A desproporción entre un AVE que pon Madrid a dúas horas e 15 minutos de Ourense e un tren decimonónico e escaso en frecuencias que pon Ourense con Lugo en 1hora e 50 minutos (isto é: vinte e cinco minutos de diferenza) resulta ben reveladora do modelo escollido, das prioridades, da “idea de Galicia” que había nos planificadores e grupos de presión –comezando polo maior grupo de comunicación de Galicia–.
Durante décadas, a febril carreira de discursos a prol do AVE enxordeceron as voces da sensatez
E non hai que ir á Galicia interior, pois na que se supón desenvolvida fachada atlántica hai ben tempo que, por exemplo, a Plataforma en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas vén denunciando o sacrificio das liñas férreas de proximidade no altar do AVE porque, tal e como din e como resulta bastante obvio, “é máis importante poder usar o tren todos os días para ir ao traballo, aos centros de estudos ou para o ocio ca poder chegar a Madrid en 4 horas. Vir do Burgo ao centro é máis útil para a maioría da xente ca ir a Madrid en 4 horas”.
En toda Galicia houbo voces. Como as do Sindicato Labrego Galego e as da Coordinadora Galega polo Tren Público Social e Sostible, co seu slogan preciso: “Por un tren que vertebre o territorio e arrefríe o planeta”. Durante máis dunha década, a febril carreira de discursos a prol do AVE non deixou escoitar as voces da sensatez. O AVE leva o 70 % do investimento ferroviario para só un 4 % de persoas que usan o tren. As estacións intermedias que poderían vertebrar o país foron esmorecendo por falta de investimento e de visión de futuro. Baleirar o territorio é exactamente iso: facelo invivible.
Efectivamente, o futuro dunha mobilidade sustentable e vertebradora en Galicia debería pasar polo tren convencional e moderno. O coche eléctrico podería ser, en todo caso, un complemento dunha axeitada rede de proximidade. Como lembraba recentemente a primeira das plataformas citadas, a propia industria automobilística -Volvo, concretamente- indica que son necesarios 200 000 quilómetros percorridos para que un coche eléctrico compense as emisións de CO2 que se xeraron na súa fabricación. Hai que recuperar o tren, o que precisa a xente do común e non só o que se axusta ás necesidades viaxeiras dos executivos de Inditex.
Pero para ter un plan de vertebración, de integración e mobilidade sustentable e climaticamente neutra dun país, hai que ter conciencia de país, cómpre soñar a Galicia que queremos, que é algo máis e diferente ao meritorio traballo de xestionar un orzamento anual practicamente igual ao do ano anterior.