“Vai sendo hora de que toda a xente bautizada vexa abertas todas as posibilidades e formas de apostolado”

Christina Moreira

Conversamos con Christina Moreira, irimega, presbítera, francesa de nacemento, galega, cunha identidade que ela mesma define coma diasporádica e plural.

Irimega, colaboradora habitual da revista, mais quen é Christina Moreira?
Falarmos contigo é unha oportunidade para reflexionar no papel da muller na Igrexa; ou sería mellor dicir da igualdade real de todas as persoas dentro da Igrexa?

Manteño a esperanza de que sirva para reflexionar; e se ademais pode servir para ampliar a reflexión sobre a igualdade real de todas as persoas dentro da Igrexa e na sociedade, xa sería un agasallo. O agasallo de camiñar en compañía con xente que soña cun mundo inclusivo onde se cumpre o primeiro mandato divino: “crecede e multiplicádevos”, fronte ás nosas manías de restar, dividir e excluír. A reflexión sobre o papel das mulleres da Igrexa vai da man da reflexión sobre a igualdade radical de toda a prole de Deus.

Houbo un tempo en que se dubidaba da lexitimidade da escravitude, hoxe a ninguén se lle ocorre. Ao fin poderemos tamén co reto da igualdade, para as mulleres e para toda a xente, sen importar xénero, sexo, idade, cor da pel, nin a quen e como ame a outra xente. Si importará que nos amemos, canto máis mellor. Como di John Winjgaards, o sexismo é un ovo de cuco que caeu no niño da Igrexa e prosperou, incompatible co Evanxeo pois Xesús deixou claro que non tiña cabida no Reino. Mais non hai peor cego ca o que non quere ver. Esa é unha vella teima que xa pensara Paulo de Tarso solucionar coa súa sentenza “Todos sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús … E todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, todo iso acabou, pois sodes coma un só en Cristo Xesús” (Galatas 3, 26 e 28).

A vocación ao presbiterado, a tarefa de “facer memoria…”, fai de min un ser en pé, libre, ledo e esperanzado

O teu percorrido na fe levoute a descubrir unha chamada, a aceptala, en concreto ao presbiterado. Como foi isto?
Supoño que vivín algo parecido ao que toda persoa percibe cando un bo día se decata de que a súa vida ten pleno sentido no cumprimento dun camiño; que sente que iso a faría feliz e podería contribuír a mellorar o mundo. Despois de anos de discernimento e de experiencia, podo observar, por unha parte, que non é doado escoitar dentro de si a revelación da propia identidade, dun camiño da vida no que realizar o mellor do que son. E por outra, que teño a inmensa sorte, a graza en clave cristiá, de ter escoitado na oración o que eu podería achegar á xente, e que me faría feliz a min. Fóra desa tarefa de “facer memoria…” non imaxino nada nin ninguén a quen servir con mais alegría. Desde que a realizo, fai de min un ser en pé, libre, ledo e esperanzado. Sei onde está a fonte de felicidade e dou moitas grazas por ter atopado o camiño que leva á mesa de Xesús e a súa xente amiga querida. Dou grazas pola Comunidade do Home Novo, onde renovo e confirmo cada domingo a miña vocación, e polo meu home, Tori, que me axudou no discernimento e me axuda nesa aposta cristiá e irimega.

Christina no altar
Christina no altar

Formas tamén parte da Asociación de Presbíteras Católicas Romanas. Cales son os seus obxectivos?
A nosa asociación de presbíteras busca ordenar mulleres con vocación para seren lideresas de comunidades, celebrar a Eucaristía partindo o pan da Mesa e da Palabra, reconciliar e bendicir, e faino promovendo comunidades plenamente inclusivas e abertas onde toda persoa é benvida sen xuízos nin condicións. Soen ser alegres e entrañables tales comunidades, cheas de creatividade, sen medos nin complexos, e, ao tempo, apegadas con mimo á tradición católica romana. Formo tamén parte doutros grupos de referencia en Francia -o meu país de nacemento e crianza co que manteño lazos moi estreitos- “Toutes Apôtres” (Todas Apóstolas) e o “Comité de la Jupe” (Comité da saia, Francia).

Cal é a túa visión sobre o papel que teñen as mulleres na Igrexa.
As mulleres na Igrexa non ocupan o lugar que lles corresponde. Non poden optar a todos os sacramentos por mor do seu bautismo, e con isto fica cuestionada a súa lexitimidade de seguidoras de Cristo, a súa dignidade de fillas de Deus. Non poden realizar tarefas “sagradas” por seren mulleres. Aquí hai unha disfunción, unha comprensión do “sagrado” como inherente á masculinidade. Unha comprensión do sagrado deturpada sen máis xa que o concepto que se emprega serve para segregar, excluír e xerarquizar. Urxe repensar as raíces do clericalismo, non para apartar as mulleres dos altares senón porque todo o pobo de Deus está a padecelo de moitas maneiras.

Francisco vén de aprobar un “motu propio” onde introduce cambios para autorizar oficialmente que as mulleres poidan ser lectoras e acólitas no altar. Isto é unha realidade que xa se daba na práctica, e agora oficialízase. Cal é a túa opinión?
Esta oficialización, “desclericalizando” unhas tarefas que xa viñan facendo mulleres, precisamente por o seren, non acaba de cadrarme. Fálame de condescendencia patriarcal protectora e infantilizadora. Que se diga que a decisión procede da inspiración do Espírito Santo descolócame porque moitas temos outra inspiración contraria coa mesma orixe. Vai sendo hora de que toda a xente bautizada vexa abertas todas as posibilidades e formas de apostolado, incluíndo as “ordes sagradas”. Se realmente non serven xa, non serven para ninguén. Todo é noso na Casa do Pai-Nai… Somos fillas ou non somos.

En París, coas compañeiras de Toutes Apôtres
En París, coas compañeiras de Toutes Apôtres

Por outra banda, alguén ten vocación de servir de tapaburatos dun sistema caduco?
Fálase moito da apertura do pontificado de Francisco cara aos pobres, cara aos homosexuais, cara ás igrexas non europeas, cara a outras relixións, cara a temas esquecidos tradicionalmente pola Curia (economía, ecoloxía, etc.). O tema da igualdade na Igrexa segue a ser o grande esquecido?

Concordo; mais aí estamos para que fagan memoria. Non imos calar. Imos axudar a Francisco a acadar ese cheiro a ovella que precisamos para o liderado, facemos o lío que el mandou ao fin.

Hai que perder o medo a levar a contraria, a ser disidente… acoller a controversia e a protesta como signos da presenza do Espírito no medio de nós

Que pasos habería que dar para ir construíndo unha alternativa real á Igrexa excluínte de moito máis do 50% dos seus fieis?
O primeiro debera ser quen de acordar, individual e comunitariamente para facernos conscientes do que significa o noso bautismo. Partindo de aí, perder o medo a levar a contraria, a ser disidente… acoller a controversia e a protesta como signos da presenza do Espírito no medio de nós, ao modo do Mestre Xesús que nos amosou o camiño da desobediencia á Lei por obedecer o seu mandato do amor incondicional.

Ademais, hoxe e aquí, piso terra galega, vivo nela desde hai mais de 30 anos; nela fun pasando por varias experiencias vitais e eclesiais e encárnome no día a día. Mais teño a impresión de ser un signo de contradición, de estar tirando moito da corda. Téñome implicado, ademais da miña comunidade na Coruña, coa asociación Exeria na que tamén se traballa o tema da igualdade na Igrexa. E por suposto, está Irimia, que me ofreceu tantas veces a súas páxinas para expresarme libremente, ou celebrar a eucaristía nalgunha festa. Ser galega para min é unha certeza que caso harmonicamente con ser francesa, europea, plenamente frater-sororal das compañeiras de América Latina e do Norte. Descendo de emigrantes, de xente que non dubidou en escoller a diáspora para vivir os seus proxectos de vida, e gústame esa identidade diasporádica e plural. Non sinto fronteiras en min, o mundo é a miña casa.