“A CRTVG é hoxe un instrumento de propaganda: manipulación diaria e censura sistemática”
“O clima laboral é moi desagradable, con directivos chamando a traballadores para coaccionalos”
“O PPdeG puxo en marcha unha estratexia de desmantelamento dos medios públicos galegos”
Tras máis de seis anos de mobilizacións e uns 300 ‘Venres Negros’, que logros acadastes ata agora?
O principal logro foi visibilizar a grave situación de manipulación informativa e censura que atravesan os medios públicos galegos e tamén facerlle saber á cidadanía, lexítima propietaria deses medios, que non somos cómplices dos dirixentes da CRTVG. De aí a nosa denominación. “Defende A Galega” é unha chamada á sociedade para que tome conciencia do que ocorre e para que non o tolere.
A plataforma naceu para denunciar a manipulación e loitar, sen medo, contra esas prácticas na radio e na tele públicas, para acabar con elas. Ese obxectivo, é evidente, non se conseguiu ata agora. Pero o certo é que cada vez máis xente é consciente de que se lle está furtando o seu dereito a recibir información veraz e xa non cala, tamén o denuncia e o repudia.
Todo isto agora ten cabida na axenda dos lexisladores, que levan ao Parlamento de Galicia e ao Congreso dos Deputados as denuncias de manipulación. Tamén nas institucións europeas, onde a falta de independencia na CRTVG é xa coñecida.
Poderiades explicar con algún exemplo práctico como se manipula un telexornal na TVG?
Hai centos. Todos os días hai manipulación nos informativos da TVG e da RG. É recorrente. Por citar un, o tratamento nesgado dos datos económicos segundo sexan favorables ou non para a Xunta. Por exemplo, cando os datos do paro son peores en Galicia que en España (cando non goberna o PP), agóchanse entre cifras cara ao final da noticia. Cando é ao revés, ábrese a información por aí e contraponse cos datos estatais. Iso sucede todos os meses.
A CRTVG reparte cartos entre a maior parte dos medios tradicionais e, deste xeito, garanten o seu silencio
As mobilizacións pola xestión da Xunta en sanidade ou educación, as protestas contra Altri ou a Mina de Touro, as das mariscadoras… non aparecen nos informativos a maior parte das veces e, cando se dan, raro é que se escoiten as voces dos protagonistas, quedando reducidas a breves preto do final. As que teñen que ver co Goberno central (cando non é do PP) teñen ampla cobertura.
A información política é unha caricatura, por cualificalo suavemente. Por exemplo, moitas noticias sobre acusacións, casos ou condenas por corrupción a dirixentes do PP quedan reducidas a breves, cando non se ocultan. A Gürtel, por mencionar unha. Nada que ver coa cobertura ao minuto do Caso Koldo.
Tamén se dá con frecuencia unha situación surrealista: informacións que afectan negativamente á Xunta ou ao PP non teñen cabida nos telexornais da TVG nin nos informativos da RG ata que Xunta ou PP responden ao respecto á oposición ou aos xornalistas. É entón cando as noticias se fan eco por primeira vez, non para falar da denuncia, da acusación ou da condena, senón para facer de altofalantes do que din os aludidos. Algo semellante pasou coa crise dos pellets, da que os medios públicos galegos non informaron —e, polo tanto, ocultaron— ata que os conselleiros comezaron a culpar ao Goberno central; entón si deron ampla cobertura a esas críticas, mentres agochaban a versión do Goberno e as voces da oposición galega.
Que impacto credes que está tendo esta manipulación na sociedade galega e na súa percepción da CRTVG?
As consecuencias do que levamos anos denunciando son gravísimas, porque se está vulnerando o dereito a recibir información veraz consagrado nas leis. A CRTVG, lonxe de contribuír á formación dunha opinión pública plural, pretende guiala cara a unha opción política concreta, menosprezando, de paso, a intelixencia da cidadanía á que se debe. E iso ten un clarísimo efecto na reputación dos medios públicos e, por conseguinte, na súa credibilidade. A actual dirección é responsable da dilapidación da marca CRTVG e da confianza dos galegos e galegas nos seus medios de comunicación públicos. Os últimos datos de audiencia así o reflicten, por moito que tamén aquí se queira manipular.
O peso dos gobernos sempre foi grande na TVG. Que cambiou para que agora sexa peor?
Todos os gobernos quixeron exercer presión sobre os medios públicos, e sempre houbo tensións na redacción para tratar de evitalas. Nos últimos anos, o principal cambio consistiu en que, desde as xefaturas intermedias, xa non é que non se tenten evitar as inxerencias: son quen as ocupa os que, de forma vergoñenta e proactiva, se prestan, se ofrecen ao poder para manipular e censurar. E tamén trasladan, cun nivel de violencia nunca antes exercido, esas presións aos traballadores e traballadoras.
O PPdeG quere pechar a tele?
Que puxo en marcha unha estratexia de desmantelamento dos medios públicos galegos é algo máis que constatable. Comezando co peche das delegacións da Mariña, Pontevedra e Ferrol; seguindo coa desaparición das desconexións locais, coa redución da produción propia e co incremento da externalización, coa desatención ao público infantil e xuvenil… E agora co proxecto de lei que acaba coa marca CRTVG, que levanta a prohibición de cederlles a terceiros a edición e realización dos informativos e que lles abre de par en par a porta a linguas distintas ao galego.
“Deixaron morrer o Xabarín Club para silenciar a conexión do galego coa mocidade”
Hai algunha televisión en España que consideredes un modelo a seguir? Pode ser TVE?
Todas as televisións públicas en España teñen problemas, e atravesamos ademais un momento de cambio no panorama audiovisual. Lamentablemente, RTVE tamén acaba de sufrir un retroceso legal coa introdución dunha modificación lexislativa que permite elixir os membros do Consello de Administración con maioría simple. Pero o certo é que, para a independencia dos seus profesionais, dispón dunha ferramenta como o Consello de Informativos, integrado por traballadores do medio, que vela pola súa independencia e que lles dá amparo se hai intentos de inxerencias na súa tarefa profesional. Un Consello de Informativos que na CRTVG debería levar máis de 12 anos creado, tal e como establece a vixente Lei de Medios Públicos de Galicia, e que nunca houbo interese en constituír.
Podedes describir como se vive o clima laboral na CRTVG e que medidas de presión exerce a dirección para evitar o seguimento da folga?
O clima laboral é moi desagradable, cos cargos directivos da empresa facendo chamadas a traballadores e traballadoras para coaccionalos, ou presentándose nos postos de traballo á hora en que comeza a folga para incomodar a quen quere exercer o seu dereito.
Hai que ser valentes e estar comprometidos coa defensa da tele pública cando incluso se está a falar de despedimentos de traballadores?
Se falamos de comprometerse ou non, falamos de liberdade de elección. Cada un dos traballadores e traballadoras da CRTVG é maduro para elixir que facer. O problema é que esa liberdade non é tal desde o momento en que optar por unha das decisións trae consigo atrancos e ameazas que afectan á traxectoria profesional e tamén vital. E mesmo así, somos moitas as que damos o paso diariamente. Estamos ante un conflito que afecta dereitos fundamentais, da cidadanía e do propio persoal.
Nestes anos, non houbo ningunha proposta concreta por parte da empresa ou vosa que servise para empezar a negociar?
A nosa proposta está ben clara desde o principio: acabar coa manipulación e coa censura na CRTVG. E para iso pedimos algo moi concreto e moi sinxelo: que se cumpra a lei. É unha mágoa que algo tan simple e básico teña que seguir sendo reclamado cando xa pasaron 13 anos da entrada en vigor da lei. É unha vergonza que non existan un Estatuto Profesional e un Consello de Informativos, e que o propio director xeral siga no posto sen ser elixido por unha maioría cualificada do Parlamento, tal e como establece a lei.
O desmantelamento da TVG está en marcha: externalizacións, despidos e abandono da produción propia
A empresa nin sequera pronuncia o noso nome. Defende A Galega é tachado por Alfonso Sánchez Izquierdo de “ese movemento do que vostede me fala”, un grupo “minoritario”, di, de “activistas” aos que non recoñece lexitimidade. E iso malia a que a maior parte das súas intervencións na comisión de control do Parlamento nestes últimos seis anos foron para responder -de forma vergoñenta- ás denuncias feitas públicas por Defende A Galega.
Hai tanta unanimidade no equipo directivo? Hai executivos que foron compañeiros vosos. Non hai ninguén que, en off the record, recoñeza que tedes razón en algo?
Hai cargos intermedios que lles trasladan ordes ás traballadoras, pero ao mesmo tempo quéixanse do mal que se fan as cousas. Non existe equipo directivo como tal, existe unha correa de transmisión de ordes da que ninguén se fai responsable. Unha correa, por certo, ben longa e enredada, porque a estrutura de dirección é cada vez maior, mentres o cadro de persoal adelgaza cada vez máis.
Por que pensades que as vosas reivindicacións teñen pouca cobertura nos medios tradicionais galegos? Hai interese nos medios en non incomodar á dirección da CRTVG?
A CRTVG contrata produtos audiovisuais da maior parte dos medios tradicionais que hai en Galicia. É dicir, reparte cartos entre eles e, deste xeito, garanten o seu silencio respecto da situación interna e da manipulación informativa.
Levastes as protestas a foros internacionais. Pode que poucas folgas galegas tivesen esta proxección. Que vos din?
A folga, convocada polo comité interempresas, tivo eco no Parlamento Europeo grazas ao traballo dos membros do comité de folga, que levaron a ese foro as denuncias de externalización e o xa proxecto de lei de medios da Xunta. Os altos cargos cos que se reuniron comprometéronse a estar vixiantes cun texto normativo que, ademais de acabar coa marca CRTVG, non fai outra cousa que blindar por lei o papel dos medios públicos galegos como instrumento de propaganda partidista, como correa de transmisión do punto de vista único do partido gobernante.
A Federación Europea de Xornalistas participou nun foro en Santiago sobre a lexislación europea de medios que ese proxecto de lei non respecta. A presidenta da Federación amosou publicamente o seu apoio á folga e a Defende A Galega poñendo os venres a camisola negra.
Credes que o anteproxecto de lei que fala de flexibilizar os usos lingüísticos nos medios públicos (dando espazo ao castelán e inglés) compromete a identidade da CRTVG?
Sen ningunha dúbida. É un retroceso enorme para unha das misións principais da CRTVG, como é a promoción e difusión da lingua propia. O galego é a nosa razón de ser e xustificar o uso doutras linguas para promover e difundir a nosa cultura fóra non ten sentido ningún. Acaso non é a lingua o maior sinal de identidade de Galicia?
O futuro é negro se non hai un cambio de temón
Que responsabilidade ten a TVG na desconexión co galego dos nenos e nenas, sobre todo despois da importancia que tivo o Xabarín Club nunha xeración?
A demolición premeditada do Xabarín Club é unha das accións máis deleznables dos últimos anos na CRTVG. O que conseguiu o Xabarín foi un fito na historia contemporánea de Galicia: por primeira vez conectaba esa xeración que medrou nos 90 cunha lingua que non só se falaba na casa ou no colexio, senón que era a lingua para o lecer, para o divertimento, para as trasnadas. E todo iso que conseguira a xente do porco bravo, un auténtico motor dinamizador para a xente nova, moderno e descarado, un éxito, en definitiva, en lugar de fortalecelo e facelo medrar cos tempos, deixárono morrer de inanición.
Despois diso, a nada. Non hai unha oferta infantil decente na CRTVG, non se pretende nin sequera gañar público infantil.
A CRTVG afronta caídas de audiencia preocupantes. Que solucións propoñedes para reverter esta situación e conectar de novo coa cidadanía?
Vaia por diante que, para un medio de comunicación público, gañar audiencia non debe ser o primeiro obxectivo nin o que xustifique todo. O noso é un servizo público esencial, e prestar ese servizo axeitadamente debe ser a prioridade. Deixar traballar os profesionais, promover uns medios rigorosos, con información de calidade, contextualizada e veraz, sempre vai atraer audiencia. Deixar de menosprezar os oíntes e os telespectadores e cambiar a oferta de entretemento —na actualidade repetitiva e espello dun país no que os galegos e galegas non se recoñecen— atraería audiencia.
Que futuro imaxinades para a CRTVG se a situación actual continúa?
Dicímosllelo desde hai máis de 340 venres: o futuro é negro se non hai un cambio de temón. Como xa dixemos, os medios públicos galegos van camiño da irrelevancia, co que iso significa: está en xogo a calidade da democracia en Galicia. Por iso a sociedade galega tamén ten que reclamar ese cambio de rumbo con toda a forza posible. Todas a unha. Liberemos A Galega.
Máis información na conta de X: x.com/DefendeAGalega
Fotos: cedidas por Defende A Galega