Chegou ás súas últimas fases o proceso de consulta para a preparación do Sínodo, no que Irimia participa, cun tema de debate que resulta relevante: a misión. En definitiva, nas fases anteriores discernimos sobre a comunidade eclesial “cara a dentro” (comuñón, participación, diálogo interno, integración da diversidade….) pero nesta fase trátase de dar respostas á pregunta máis problemática -se atendemos aos estudos sociolóxicos actuais-: que misión ten a Igrexa na sociedade actual, ou dito en linguaxe vulgar: que pinta a Igrexa aquí e agora? (diagnóstico); e, dependendo da resposta a esa primeira pregunta: que e como deberíamos facer para sermos e significarmos algo distinto e mellor? (plan de cambio).
ser persoas que reaccionemos diante das tribulacións ou das inxustizas, e nos esforcemos por alivialas
O primeiro como sempre é un bo diagnóstico, con sentido crítico e realista. Cómpre volver sempre a este punto. A falta de credibilidade non é só unha cuestión cultural, unha consecuencia da secularización, da experiencia colectiva de que a relixión non é algo “necesario” para vivir e sobrevivir. A crise de desafección ten moito máis que ver con cousas que pasaron. A conivencia co franquismo e a exclusión dunha metade da poboación está pasando agora factura: hai unha identificación -algo que se dá por suposto- entre catolicismo e conservadorismo social extremo. Outro tanto pasa coa pederastia, que desacredita a Igrexa radicalmente, un descrédito que se prolonga en tanto en canto se perciba falta de transparencia ou “corporativismo eclesiástico” para tapar a ignominia.
Acabáronse os tempos de predicar e non dar. Ningunha palabra é aceptable, digna de consideración, se non se pronuncia desde a coherencia, desde unha mínima e recoñecible honestidade. A única palabra significativa -vacinadas ou saturados como estamos de propaganda mentireira- é a que vai precedida por feitos. Na Igrexa debería ser este un principio elemental: é unha comunidade de seguidores e seguidoras dun mestre que, por coherencia entre o dicir e o facer, morreu de morte matada. A igualdade -feita causa e costume-, a alteridade, o ser para os demais, son probas de lume, sinais de identidade. Tal foi a lección do mestre. Sería moi recomendable recuperar -cunha formulación actual, exenta de paternalismo e maternalismo e chea de solidariedade fraterna- aquelas clásicas “obras de misericordia”, e de paso recuperar cunha linguaxe e perspectiva actual o concepto mesmo de “misericordia”. Como indica Francisco, para estarmos á altura: ser persoas que reaccionemos diante das tribulacións ou das inxustizas, e nos esforcemos por alivialas.
Certamente a Igrexa non é unha ONG, pero sen ter as raíces botadas na práctica dunha igualdade efectiva e dunha misericordia fraterna, activa, en marcha, conflitiva cando cómpre, toda mensaxe é palabra baleira, todo sacramento carece de forza simbólica, toda liturxia é folclórica ou insignificante.