Bernardo foi autor, entre outros traballos, do libro de conversas con Isaac Alonso Estraviz (Através Editora, 2013). Desde 2003 ensina Lingua e Literatura Galegas no IES Perdouro de Burela e foi guionista do documental Modelo Burela, que se centra nos aspectos lingüísticos. Pero ese “Modelo” serve tamén, dalgún xeito, para describir unha realidade de integración social dunha ampla comunidade de inmigrantes do Cabo Verde, que viven e traballan nesta vila mariñeira. Conversamos con el sobre as luces e as sombras desa realidade. 

“O Modelo Burela cumpre quince anos; é o momento de que as institucións se impliquen en serio”

A integración da poboación inmigrante en Burela tense considerado moitas veces unha boa práctica, exportable a outros lugares. Como foi ese proceso?
Hai que matizar. En corenta anos houbo boas prácticas, das de aproveitar, e tamén houbo outras das de non repetir. Ao principio, de 1978 aos primeiros 80, houbo unha magnífica convivencia espontánea, que non se estendeu á xente nova que foi chegando e apareceron os primeiros problemas. Xusto cando o proceso debería estar asentado, porque chegaba á maioría de idade, foi necesaria a intervención da Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social co Proxecto BogAvante, que destapou a situación de desencontro e precariedade que había. En dous anos (1998-2000) fixo unha intervención profunda, coa poboación autóctona e coa inmigrante, con dedicación especial ás mulleres e á primeira xeración de descendentes. Os resultados foron moi positivos. Aínda hoxe –despois de vinte anos- nótanse os seus efectos beneficiosos. E serviu de inspiración para proxectos de inclusión social e desenvolvemento local noutros concellos. Agora que pasou o tempo, teño claro: que durou moi pouco tempo (farían falta, mínimo, tres anos máis) e que hai imperiosa necesidade de facer unha nova intervención, porque a situación é preocupante.

tecer afectos: iso é o que crea comunidades e nos defende de monstruosidades que están xa aquí latentes

Que factores axudaron a que a cousa fose avanzando?
Houbo experiencias moi positivas. O mellor, que o proceso de confluencia naceu ben; que a poboación local fixo unha magnífica acollida e a que ía chegando tamén se esforzou ao máximo por incorporarse á sociedade de acollida (todo iso explícao Antonina Semedo en varias entrevistas e Manolo Maseda no documental Cabo Verde, Sabi). Esa base de empatía tivo a continuidade no proxecto da Escola Infantil “Guiñol”, un verdadeiro modelo de ensino inclusivo, continuado despois polo Proxecto BogAvante. Con ese mesmo espírito traballan hoxe a asociación musical Dambara -especialmente a través do empeño de Albano González Cancio, unha autoridade en dinamización cultural- e todas as entidades deportivas, que fan un grandísimo esforzo. Admirable é tamén o traballo das mulleres de Batuko Tabanca, que con grande empeño manteñen aberto ano tras ano o centro social en Burela. Naturalmente, tamén teñen moita importancia as contribucións individuais do estilo das de Ramón Marful, o cura “irimego” xa falecido; a traballadora social Conchita Pernas; a educadora municipal, Josita Barcia; ou Minda Lusquiños, asistenta social do centro de saúde.

O papel das mulleres – mulleres de mariñeiros – disque foi importante. Como o valoras?
O seu papel abórdase no libro Caboverdianas en Burela (1978/2008): migración, relación de xénero e intervención social, resumo da tese de doutoramento da profesora Luzia Oca, quen xa en 1998 tivera a responsabilidade de coordinar a intervención do Proxecto BogAvante. Lendo ese libro, a min viñéronseme á memoria as “viúvas dos vivos” de Rosalía de Castro: mulleres facendo un traballo asalariado, máis o traballo doméstico e ocupándose das crianzas, sen a axuda dos pais (no mar) e dos avós (no país de orixe). Como non admirar algo así, se tamén está na nosa esencia?

Supoñemos que tamén habería circunstancias e “forzas” que dificultan os procesos… Contra que hai que loitar ou estar vixilantes?
Faltou implicación institucional antes e despois do Proxecto BogAvante. Faltou planificación educativa con intervencións dentro e fóra dos recintos escolares. Faltou unha coordinación xeral para o proceso de inclusión social, laboral e educativa das persoas procedentes doutras latitudes. Contra que hai que estar vixilantes? Non hai que estar “contra”. O que hai é que esforzarse en fortalecer os espazos de convivencia e en tecer afectos. Iso é o que consolida as comunidades e as defende desas monstruosidades que vemos polo mundo adiante e que aquí tamén están latentes.

Desde o voso IES Perdouro estades preocupados e ocupados en que a integración da poboación inmigrante sexa un éxito. …
No IES Perdouro ocorre o mesmo que no resto da sociedade: non é fácil meter un tema destas características na axenda. As familias inmigrantes non participan nas ANPA, nin teñen representación nos consellos escolares, non as ampara ningún grupo de presión. Todo isto inflúe en que a atención a este alumnado non sexa unha “prioridade de centro”. Aínda así, temos a sorte de contar cun grupiño cohesionado que colabora na acollida do alumnado de recente incorporación, que o dota de material escolar, que se preocupa por se necesitan atención sanitaria e que fai os contactos cos servizos sociais cando é necesario. Dentro do que cabe, temos unha boa xestión dos recursos humanos para facilitar a atención específica. E fomentamos a colaboración con entidades deportivas e culturais para favorecer a inclusión social do alumnado. Sempre que podemos, destacamos os referentes saídos da propia comunidade. Poñemos énfase no estímulo para o estudo.

En que consiste o proxecto NEO de radio?
Proxecto Neo fai parte da intervención educativa Modelo Burela. Unha radio educativa feita por profesorado e alumnado. Promovemos a comunicación intercultural, centrando o foco nas persoas neofalantes. Emitimos unha hora semanal, sempre en directo, os mércores entre as 5 e as 6 da tarde; e complementamos o faladoiro do estudio coa interactividade en dúas redes sociais (Facebook e Twitter) e en catro blogues (IES Perdouro; Perdourando; Proxecto Neo e Modelo Burela). Con esta iniciativa facemos recoñecemento público ás persoas que día a día favorecen a integración social e, ao mesmo tempo, xeramos recursos pedagóxicos de grande utilidade para o exercicio docente. O noso fito máis relevante é que nos manteñamos en antena semana a semana desde 2012, durante 250 semanas, e que teñamos un grupo de traballo ilusionado, a pesar dos numerosos obstáculos que hai que superar.

Por onde deberían seguir facéndose as cousas?
A intervención educativa Modelo Burela cumpre quince anos e a súa aprobación polo Concello de Burela cumpre dez. O traballo realizado está á vista. Penso que sería o momento para unha implicación da dirección e da comisión pedagóxica do IES Perdouro, da asociación de nais e pais (ANPA) e da inspección educativa. Mais tamén deberían dar ese paso adiante o Concello de Burela, a Deputación de Lugo e a propia Xunta de Galicia.