No marco do Ano Castelao 2025, o país enteiro volve mirar cara ao escritor galego. Referente político, artista combativo, pensador lúcido e escritor de raza, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao deixou unha obra que segue a interpelar xeracións enteiras.

Falamos con Claudio Rodríguez Fer —poeta, ensaísta, investigador e un dos principais divulgadores da memoria histórica galega— sobre a vixencia do pensamento de Castelao, o seu papel como símbolo nacional. Un diálogo entre dúas voces que cren que a cultura debe servir para transformar a realidade.

O escritor Claudio Rodriguez Fer

O escritor Claudio Rodriguez Fer

Claudio, por que Castelao, 75 anos despois da súa morte, segue a ser unha figura tan importante en Galicia?
Porque ninguén coma el ou como Rosalía de Castro comprendeu e interpretou tan ben a Galicia contemporánea.

Ti e Carmen Blanco asinades o prólogo de Nós / Álbums de guerra. Que nos din hoxe esas imaxes de Castelao sobre a guerra, a represión e a dignidade do pobo galego?
Os álbums de guerra de Castelao forman unha triloxía en verdade importante para a historia da guerra civil española, para a memoria da represión en Galicia, para a loita contra o fascismo e para a historia da arte e da cultura galegas, pero, por encima de todo, son un testemuño humano contra a violencia en calquera tempo e lugar, ademais dun exemplo de resistencia, de compromiso e de dignidade do pobo galego en particular.

“Nós temos fe no noso pobo e algún día o noso pobo terá fe en nós”

Castelao mesturou dor, humor e ironía na súa obra. Como entendes esa combinación? Foi unha estratexia consciente de resistencia e comunicación política?
Para realizar as súas estampas sociais e bélicas, Castelao valeuse de todos os recursos artísticos que tiña ao seu alcance moi conscientemente, co fin de lograr a máxima eficacia comunicativa, pois o seu obxectivo era sempre reivindicar o dereito á xustiza de todos os pobos e á identidade do pobo galego. No caso do álbum Nós, utiliza o humor e a ironía para soportar a dor, malia que sexa moi dura, e protestar máis eficazmente do asoballamento, pero non nos álbums de guerra Galicia mártir e Atila en Galicia, que denuncian a barbarie da represión fascista en Galicia, porque esa dor era tan insoportable que non admitía a retranca no mesmo momento no que se estaba producindo aquela barbarie.

Portada do libro Castelao

Portada do seu libro

Ti defendes unha cultura comprometida co tempo que lle toca vivir. Que nos ensina Castelao sobre o papel que deben ter os creadores e intelectuais?
Castelao foi ante todo un cidadán que aproveitou todas as súas polifacéticas habilidades artísticas, literarias e políticas para loitar contra a opresión de Galicia e, durante a guerra civil, contra a imposición do fascismo en todo o estado español. Foi, pois, un intelectual que tratou de ser benfeitor por encima de todo o demais.

A apropiación do legado de Castelao chegou a ser lacerante”, asegur Rodríguez Fer

En Sempre en Galiza, propón unha federación de pobos libres con Catalunya e Euskadi. Pensas que esa visión federalista segue a ter vixencia na actualidade?
Castelao valora o federalismo decimonónico de Pi i Margall e o federalismo anarquista, pois sabe que todo o que non sexa federación entre iguais será asimétrica imposición centralista.

A figura de Castelao é reclamada por forzas políticas moi distintas. Cres que hai un intento de apropiación interesada do seu legado?
Por suposto que si e esa apropiación chegou a ser lacerante cando os que o tiñan exiliado durante a ditadura franquista, na que sen dúbida tería sido fusilado, comenzaron a reivindicalo como símbolo formal de Galicia. Celso Emilio Ferreiro denunciou dende o primeiro momento esta hipócrita desfachatez de “apropiación indebida”: “Escoita, meu irmán honrado, / o que acontez con Daniel: / os que o tiñan desterrado, / agora falan ben del”.

A mostra Castelao. Mirar por Galicia

A mostra Castelao. Mirar por Galicia poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro de 2026, con acceso libre e de balde.

Nun tempo onde se fala de identidades líquidas e globalización, que nos segue ensinando Castelao sobre a importancia de afirmarmos a nosa identidade como pobo?
Castelao reivindica a identidade de Galicia no século XX, que ten moito en común coa do século XIX e coa do século XXI, pero que non é exactamente a mesma, polo que cómpre aprender nisto e en todo da súa honestidade e da súa lucidez, pero non trasladalas mecánica e acriticamente, porque foi un analista materialista nun tempo concreto, non un adiviño vaticinante nin un santo milagreiro en abstracto.

No Parlamento galego hai propostas para recoñecer oficialmente Castelao como primeiro presidente de Galicia no exilio. Xa vai sendo hora?
A institucionalidade galega, como a española, está viciada de raíz polo menos dende a sublevación fascista de 1936, de maneira que é herdeira da institucionalidade fascista e non da legalidade galeguista e republicana, que é a autenticamente democrática. Por isto non contou nin conta institucionalmente a Galicia exiliada, malia que dende 1939 era a única Galicia libre, digna e lexítima, pero algún día será recoñecida como merece, porque, como precisamente dicía Castelao, “nós temos fe no noso pobo e algún día o noso pobo terá fe en nós”. Indo máis alá, eu diría que nós temos fe na humanidade e, algún día, a humanidade terá fe en si mesma, na auténtica liberdade, na verdadeira xustiza e na súa propia dignidade.