Que facer? Marchar de Twitter (a rede dos «chíos», agora chamada «X») ou quedar nesa rede dando a batalla contra a mentira? Ou simplemente declararse “obxectores dixitais” e “pasar das redes”.

Como é ben sabido, o home máis rico do mundo, propietario da rede «X», – e tamén de Tesla, Space X, …- , asóciase co vencedor Trump. Crean un consorcio imbatible de poder político, informativo, económico, tecnolóxico e militar. Todo con trazos machistas, racistas, supremacistas. Se fose unha película distópica, parecería unha esaxeración. Pero está pasando e o propietario das outras redes sociais maioritarias (Facebook e Instagram) apúntase ao servilismo co novo poder global e suprime as operacións de verificación de datos e mensaxes nesas redes sociais.

Enfrontámonos a sociedades más polarizadas, algo agravado pola creación e difusión de noticias falsas

O medio é a mensaxe, o medio recrea e condiciona a mensaxe, e no caso das redes sociais dirixe o estado de opinión por medio dos chamados algoritmos, que son fórmulas ocultas que ordenan e xerarquizan as mensaxes: dan visibilidade (poñen en sitio prioritario) os discursos de odio, os ataques procaces sen fundamento, favorecen os comentarios máis ofensivos e indecentes, os que atacan e socavan os consensos morais que, mal que ben, conseguíramos acadar na historia de humanidade, tales como respecto aos dereitos humanos, ás minorías, aos ideais nobres, á igualdade e á fraternidade entre persoas e culturas diversas. Ou simplemente a “boa educación”.

E ábrese o debate. Hai quen di que cómpre abandonar ese foro trucado cun algoritmo trampulleiro. O argumento é potente: «Se o algoritmo mostra nazis, fálate coma un nazi e invítate a razoar coma un nazi, é un nazi». Pero tamén hai potentes argumentos en contra de tirar a toalla: «se un nazi chega berrando a un cuarto e a xente decente marcha fóra, gaña o nazi»1

O papa Francisco inaugurou 2025 advertindo do perigo da desinformación que se propaga nas redes sociais e do risco da intelixencia artificial (IA) cando esta se utiliza para «manipular conciencias». «Enfrontámonos a sociedades cada vez más polarizadas», constatou Francisco, algo «agravado pola creación e difusión continua de noticias falsas, que no só distorsionan a realidade dos feitos, senón que terminan por distorsionar as conciencias, suscitando falsas percepcións da realidade…..[… ] No noso tempo, cando a negación de verdades evidentes parece tomar a dianteira…..é fundamental», segundo o Papa, «educar e sensibilizar a xente nova no pensamento crítico».

“Porque no mundo minguou a verdade” cantaba o trobador medieval Arias Nunes, tal como popularizou o cantautor Xosé Quintas Canella naquel portentoso rexurdimento da cantiga galega que se deu en paralelo á Transición política no pasado século. “Porque no mundo minguou a verdade, un día empeñeime en ila buscar, e onde por ela fun preguntar todos dixeron: «Buscádea noutro lugar”.

A cousa, logo, vén de lonxe.

1 – Pola súa contundencia e claridade tomamos prestados estes argumentos do debate de https://ctxt.es/es/20240901/Firmas/47377/Gerardo-Tece-debate-abandonar-Twitter-pocilga-Elon-Musk.htm