“Limítese á Igrexa Católica, déixenos a nós o control das fronteiras”, declarou Tom Homan, responsable na materia da Administración Trump.

Ou, o que é exactamente o mesmo: “Ti atende ao teu”.

Do que supón esa frase queremos falar hoxe; ou, mellor dito, máis que dela, queremos mostrar a nosa férrea oposición a ela, ao tempo que lle agradecemos ao irmán Francisco “que non se limite a…”.

Pero antes, cómpre sinalar algúns exemplos máis que dan lugar ao enfado de míster Homan e da Administración Trump:

Nunha entrevista ao programa Che tempo che fa, Francisco manifestou que, se Trump cumpría o seu programa de deportacións masivas de inmigrantes irregulares, sería “unha desgraza; así non se resolven as cousas”.

Ninguén está de máis. Sintamos a urxencia e a beleza de entretecernos con xente de todo tipo, crenza ou cor

Vinte e sete organizacións relixiosas, como baptistas, xudeu-conservadoras, xudeu-reformistas, evanxélicas, luteranas, católicas… presentaron unha demanda diante da Corte Federal do distrito de Columbia por redadas de poboación migrante en escolas, igrexas e hospitais.

As igrexas, non só a católica, semellan ser un posible freo ao poder omnímodo de Trump e tamén unha das súas grandes obsesións. E por iso a súa anoxada resposta: “Déixenos a nós”. Velaí un lema perverso. Reflexionemos:

Ante as monstruosidades anunciadas e realizadas coas que espertamos cada día; ante a deriva á que unha minoría autocrática quere someter a historia da xente e do planeta, unha historia que é morte ou malvivir para a maioría, e de rapina e de supremacía exclusiva para eles, sen ningún tipo de norma común á que someterse,… están a utilizar, por suposto, todo tipo de forza violenta. Pero a súa panca ideolóxica para convencer enganando é: “Cíngase ao seu, déixenos a nós o control”.

Non, por favor, non nos “limitemos”, non fagamos aínda máis individuais as nosas existencias, porque cando cremos facelo así, estamos facéndoas exclusivamente gregarias, traxicamente conducidas, gobernadas, manipuladas… “Limitándonos ao noso” non saímos desta.

Máis ben ao contrario, cómpre, con moitas persoas, de nome e anónimas, facer e berrar: “Traian todas as mans”.

Ninguén está de máis: nin Francisco, nin Pepe, nin Manuela, nin Lucía, etc. Sentimos a urxencia e a beleza de imbricarnos, de entretecernos con xente de todo tipo e cor, con persoas de calquera orientación ou crenza. E sentimos que todas nos necesitamos, porque é urxente que resistamos fronte a esta deriva de extinción, cinguíndonos non á unidimensionalidade programada e inducida, senón á vida boa, compartida e repartida, á vida de todas: non sobra ninguén.