Andrea Mazzola é licenciado en Filosofia pola Universidade de Nápoles e doutor em Filosofia das Ciencias pola Universidade de Lisboa. É autor do libro “Transumano mon amour”, publicado polo Jornal Mapa em 2021.
Que é o transhumanismo e por que escribiches un libro para alertar sobre el?
O transhumanismo é unha ideoloxía que decretou a fin da humanidade. Defende que, ante a crise ambiental, non hai posibilidade de adaptación natural e, polo tanto, pretende servirse da xenética, da medicina ou da tecnoloxía informática… para crear outra forma de vida, artificial, na que as elites poidan sobrevivir á catástrofe.
É unha forma de racismo extremo contra toda a humanidade. Aos transhumanistas gústalles a metáfora da Terra como unha nave espacial que viaxa polo universo. Mais eu creo que esta metáfora é propaganda: a realidade é que ven o planeta Terra como un barco negreiro. Naqueles barcos, cando se producía un erro de ruta durante a viaxe, para equilibrar os escasos recursos botaban africanos á auga. Para os transhumanistas, toda a humanidade somos negros que poden ser descartados para facilitar a súa viaxe cara ao futuro.
Quen son estes transhumanistas? Onde están?
Os principais referentes están na elite tecnocrática das corporacións de Silicon Valley: son coñecidos Peter Thiel ou Elon Musk. Pero tamén temos intelectuais como Nick Bostrom ou Yuval Harari. Diría que están en todas partes: no interior das elites —en Europa, nos Estados Unidos, en Rusia, na China…— hai persoas que abrazaron esta ideoloxía sen teren que levar un «carné do partido». Neste caso, tal carné non é preciso, porque se encontran en círculos pechados ou nos grandes foros de política e economía.
Comparten un desprezo declarado pola humanidade, agás algunha retórica aparentemente socialdemócrata, como a de Nick Bostrom. Outra das súas características é o aceleracionismo tecnoindustrial. Non considera posible remediar os danos causados ata agora, nin o equilibrio entre a sociedade humana e o medio ambiente; entón, adopta unha perspectiva nihilista que propón acelerar o desenvolvemento destrutivo. O futuro —din— non é para a humanidade, senón para esa criatura post-humana que pretenden alcanzar hibridando o corpo orgánico do ser humano con aparellos informáticos, mediante enxeñaría xenética ou creando un programa informático capaz de aloxar a conciencia.
Todas estas son liñas de investigación reais cara ás cales está a fluír moitísimo diñeiro que deixa de ir destinado ás necesidades básicas da poboación. Lémbranos as pirámides dos faraóns: grandes esforzos colectivos dirixidos por unha visión mitolóxica.
Porén, aínda que o transhumanismo sexa unha ideoloxía das elites, paréceme que hai unha especie de penetración deste ideal na cultura de masas do noso tempo. Non cres? A aspiración de transformarnos por medio da tecnoloxía para superar as limitacións básicas da especie humana é amplamente compartida, se falamos de implantes biónicos para que as persoas tetrapléxicas volvan camiñar, ou de terapias xénicas para vivir ata os cen anos, ou ata os cento vinte…
Tes razón, mais creo que é preciso facer unha distinción: a maioría das intervencións médicas normais encaixan na deontoloxía tradicional dunha intervención reparadora e terapéutica. Por exemplo, os lentes tamén son tecnoloxía, pero serven para que eu poida ver como as outras persoas que non teñen deficiencias visuais. A cuestión clave non é se a intervención médica é de alta ou de baixa tecnoloxía, senón se está dirixida a garantir que a persoa que ten algunha dificultade poida volver estar ao mesmo nivel ca as demais, ou se, pola contra, é unha intervención potenciadora, melloradora, que creará unha vantaxe sobre o resto.
“Para os transhumanistas a Terra é un navío negreiro, e toda a humanidade somos escravos que poden ser descartados para facilitar a súa viaxe cara ao futuro”
Porén, esta distinción non é tan fácil de aplicar na práctica, porque a propaganda transhumanista adoita estar guiada por unha retórica filantrópica —non no caso de Elon Musk ou Peter Thiel, que son racistas crus e nus, pero si no de autores como Nick Bostrom— na que as innovacións tecnolóxicas ou médicas se presentan como un ben do que toda a poboación podería beneficiarse, para lexitimar o diñeiro público que reciben. A realidade é que despois son xestionadas por universidades privadas ou centros de investigación e laboratorios sen esixencias de transparencia nin de rendición de contas, baixo a influencia dos aparellos militares, avanzando cara a obxectivos ocultos.
Permíteme que volva a esa diferenza entre «curar» e «mellorar», que non me parece tan clara. Devolverlle a unha persoa de oitenta anos as capacidades físicas que tiña aos corenta… en que categoría entra? Non falo de voar nin de ter supervelocidade, senón de poder conservar o corpo nunha xuventude humana… máis eterna.
Ao meu entender, trátase xa dunha intervención melloradora, porque a «terapia» parte da idea de que existe un funcionamento máis ou menos «común». E non hai nada tan común, universal e humano como avellentar.
Esa pretensión da eterna mocidade é cruelmente insolidaria. Pretender ter un corpo novo aos oitenta anos adoita implicar tamén querer facer turismo, contaminar e continuar coa actitude de consumo desmedido dos corenta anos, e polo tanto ten enormes impactos de inxustiza social. Significa consumir sen límite os recursos dos nosos netos, porque o que se consuma hoxe faltará mañá. É o mito do vampiro, que lles chucha o sangue aos máis novos para ser inmortal.
Eu defendo a humildade como principio ético, que impón ás persoas unha autorrenuncia. Desde un punto de vista máis naturalista, se existen as etapas da vida e existe a morte, é por un principio básico que Hannah Arendt identificou dalgunha maneira: o pluralismo. Se non existe a morte nin a substitución das xeracións, non hai espazo para o futuro nin para outros seres. Polo tanto, esta obsesión pola lonxevidade encerra unha aspiración totalitaria de quen quere vivir para sempre e non acepta que outros veñan ao mundo. Repara en que hai moitos institutos que dedican á investigación da inmortalidade terreal recursos que serían fundamentais para salvar as crianzas que morren de fame ou que non teñen auga…
Eu creo que isto toca un punto importante e profundo, do que se aproveita todo este proxecto transhumanista para penetrar na sociedade. O instinto de supervivencia fai natural que, se temos a posibilidade técnica, queiramos fuxir da morte sen nos importar o prezo material ou ético que haxa que pagar. O capítulo 5 do teu libro titúlase «Contra a perfección: en defensa da condición humana e dun mundo común». Como ves posible xerar unha cultura social que nos axude a reconciliarnos coa nosa imperfección, coa nosa fraxilidade e cos nosos límites, e que rexeite a obsesión por superalos?
É moi difícil, porque hai claramente unha inclinación moi profunda no ser humano a vencer os límites e a morte, sobre a que se apoia despois unha ideoloxía como o transhumanismo.
Desde o punto de vista da antropoloxía filosófica, son moi pesimista, porque, na verdade, non sei de ningún culto, rito ou mito… que enxalzase a finitude. Sempre hai un intento de fuxida, unha procura dun máis alá. A cultura humana parece caracterizarse, case universalmente, polo esforzo de elaborar algo que nos permita ilusionarnos con que non somos finitos, con que non imos finar.
A min gustaríame que existise unha cultura que fixese da finitude o punto de partida para a beleza da vida, polo feito de esta ter diversidade, sucesión na existencia. E isto implicaría tamén aceptar a substitución: todo acaba e, polo tanto, deixa espazo para algo novo.
Mesmo no materialismo histórico, na cultura socialista, existiron correntes como o «cosmismo» de Nikolai Fiodorov, que, na realidade, son precedentes do transhumanismo actual.
Talvez non haxa ningunha cultura que defenda esa reconciliación coa finitude, coa limitación e coa morte, pero eu si que podo ver certas advertencias contra esa vontade de superar os límites, de querer ser deuses, tanto na relixión como na cultura popular: pensemos no mito de Prometeo, na expulsión de Adán e Eva do Edén, na torre de Babel ou mesmo no Frankenstein de Mary Shelley…
Claramente, hai advertencias, pero temos que matizalas. Por exemplo, na cultura grega, en xeral, tiñan a idea de que, máis alá da morte, o individuo perdía a súa individualidade. No Hades non había rostros; os que morrían perdían a súa identidade, Aquiles deixaba de ser Aquiles… Neste sentido, penso que a cultura grega estaba moito máis próxima á aceptación da finitude cá cultura cristiá, na que, máis alá da morte, continuamos a ser os suxeitos que somos.
Eu detecto unha liña de continuidade entre certa mitoloxía xudeu-cristiá e o transhumanismo, aínda que cunha gran diferenza: os transhumanistas rexeitan completamente a idea dun máis alá e procuran a inmortalidade terreal. Pero, mentres que para un grego un transhumanista probablemente sería un tolo, en cambio hai moitos transhumanistas que se declaran cristiáns, aínda que sexan herexes, porque no fondo negan todos os dogmas ou as doutrinas do cristianismo…
Que papel xoga a intelixencia artificial no proxecto transhumanista?
A intelixencia artificial é unha ferramenta militar. Máis ca unha ferramenta de clase para destruír emprego e crear condicións de precariedade no mundo laboral, está a ser unha arma fundamental para as guerras de xenocidio en curso, así como para o control xenófobo das fronteiras.
O futuro que debuxan as elites pasa por unha guerra civil planetaria. Para os transhumanistas, un escenario de escaseza total de recursos e de redución drástica da poboación mesmo pode ser bo, porque imaxinan que os robots conseguirán producir o necesario para as elites. Esa escaseza de recursos nunca afectará a investigación tecnocientífica, que será privilexiada con toda a auga e a enerxía necesarias.
A IA contribúe poderosamente tanto ao ideal de automatización da produción e redución do compoñente laboral ao mínimo —que sempre foi o obxectivo de clase das elites patronais— como ao avance cara ao obxectivo desa nova criatura post-humana que poida sobrevivir sen auga, sen ar, nun mundo quente, en búnkeres ou sen luz solar.