“Transformar, con creatividade, a economía”.
“Converter a economía nun espazo de respecto aos principios éticos”.
“Construír unha economía que poña no centro os pobres”.
“Converter o corazón para converter a economía”.
“Antepoñer o ben común ao ben individual”.
“Evitar que a actividade económica repercuta negativamente na nosa Casa Común”.
“Edificar esa Casa Común respectando todas as formas de vida, interesándose polo ben de todas e todos e fomentando a paz”.

Poderían ser enunciados dos capítulos dun “tratado sobre socialismo utópico para un novo milenio”. Poderían ser unha síntese de principios do que certa minoría de economistas críticos veñen chamando a “economía do ben común”, máis interesada na sustentabilidade ca no crecemento material, máis no colectivo e público ca no individual, máis na equidade ca nunha insultante diferenza de rendas entre os actores económicos.

Poderían ser capítulos dun “tratado sobre socialismo utópico para un novo milenio”

Poderían. Pero o que foron certamente, foron as mensaxes que Francisco lles trasladou aos empresarios galegos –concretamente á Confederación de Empresarios de Galicia, co seu presidente á cabeza– nunha ben recente audiencia no Vaticano. E para que a interpretación deses enunciados non fose deturpada, Francisco, no primeiro parágrafo do seu discurso, puxo esas propostas en contexto: “O luxo pulula xunto á miseria. Mentres uns poucos dispoñen dun poder amplísimo de decisión, moitos carecen de toda iniciativa e de toda responsabilidade, vivindo con frecuencia en condicións de vida e de traballo indignas da persoa humana”.

Certamente que “o lugar” no que se expón a mensaxe (eses inmensos salóns do impresionante edificio vaticano) condiciona a súa forza e os seus efectos. Pero non está de máis trazar ese rumbo diante do empresariado nunha época de traballadores pobres, empresas enerxéticas facendo o agosto, rabiosa oposición política a calquera medida tributaria que minore as diferenzas sociais e reforce os servizos públicos etc.

En todo caso, nada diso é posible sen controlar, regular, intervir no mercado; sen o reparto que fai posible unha fiscalidade avanzada, democrática e social. E, aínda máis, neste momento de “negocios sen fronteiras”, sen acordos a nivel global que recuperen para o ben común –mediante unha taxación pactada entre a comunidade de nacións– parte dos inmensos beneficios que levan as grandes compañías tecnolóxicas, as auténticas beneficiarias dunha economía mundial do “ben privativo e excluínte”.