A viguesa Carme Soto Varela, colaboradora de Irimia desde hai ben anos1, é licenciada en historia contemporánea e acaba de doutorarse brillantemente en Teoloxía na Universidade de Comillas, analizando as figuras femininas no Xénese2. É vicepresidenta da Asociación de Teólogas Españolas (ATE) e membro do consello de redacción da revista Encrucillada. Carme reúne, desde logo, un perfil idóneo para axudarnos a descifrar certos aspectos do momento actual que nos preocupan.

1 – Carme colabora de xeito incombustible na sección Boa Nova.
2 – Tese Doutoral: “Las figuras femeninas del Génesis y sus relecturas en la Escritura y en las homilias y comentarios de Orígenes”

“Non podemos deixar que se banalice nin domestique a cruz en favor de certos intereses”

Carme, recórdanos por que é importante unha teoloxía feita por e desde as mulleres, feminista…
As relixións, en xeral, e a cristiá en particular, formularon e estruturaron a súa experiencia relixiosa en sociedades patriarcais. Isto fai que moitas das súas construcións ideolóxicas e relacionais sexan androcéntricas, é dicir, centradas no varón, e que, polo tanto, as mulleres fosen situadas en lugares secundarios e, con moita frecuencia, consideradas negativamente.

Cando as mulleres cristiás van tomando conciencia desta situación, sobre todo da man dos diferentes movementos emancipadores que van impulsando o feminismo, comezan a buscar formación e ferramentas teolóxicas para liberar tamén a experiencia relixiosa das mulleres. Deste xeito nace a teoloxía feminista.

Hoxe seguimos saíndo á rúa para reivindicar, como mulleres, os nosos dereitos e a nosa dignidade, e as teólogas e teólogos (que tamén os hai) feministas buscan, desde a fe, respostas novas aos desafíos que hoxe como mulleres temos. Buscan, sobre todo, seguir liberando a Revelación e a mensaxe de Xesús de moitas interpretacións esgadas, que aínda continúan a xustificar un lugar secundario para as mulleres na comunidade cristiá. É necesario recuperar a autoridade de mulleres que desde as orixes do cristianismo foron referentes de fe pero co tempo foron invisibilizadas na memoria da Igrexa. Deste modo pódense ir deconstruíndo moitos imaxinarios relixiosos patriarcais e androcéntricos que aínda sosteñen a ensinanza relixiosa, o acompañamento espiritual, a práctica ministerial…

As figuras femininas que aparecen nos textos bíblicos poden dicirlles algo hoxe ás mulleres ou irremediablemente responden a valores, estereotipos e perfís patriarcais?
Os relatos bíblicos nacen en sociedades patriarcais e, polo tanto, o modo no que se recordan as mulleres significativas tanto do pasado de Israel como dos orixes cristiáns está marcado polos modos de entender a muller nesas sociedades, pero tamén reflicten o abuso, o silenciamento e a opresión que, polo feito de seren mulleres, sofren dentro desas sociedades patriarcais. Ademais, con frecuencia a interpretación que desas mulleres se foi facendo ao longo dos séculos está incluso máis estereotipada e ten trazos mais negativos ca nos relatos bíblicos. Por exemplo, Eva pasou de transgredir un mandato divino a ser a encarnación do mal, a tentación, e a simbolizar todo o negativo que representaban as mulleres.

Xa sabes que aquí entendemos que a teoloxía debe pisar terra. Agora mesmo hai unha ameaza seria de dereitización dura da sociedade. Coa desculpa de Cataluña, que vale para todo, unha testosterona galopante, sen complexos, parece rexurdir da noite dos tempos. Reacciona o patriarcado?
Sen dubida. Eu creo que determinados discursos que están aparecendo mostran con claridade que hai medo ás reivindicacións das mulleres polos cambios que traen consigo. Cando as cousas comezan a cambiar, sempre hai resistencias.

Hai medo ás reivindicacións das mulleres polos cambios que conlevan

Certamente a cultura patriarcal non é só unha cuestión das dereitas, tamén na esquerda houbo e hai cultura patriarcal. Vai máis aló das ideoloxías políticas e afecta a todos os eidos da sociedade porque é unha forma de entender o mundo. No caso da nosa sociedade, está claro que hai xente que quere recuperar a cultura patriarcal que definiu o franquismo e por iso vinculan rapidamente a unidade de España (un xeito de entender a unidade) co que eles chaman -ideoloxía de xénero-, pois todo forma parte do mesmo sistema de crenzas.

Estes discursos extremistas, pero tamén outros máis sutís, mostran que a mentalidade patriarcal se resiste a deixar de ser hexemónica e cambiar as regras do xogo, pero isto tamén evidencia, do lado positivo, que a voz das mulleres é cada vez máis forte e determinada. Aínda que quede moito camiño por percorrer, penso que xa é imposible volver ao pasado.

Canda o nacional-catolicismo, ese patriarcado funcionou con grande eficacia: as mulleres foron un grande apoio do sistema político e relixioso do franquismo. Agora parece haber unha gran novidade: as mulleres enfróntanse á ultradereita. Axuda unha reinterpretación feminista da relixión a que aquela historia non se repita?
O nacional-catolicismo impuxo un modelo social que devolvía as mulleres ao século dezanove en canto a valores, roles e expectativas. Este modelo conseguiu neutralizar moitos cambios que xa se estaban a dar noutros países de occidente e aí tivo un papel moi importante a relixión. É certo que moitas mulleres apoiaron ideoloxicamente o réxime, aí está a sección feminina, por exemplo, pero tamén foron vítimas e soportaron moito sufrimento.

A teoloxía feminista esta axudando a liberar a relixión dos seus condicionamentos patriarcais e androcéntricos e penso que está permitindo articular a fe cos desafíos sociais, coa loita pola xustiza e a equidade. A interpretación feminista da fe estanos abrindo, especialmente ás mulleres, novos horizontes, empoderando a nosa experiencia relixiosa e favorecendo que as nosas loitas como mulleres teñan tamén arraigo no noso universo relixioso.

Que mensaxe lle tería que enviar a Igrexa á sociedade para desmarcarse desa nova dereita “sen complexos”, á que lle entusiasma cantar “Soy el novio de la muerte” xunto cos lexionarios que sacan un enorme Cristo polas rúas?
Eu penso que a Igrexa ten que falar sempre poñendo a mirada en Xesús de Nazaret e situar no primeiro lugar do seu discurso ao Deus abba que el anunciou. Un Deus que non se deixa manipular polos intereses políticos ou relixiosos dos poderosos e que sempre está do lado de quen é oprimido/a, de quen é inxustamente tratado. Un Deus que se arrisca a perder a honra acompañando a Xesús na cruz. Unha cruz que segue denunciando a violencia, o egoísmo e a intolerancia. E por iso a Igexa, que somos todas e todos os discipulos/as de Xesús, nunca pode deixar que se banalice nin domestique en favor de intereses que non son os de Deus.