Remata o segundo ano pandémico e gustaríanos celebrar aquí que no Cumio do clima de Glasgow se acadaron compromisos claros e decisivos para arrefriar o planeta e evitar o sufrimento de tanta xente -comezando polos pobres da terra- nas vindeiras décadas. Avanzouse, pero non abondo.
Calcúlase que os plan presentados por 151 países para reduciren a emisión de gases de efecto invernadoiro en 2030 implican unha mellora: poñen o planeta nun rumbo e nunha velocidade de quecemento de 2,5º no remate do século (o tope asumible recomendado polos comités científicos é dun incremento de 1,5º). Certamente é mellor que a traxectoria que se levaba antes do cumio de París, que conducía a un quecemento de 4º. O risco de desastre é aínda moi grande. As medidas comprometidas por países moi emisores de gases como Australia, China, Arabia Saudí, Brasil e Rusia, son tan fracas e pouco cribles que nas conclusións do cumio se insta aos países asinantes a revisar aquelas estratexias e compromisos ao remate do ano vindeiro, 2022, para podermos lograr unha redución suficiente en 2030.
O futuro pasa por aceptar e cultivar unha cultura da sobriedade compartida
Os acordos son extremadamente difíciles e as consecuencias impopulares. Por iso cómpre valorar que se consoliden pequenos pasos como o do control das emisións de gas metano; o remate das subvencións aos combustibles fósiles ou o incremento de axudas dos países do norte para a adaptación enerxéticos dos países do sur.
Un dos aspectos máis debatidos foi o difícil asunto das compensacións por danos e perdas do cambio climáticos que xa está acontecendo: illas que afogan baixo a auga, comunidades que son varridas do mapa, lumes devastadores e recursos hídricos que desaparecen.
2022 será logo un ano decisivo para sabermos que será das futuras xeracións da nosa casa común.
A conciencia global está medrando, o negacionismo climático devalando. En todo caso a cuestión crucial unha vez máis vai ser a da nosa capacidade para adaptar a maneira de vivir, consumir e movernos. Resulta evidente que o futuro pasa por aceptar e cultivar unha cultura da sobriedade compartida, da redución, reutilización e reciclaxe de recursos, de aforro enerxético. Pero esa necesidade choca frontalmente co bombardeo de anuncios publicitarios que nos consomen cada día e cos modelos de vida devastadores de recursos escasos que se nos seguen presentando como ideais de felicidade.
Salvar o planeta sen cambiar o sistema e os “modelos de felicidade” semella unha opción condenada ao fracaso.