“Non pensan en nós nin no rural, teñen xa trazada a súa despensa de enerxía”
Eólicos é a verba máxica, agora moi de moda, a nova trampa tras da que se agacha un novo revés para o rural galego, arestora en toda a Comarca de Curtis, Mesía, Cerceda, Vilasantar, Frades e Ordes.
-Que pensan esas iniciativas veciñais, encabezadas pola plataforma “Salvemos a Comarca de Ordes”?
Queremos aire, auga e terra limpas e facer constar a nosa reclamación para eliminar do Plan sectorial eólico esta comarca, considerada de especial tratamento agrícola e gandeiro. Por outro lado, nas aldeas pensamos que “eólicos si, aínda que non así”. E aínda nos atrevemos a dicir que “non aquí”, polos eidos onde a eles tanto lles convén para maior beneficio. Chegan para acabarnos, para facer unha nova ferida, con efectos moi negativos nos asentamentos rurais. Porque, claro, eles quérenos reconducir polo medio, pola mesma contorna das vivendas e explotacións agrarias, preto do Camiño inglés, de espazos da Rede Natura, reservas da biosfera etc. Que máis dá!
-Que pensarán de vós, que criterio terá esa xente das grandes empresas?
Eles non pensan en nós nin sequera pensan no rural. Teñen trazada xa a súa despensa de enerxía, de subestacións eléctricas enormes con campos magnéticos que ninguén ben asisado quere no arredor, desprenden e transmiten as cargas polas liñas de alta tensión dos mesmos muíños. Teñen trazado o seu imperio de eucaliptos, teñen deseñadas grandes áreas para agachar os lixos de todo tipo en forma de pestes cheirentas e metais pesados, con lodos perigosísimos que quedan depositados -facéndolles crer a moitos que son abono- nos arrimos das fincas e montes, con minas a ceo aberto de onde sacaron lignitos, silicios, barros e seixos que expoñen o ecosistema á traizón da desertización e á miseria. E todo isto por catro patacóns que lles pagaban aos veciños, en veigas que xamais volverán ter ao xeito as súas capas freáticas, a súa disposición e a súa fertilidade. A proba está á vista, só hai que preguntar e vir ver.
-Mais esas empresas poden dar traballo a moita xente, beneficios de enerxía nas contornas, novos proxectos, cartos para os concellos afectados, compensacións ao xeito…?
As empresas son de alá lonxe, levan todo o beneficio para fóra. Aquí non queda máis ca a desfeita, o noxo de muíños enormes de máis de 200 metros de alto, case tres veces a altura do Pórtico da Gloria. Os máis grandes e de última xeración son os que nos queren instalar ao abrigo de leis obsoletas que non rexen, como deberan, os espazos e modos que teñen que respectar. Róubannos o espazo forestal e agrario polo menos 30 anos, e prorrogables. O ruído e as molestias que provoquen, xa non só cos muíños senón as conducións de cara ao lugar onde se garde a súa enerxía -no Mesón do Bento-, quedarán para nós, converténdonos en territorios desvalixados e carentes de valor, para pasar a servir as grandes multinacionais que levan os enormes beneficios e servir tamén as grandes cidades. Todos nós perderemos para que uns poucos se enriquezan e beneficien. Postos de traballo serán menos dos que hoxe a agricultura e gandería ten creados.
-En que consiste o parque eólico que pretende implantar Capital energy?
O que pretenden, sub-dividindo en áreas pequenas de menor esixencia, é facer un gran parque eólico sen que pase a inspección técnica de impacto das grandes explotacións e así, en pequenos supositorios, evadir as necesarias formas éticas e de responsabilidade necesarias. De tal forma pretenden:
- Parque eólico de Gasalla e subestación eléctrica Gasalla,
- Parque eólico Legre e subestación de Legre,
- Parque eólico Abrente e subestación de Abrente,
- Parque eólico Solpor e subestación de Solpor,
- Liña de alta tensión a 132 kV de evacuación do parque eólico Legre,
- Liña de alta tensión a 132 KV desde a subestación do parque eólico Abrente ata a subestación do parque eólico Gasalla,
- LAT 132 kV SET PE Gasalla – SET colectora Mesón, SET colectora Mesón e LAT 220 kV SET Colectora Mesón – LAT 220 kV Campelo-Mesón.
-Dá a sensación de que as empresas teñen demasiada iniciativa para impulsar e definir onde sexa e alí crear un parque eólico. Existe unha planificación pública que ordene e priorice as zonas que son utilizables eolicamente ou… todo o monte xa non é ourego, senón que agora é eólico?
Está de moda a enerxía limpa, xa eran horas! Esta, a do vento, é limpa, mais nós supoñiamos, dos nosos representantes, a intelixencia suficiente e a destreza necesaria para que as cousas se fixesen ben. Para que estivesen do lado da xente, salvagardando os intereses e valores de vida e de porvir. Non a calquera custo. Os eólicos están ben alí onde non molesten nin fagan dano. E as administracións deben gardar do noso, non vir contra nós en compracencia coas grandes empresas, sempre sen alma e sen sensibilidade para a barbarie que poidan causar. Está en xogo a nosa dignidade, a vida e evitar que fagan danos irreparables en pro do beneficio dos grandes de moi lonxe. Por riba de todos eles está o ben común.