanza e nas familias. Pero millóns de nais e pais, de maneira absolutamente confiada, deixaron aos seus fillos e fillas en mans de institucións que se supoñían uns espazos seguros, onde se esperaba, ademais, que se lles ensinase a respectar a vida e a defender os indefensos…, pero onde non se velou coa dilixencia debida para evitar que aquelas pequenas persoas en crecemento, indefensas, fosen sexualmente molestadas, abusadas ou directamente violadas. Resulta aterrador, pero parece que en moitos estamentos e sectores clericais non se tomou conciencia da enorme gravidade desta historia.
Nin sequera diante dos relatos detallados de vítimas concretas, relatos que removen as entrañas de calquera persoa de ben, parecía haber unha reacción digna de tal nome, unha indignación proporcional ao mal causado, unha iniciativa decidida de abrir portas e ventás e facer unha limpa en condicións.
Por iso no seu momento os medios de comunicación salientaron positivamente a actitude do arcebispo de Santiago apoiando unha investigación sen reservas, feita desde ámbitos civís e democráticos, en liña tamén coa postura do cardeal arcebispo de Madrid e coa actitude do cardeal Omella, presidente dos bispos, recibindo a asociación de vítimas “Infancia robada”. E por iso mesmo esa mesma opinión pública e as vítimas de abusos desconfían cando se encomenda por parte da Conferencia Episcopal unha auditoría sobre este asunto a un equipo dirixido por un coñecido membro do Opus Dei.
A Igrexa ten un “problema orixinal” co sexo, co corpo. É imposible separar ese asunto dunha visión negativa, pecaminosa, patriarcal da corporeidade. Resulta tamén difícil separala dun celibato ou unha castidade obrigatorias, en demasiados casos malvividas como pura represión. Os abusos sexuais poden ser un síntoma, a punta do iceberg: unha espiritualidade, unha relixiosidade arredada ou enfrontada ao corpo non é sa e pode ser moi perigosa.