Ana Pascual
Ana Pascual, vive en Vigo pero as súas raíces están en Maceda (Ourense). Aterrou recentemente no mundo da educación secundaria, logo de 14 anos investigando. E desde aí relátanos esa descuberta. Traballa nun centro educativo de Pontevedra. Ademais da docencia, leva adiante un proxecto de economía circular e relaciona o seu traballo co medio ambiente. Forma parte tamén de AVIBE (plataforma de afectados polo vial de Beade en Vigo) e do movemento Ecofeminista.

Como chegas ao mundo da educación? De onde viñas?
Cheguei ao mundo da educación hai ano e medio, este é o meu segundo curso. Veño do mundo da investigación, do I+D (Investigación e Desenvolvemento). Durante 14 anos traballei nun Centro de Investigación no Porriño. O meu campo de traballo era a investigación relacionada con diferentes temas do medio ambiente, especialmente con tecnoloxías naturais de depuración de augas residuais, así como temas de biogás. Traballaba coordinando e executando proxectos de investigación a nivel galego, nacional e a nivel europeo. Pese a todo isto, a miña vocación foi sempre ser docente, dende ben pequena eu sempre soñei con ser mestra. Lembro que na casa xogaba a que eu era a mestra e imitaba o que facían os meus profesores na miña clase. Despois de moitos anos dedicados ao outro sector, decidín dar o cambio e chegoume a oportunidade de dedicarme á miña verdadeira vocación.

vexo que hai alumnos e alumnas motivados e concienciados cos problemas do seu redor

E que atopas no mundo da educación?
Atopei moitas sorpresas. Cando era estudante de EXB, nos anos 80, e despois no instituto, o concepto que se tiña dun mestre, tanto os estudantes como nas casas, era o dunha figura autoritaria á que lle importabamos máis ben pouco, máis aló da materia que daban. Dende que estou no mundo da educación, levei unha sorpresa porque onde traballo vexo que aos profesores lles interesan os alumnos e hai un trato moi próximo coas súas familias. Tamén foi moi agradable ver como a educación inclusiva vai avanzando. Non debemos esquecer que a educación xoga un papel importantísimo no fomento da cidadanía e no empoderamento das persoas. Dende logo, a educación de hoxe en día é moito máis holística, onde a innovación e o uso das novas tecnoloxías xogan un papel importante.

Por outra parte, atopei unha xeración de rapaces moi distinta a miña. Son moi faladores e teñen un afán desmesurado polo teléfono móbil e as redes sociais. Todo o que ten que ver coas novas tecnoloxías e coa sociedade tal e como a coñecemos hoxe en día inflúe moito sobre os adolescentes e o que vemos na escola é o resultado: alumnos aos que lles custa centrarse e mostrar interese na maioría das materias e que moitas veces son conformistas. Aínda que son moitos os rapaces e rapazas que pasan por esta especie de astenia educacional, ao igual que pasaba na miña época, tamén vexo que hai alumnos e alumnas motivados e que están concienciados cos problemas do seu arredor, moitas veces grazas o uso das novas tecnoloxías.

Con todo isto, a miña reflexión é que as sociedades evolucionan e a educación e a maneira de ensinar teñen que evolucionar con elas.

Ilustración EGO - ECO

Ensinas na área de ciencias. Ademais das clases, dirixes algún proxecto no colexio?
Pois imparto Matemáticas e Física e Química en 1.º, 2.º e 3.º da ESO. O ano pasado tamén din a 4.º. E, si, agora mesmo estou cooperando con dous compañeiros en levar adiante un proxecto baseado na aprendizaxe-servizo, que ten que ver coa economía circular. Chámase Colecircularidade. Busca concienciar as familias de que o mundo necesita un cambio en canto ao modelo de consumo. Ata agora predomina o consumo lineal, onde producimos, consumimos e tiramos. A sociedade está afeita a ter o último modelo en electrónica, a mercar cada tempada roupa nova etc. Isto non é sostible a longo prazo, xa que o noso planeta ten un número limitado de recursos. Por todo isto é necesario evolucionar cara a un modelo de economía circular. Este concepto de economía circular soa en máis sectores: un novo uso, unha nova vida, imos desmontar e aproveitar… todo o que sexa para reducir a cantidade de residuos, de materias primas novas. Creo que a escola é tamén un punto clave de cambio para toda a sociedade porque ao final o alumnado son os adultos de mañá. Por outra banda, traballar con eles en temas de concienciación significa tamén chegar e concienciar as súas familias e, por tanto, a sociedade.

cooperamos nun proxecto baseado na aprendizaxe-servizo que ten que ver coa economía circular

Como ves o asunto da crise medio ambiental nas escolas, tanto a nivel a nivel xeral como curricular? Pensas que se debería facer máis?
Todo pasa por un cambio de mentalidade e a educación e a vía. O medio ambiente é un tema cada vez máis importante. A educación ambiental aumenta a concienciación e o coñecemento dos rapaces e rapazas sobre temáticas e problemas ambientais. Isto fai que teñan as ferramentas necesarias para tomar decisións e medidas que melloren o medio ambiente.

A especie humana sempre interactuou e influíu no medio que a rodea. O problema que temos na actualidade é a aceleración no ritmo destas modificacións, así como o seu carácter global. Hoxe en día a sociedade enfróntase a unha auténtica crise ambiental. O reto para esta crise non só é tecnolóxico, senón que tamén supón un gran reto cambiar os valores da sociedade. A educación ambiental é clave neste sentido, xa que impulsa a adquisición de valores e comportamentos e debe ser unha práctica educativa aberta. Creo que cada vez se traballa máis nesta liña, pero aínda se pode mellorar e facer desta práctica unha práctica transversal no resto de materias curriculares.