O primeiro é recoñecernos no herdo común da galeguidade, da historia compartida, dos complexos superados, da lingua que namora, da paisaxe que nos contempla e contemplamos, dos traballos e saberes cos que producimos, creamos e investigamos; da nosa xente, dos que emigraron, das que quedaron, dos navegantes e das labregas, dos que emprenderon e dos currantes; dos castros, e dos cruceiros, dos pazos e dos canastros; da pesca, da industria, dos estaleiros, do artesanado e do agro que humanizaron o país; das deportistas e dos artistas. …. Hai moito que celebrar, e moito que agradecer. Témonos que gustar, sen arrebatos chauvinistas, pero coa naturalidade de quen está certo de ser unha persoa agraciada. E todo iso hai que celebralo, non contra ninguén, senón a favor de quen nos fixeron chegar a este momento.
hai que celebralo, non contra ninguén, senón a favor de quen nos fixeron chegar a este momento
O segundo, transmitir. Tócanos agora a nós, nais e pais, avós e avoas, mestras e ensinantes, líderes e animadoras, xente da cultura e dos medios. A nosa querenza pola terra ten que ser fértil. Non nos podemos permitir que nos disolvan no universo da mediocridade dixital, de redes interesadas que pescan para poderes ocultos. Temos que ensinar aos que veñen atrás a gozar coa nosa singularidade, a sentir o pracer e a complicidade da nosa fala, o convencemento de podermos construír un mundo mellor se o facemos mosaico de culturas, cantares e acentos. Cómpre ensinarlles a usar a peneira da sospeita cando tanto se nos porfía para que deixemos de ser nós e pasemos a ser un alimento sen sabor propio na mesa global de comida rápida.
E o terceiro recrear. Desde o convencemento e o amor por Galicia, cada xeración terá que facer os seus deberes. Recrear estratexias, compromisos e tarefas. Posiblemente imaxinar doutra maneira, con similar coherencia, con renovados estilos. Xa o están facendo, moitos deles e delas, na música, no cinema, na universidade, no ciberespazo. Hai un deber colectivo e institucional de apoialos, darlles cobertura, alento, aire para respirar.
Parece mentira que dicir algo tan constitucional como “Galicia, nacionalidade europea”, resulte agora unha ousadía. Son os tempos que corren. Tempos que requiren calma, moita coherencia, e a afouteza de quen sabe que darlle vida e futuro á propia orixinalidade é un ben para o mundo e un deber ético.