Enlazamos co editorial do número anterior. Na Romaxe deste ano, parafraseando o texto evanxélico, dicíase aquilo de: “Tiven fame e organizastes un sistema para darme de comer. Estiven enferma e había un magnífico hospital público para atenderme. Fun vello e sen ingresos e había unha pensión para vivir con dignidade”. E a cousa podería seguir: “Era filla de labregos e había unha magnífica escola pública para que tivese oportunidades; fun muller maltratada e había unha casa de acollida con persoal experto para reconstruír a miña vida” etc.

Evidentemente, todo isto ten que ver coa crise da sanidade pública que traemos ás nosas páxinas neste número.

Os impostos son a forma de converter a riqueza en bens comúns

Cando Francisco comeza o seu papado, un dos temas que chaman a atención é a súa insistencia na moral fiscal: “Paguen os seus impostos”. En setembro deste ano, diante dos empresarios italianos, declarouno en termos de esixencia ben argumentada: Paguen os seus impostos porque “o pacto fiscal é o corazón do pacto social”. Aquel 12 de setembro, Francisco di, doutra maneira, o que a Romaxe, apuntaba dous días antes: Os impostos son unha forma de compartir a riqueza, para que se converta en bens comúns, como escolas, saúde, dereitos, ciencia, cultura. Patrimonio.

Ese é o milagre dunha boa fiscalidade: converter a riqueza privada en bens comúns. Isto é: corrixir o efecto perverso da iniquidade que “espontaneamente” crea o libre mercado. Unha “boa fiscalidade”: isto é, en palabras de Francisco, xusta, equitativa e fixada sobre a capacidade de pagamento de cada persoa… cun sistema e unha Administración eficientes e non corruptas.

A choiva franciscana non acaba de humedecer a secura da xerarquía da Igrexa galega nin española, que non parece verlle moita “teoloxía” a isto de pagar impostos, comezando por eles mesmos. E, moito menos aínda, o dos seus defensores históricos, a dereita e a ultradereira, cada vez menos distinguibles. Estas formacións políticas teñen todo o dereito do mundo a defender a supresión dos impostos, comezando curiosamente polos impostos aos ricos, pero unha boa “teoloxía fiscal” que desenvolvese e aplicase na vida económica os postulados do actual papa e mesmo da doutrina social da Igrexa debería quitarlle “respaldo católico” ao discurso liberal que, como se demostrou no Reino Unido, non serve para os tempos que corren.