Hoxe vivimos máis conectadas ca nunca, pero tamén máis soas. A Nubeira é unha resposta a esa soidade?
Sen dúbida, é unha maneira de xerar conexión con xente moi diversa e tecer de novo esa tea social que antes se facía nos barrios. Se algo está a soster este proxecto tan ambicioso é a rede que, desde comezos de 2023 —máis dun ano antes de ter espazo—, leva en pé semanalmente traballando para que saia adiante.
“Cando a veciñanza se xunta, o barrio esperta”
Que significa para vós estar “á marxe da lóxica do mercado”?
Significa, en esencia, que unha das nosas liñas vermellas fundacionais é que, de portas cara a dentro, na Nubeira non se poden realizar actividades económicas de beneficio privado. As persoas que dan aulas ás socias fano por militancia, igual que quen fai a reforma construtiva do espazo ou quen responde a esta entrevista. Se podes achegar, achegas o que poidas. Por iso mesmo, ningunha aula se cobra e as escasas transaccións que hai son só para soster os gastos estruturais do centro social.
Como se fai para que un espazo así sexa de toda a veciñanza, non só da xente militante?
Pois propoñendo iniciativas e eventos máis abertos, que cheguen á veciñanza e aos distintos grupos de idade, tentando transmitir que o espazo é de todas. Iso traduciuse, desde o comezo, nunha estratexia de agrupamento transversal entre os movementos sociais e veciñais da cidade. O denominador común de todas as persoas e colectivos que facemos parte da Nubeira é que precisamos e queremos un espazo grande, autoxestionado e horizontal. E alí convivimos persoas de todo tipo: máis centradas na cultura ou máis no activismo, pero cunhas necesidades e uns valores mínimos idénticos.
Por que é tan difícil atopar hoxe un lugar para xuntarse sen consumir?
Aínda que non nos guste, estamos nunha sociedade consumista. A alternativa para quen non somos do centro sempre foi o monte, a praia, a natureza… Ter un espazo onde estar e xuntarte con máis xente sen ter que consumir significa tamén relacionarte máis, socializar, algo que agora mesmo, coas redes sociais, é complexo. É difícil pensar nun espazo sen consumo tamén porque os lugares para socializar sempre foron os bares. Procuramos ser unha excepción nese sentido.
“O barrio é o mellor antídoto contra a soidade”
Que aprendestes do poder do colectivo desde que abrístes A Nubeira?
Que hai unha maioría silenciosa que está desexando construír en colectivo. Que hai certa desconexión entre as plataformas veciñais de persoas afectadas por diversos motivos, entre moitos dos movementos sociais da nosa cidade. Que hai unha fenda xeracional tamén que afecta a todos eles. Estamos convencidas de que un espazo común coma este pode axudar a tecer esas pontes e a construír espazos liberados, autónomos da presión institucional e mercantil.
Vedes medrar unha nova rede de centros sociais por Galicia? Pódese facer país desde os barrios?
Non hai outro xeito. As grandes transformacións da vida das persoas sempre as empurrou a sociedade civil organizada.
Falades dunha redución das posibilidades para a cultura e o activismo. Que papel xoga A Nubeira fronte a iso?
Especialmente en Vigo, desde o Concello houbo unha estratexia de desmantelamento sistemático de todo aquel espazo político ou cultural que non comungase coa hexemonía do goberno local. Pecharon, a través da denegación de subvencións, as maiores manifestacións culturais da cidade. Nós queremos darlle un oco a esa xente tamén.
“A Nubeira é a cidade que imaxinamos”
Como se mantén a ilusión e o consenso entre tantas persoas e colectivos?
É complexo, pero creemos que hai consenso porque temos todas como obxectivo o benestar social: achegar algo á sociedade, algo que non sexa material. A ilusión ou as ganas, creo, van e veñen; como colectivo, hai xente que se implica máis en certos momentos, hai un relevo que fai que non se perdan nunca. A chave é ter unha visión transversal entre persoas e colectivos. A construción conxunta deste relato da esperanza mantennos vivas.
Que lle diríades a quen queira montar unha “Nubeira” na súa vila ou barrio?
Leccións imos poder dar poucas, alén desa sorte de visión frenteamplista, se se quere. O que si podemos é axudar sinalando as cousas que nos funcionaron e as que non, para non cometer os mesmos erros e probar se tamén son replicables os acertos. A porta está aberta a quen queira.
E se tiverades que resumir o voso soño nunha frase, cal sería?
Construír a cidade que imaxinamos.
Máis información en:
https://anubeira.gal/