O pasado mes de febreiro Xan Baliñas Vidal defendía na Facultade de Humanidades de Lugo o seu Traballo de Fin de Grao titulado Abrente de loita e festa a través dos tempos: Estudo sobre o impacto da Romaxe de Crentes Galegos en Galicia de 1978 á actualidade, dirixido polo profesor Carlos Baliñas Pérez. Para min, nai do graduado e irimega de ben, é unha honra e un orgullo podervos anunciar e presentar este traballo do meu fillo. Nel, amais de aplicar os coñecementos adquiridos no grao de Humanidades para a Difusión Cultural que cursou no campus lugués, visibilizou as romaxes e a asociación Irimia no ámbito académico da USC. Oxalá o exemplo prenda e se estenda, e a historia de Igrexa Galega no século XX (de toda a Igrexa, non só da institucional) ocupe o lugar que lle corresponde no estudo e a investigación.
Porque elixiches este tema para o teu TFG?
Ao principio, facíao porque me parecía un tema sobre o que poucos, fóra da Igrexa galega ou da comunidade irimega, tería oído falar. Máis adiante, segundo ía avanzando no traballo, a miña motivación mudou. Xa non se trataba de sacar ou non unha boa nota co traballo senón que se volveu un traballo de conservación, de deixar constancia de que existe este movemento que funde as súas raigañas no espírito da transición democrática. Ademais, que mellor lugar para escribir e defender este traballo que a facultade na que, durante anos, deu clase Bernardo García Cendán?
que mellor lugar para escribir e defender este traballo que a facultade na que deu clase Bernardo García Cendán?
De todo o que coñeciches sobre a Romaxe, que foi o que máis chamou a túa atención?
A gran variedade de temas que tocou ao longo da súa historia ademais da creatividade dos que pensaban as romaxes. Unha creatividade que deu pé a celebracións moi xeitosas como a III Romaxe (“A Cantiga das Augas”), con aquel rito de ‘Espertar o Pai Miño’, a IV Romaxe (“Polo camiño verde”), coa súa interpretación apocalíptica da degradación do medio natural, ou a XXVI Romaxe (“Venturosos os pés”), coa súa reflexión sobre os males da ignorancia e a necidade política así como o amor á terra e a fala.
Cando o expuxeches, que foi o que máis chamou a atención do tribunal?
Á parte dunha serie de cuestións relativas ao estilo e á presentación do traballo, o máis sorprendente para o tribunal foi, esencialmente, a propia existencia da Romaxe así como o seus choques coa Igrexa institucional (reafirmando o que xa anticipaba cando comecei a entrevista). Nunca imaxinaron que puidera existir un movemento de renovación coma este en España, moito menos en Galicia.
Que comentarios dos que che fixeron queres salientar?
Que quizais debía ter afondado máis na historia social de Galicia e o papel que desempeñou a Romaxe nela, se ben admitiron que a extensión máxima permitida era insuficiente para tratar con especial fondura todo o fenómeno romaxeiro. Tanto é así que tiven que pasar a listaxe de romaxes (na cal compilaba e describía todas as romaxes desde o inicio ata o ano pasado) aos anexos do traballo porque iso só xa ocupaba unhas 30 páxinas.
Nunca imaxinaron que puidera existir un movemento de renovación coma este, moito menos en Galicia
No traballo sistematizaches os temas e localizacións das romaxes a través de varias gráficas que ilustran este traballo. Queres comentar algo delas?
No tocante as temáticas, a delimitación en catro temas fundamentais (a saber, “Medio natural e coidado da natureza”, “Chamada á Esperanza”, “Denuncia das inxustizas en Galicia” e “Historia de Fe e Galeguidade”) resultou un traballo relativamente sinxelo pero a distribución resulta bastante desigual pois a temática de “Fe e Galeguidade”, o gran tema da Romaxe, está presente en 16 das 35 romaxes revisadas con axuda dos textos dos que dispoñía durante a elaboración do traballo. Dentro da incidencia das romaxes podería salientar a gran participación das provincias da Coruña e Lugo, nas cales se celebraron, por xunto, 28 das 43 romaxes celebradas ata hoxe.
Para desenvolveres o traballo, amais da descrición das romaxes, tamén realizaches unha serie de entrevistas a diferentes persoas que participaron das mesmas. Que criterio ou criterios seguiches para escoller aos entrevistados?
Principalmente busquei a paridade home-muller e a diversidade de cara aos diferentes momentos de entrada no movemento. Dito doutra maneira, a idea era ter o mesmo número de xente de ambos sexos e que entre as mesmas houberan individuos de diferentes xeracións (cheguei a identificar a existencia de ata catro xeracións de acordo á idade e ao momento en que se uniron á celebración da Romaxe) a fin de dar unha imaxe o máis completa posible.
Que pouso che queda a ti de ter feito este traballo?
Tiven a oportunidade de adquirir unha perspectiva de conxunto que me levou a gañar un novo respecto pola Romaxe e coñecemento da súa mensaxe. Tamén me fixo ver que aínda hai esperanza para a Romaxe, que, ao contrario do que pensaba ao principio do traballo, o declive do movemento aínda non é completamente irreparable. E aínda que desaparecera, o espírito da Romaxe pode rexurdir a través dos textos e das persoas con vontade de cambio dentro da Igrexa.