A Asociación Irimia apostou este ano por convocarnos á Romaxe galega de crentes invocando e promovendo esa idea-forza (“Sororidade e Terra”), que para moitas e moitos é xa coñecida –e practicada– e que empeza a resultar familiar para unha maioría.

Practicar a sororidade, aínda que non se saiba que se está practicando, é o do que realmente se trata. Descubrilo, darlle sentido e celebralo, tamén. Porque a sororidade demóstrase andando, nunha maneira de actuar, en accións ben concretas, nunha irmandade entre mulleres e tamén de mulleres con homes. Porque a sororidade é inclusiva e ten que ser contaxiosa: sermos irmás e irmáns. E desde a vivencia crente, celebrar a igualdade, a mesma dignidade de fillas e fillos de Deus convocadas a esa utopía dun reinado de xustiza e paz en igualdade e diversidade.

Recuperar o orgullo das pequenas cousas, alianzas que apuntan a unha sociedade e a unha economía sustentable e coidadora

O termo vén do latín soro, que significa irmá. A romaxe homenaxea mulleres que se encarnaron na nosa terra, desde abaixo, desde o corazón mesmo do noso territorio, coa xente máis humilde, creando complicidades, apoios e comunidade, de muller a muller, e desde aí, dando unha enorme aperta igualitaria a todos e todas. Non usaron fogos de artificio nin técnicas de mercadotecnia, pero alí onde estiveron inxectaron unha dose de sociedade alternativa, de fe, de coidados, de escoita, de sororidade. Falamos das comunidades de relixiosas que optaron no último cuarto do pasado século por integrarse e facerse parte das aldeas de Galicia en comunidades pequenas, cooperando no concreto da vida, axudando a facer un país mellor e máis solidario.

Tamén se trae á Romaxe a voz de mulleres de agora mesmo que, na Galicia menos urbana, recuperan o orgullo das pequenas cousas, da produción a “escala familiar”, con alianzas que apuntan a unha sociedade e a unha economía sustentable e coidadora das contornas e das vidas. Por algo estaremos en Brión, onde hai apoio público a iniciativas que nacen de abaixo, recuperando saberes e sabores, revalorizando e prestixiando o que as mulleres levan séculos facendo nas súas casas de aldea, organizando, facendo rede, gañando autoestima, voz e poder que iguala.

Celebrar e alentar a sororidade vai diso. Relacionármonos desde a igualdade, recoñecer a valía de quen nos acompaña, fomentar os coidados, valorar o que a sociedade patriarcal nunca valorou.