A pesar dos retos, a Chave segue aberta á veciñanza e conta cunha programación estable que inclúe festividades tradicionais como o Lume Vello, os Maios ou o Magosto. Ademais, as crianzas —as súas “nociñas”— foron e seguen sendo parte fundamental da súa historia. Neste encontro, as súas impulsoras cóntannos como xurdiu a iniciativa, como evolucionou e cales son os seus retos de futuro.
Como xurdiu a idea de crear A Chave das Noces?
No ano 2015, un grupo de máis de dez persoas con inquedanzas culturais e sociais decidimos poñer en marcha un centro social autoxestionado en Castroverde. A nosa motivación principal era contar cun espazo físico de encontro para maiores e crianzas, máis alá da escola, onde socializar de xeito interxeracional e desenvolver diversas actividades culturais.

Recentemente presentamos o ‘Dicionario de Amuletos Galegos’ de Rafael Quintía.
Que tipo de actividades organizades no centro?
Desde o inicio, puxemos en marcha unha programación cultural estable e cotiá. Alugamos un antigo mesón e comezamos a organizar actividades semanais que incluían obradoiros, charlas, concertos, presentacións de libros e encontros con persoas de fóra que viñan compartir as súas experiencias. Tamén creamos un espazo de encontro habitual para as nenas e nenos, acordando merendar xuntos os luns, sen outra pretensión que xuntar á cativada. Ademais, fixemos cursos de maior duración, como talla en madeira, costura, pintura, e aulas de baile e percusión tradicional que aínda se manteñen a día de hoxe.

Por que escolliches o nome ‘A Chave das Noces’?
O nome levounos varios días de debate. Finalmente, decidímonos por ‘A Chave das Noces’ porque é un dito popular empregado en moitas zonas de Galicia que significa ter a solución, a chave mestra para resolver algo. No noso caso, coa creación da asociación sociocultural, criamos ter a ‘solución’ para dinamizar a vida sociocultural do concello e da contorna. Coidamos que si lle demos un pulo moi importante, pois, ademais das actividades que A Chave botou a andar, o exemplo serviu para fomentar que outros organismos fixesen outras.

“Creamos un espazo onde onde socializar de xeito interxeracional”
Como evolucionou a actividade da asociación nos últimos anos?
Nos últimos tempos, a actividade da Chave baixou moito. O tempo de inactividade durante a pandemia non axudou, pero xa viñamos vivindo unha redución dos actos celebrados e dos días de apertura do local, que agora é en Montecubeiro e de titularidade municipal, pois non podiamos seguir asumindo o pagamento dun aluguer. Situacións laborais e persoais do núcleo organizador, así como un certo cansazo tras o frenético ritmo do inicio e a falta de relevo por parte de xente máis nova, fixeron que pactásemos uns actos anuais fixos en datas concretas que nos gustan moito e teñen un importante seguimento. Así, o Lume Vello, a festa dos Maios, o Samaín e o Magosto coorganizado co Sindicato Labrego Galego son as actividades programadas pola asociación ás que non renunciamos.

Que perspectivas tedes para o futuro da asociación?
Non renunciamos a este proxecto, que tantos traballos pero tamén tantas alegrías nos deu ata o día de hoxe. Aínda que a actividade diminuíu, estamos abertas a propostas das persoas asociadas e xente próxima á Chave. Por exemplo, recentemente presentamos o ‘Dicionario de Amuletos Galegos’ do antropólogo Rafael Quintía. Ademais, neste ano imos botar a andar un club de lectura para rapazada en colaboración co Concello, e algunhas das persoas participantes e xa organizadoras son das nosas ‘nociñas’. Tampouco hai que esquecer as fillas que pariu a Chave: as aulas de baile tradicional e pandeireta gozan de boa saúde, e a outra filla, Billarda Verde, segue aí, pelexando da metade para arriba da clasificación na Liga Nacional de Billarda, con outras asociacións e equipos irmáns deste fermoso xogo tradicional.

O noso exemplo serviu para que outros organismos fixesen outras actividades
Como valorades o impacto da asociación na comunidade local?
Coidamos que demos un pulo moi importante á vida sociocultural do concello e da contorna. Ademais das actividades que A Chave botou a andar, o noso exemplo serviu para fomentar que outros organismos fixesen outras. A pesar das dificultades, seguimos camiñando e non renunciamos a este proxecto, que tantos traballos pero tamén tantas alegrías nos deu ata o día de hoxe.