O audiovisual galego non para de sacar fornadas de creadores/as que, cunha mirada nova e limpa, se achegan ao noso pasado para descubrir (ou redescubrir) capítulos da nosa historia. É o caso de Coral Piñeiro que, xunto co seu equipo, vai agora para un ano, estreou Dores, un documental sobre os campos de concentración en Galicia: a historia de catro persoas que, dunha maneira ou doutra, foron testemuñas ou recollen os testemuños das consecuencias do que alí se viviu. Un intento de loita contra o esquecemento que foi galardoado co premio do público no Ourense Film Festival e seleccionado para participar en festivais como o Docs Barcelona Festival, o Cine Suma Paz, Cans ou o Incorto Film Festival.

Coral Piñeiro, Laura Piñeiro, Maite Martínez e Clara Miñán
Coral Piñeiro, diante á dereita, coas súas compañeiras de equipo: Laura Piñeiro, Maite Martínez e Clara Miñán.

Preséntatenos, Coral…
Son Coral Piñeiro, de Vilagarcía de Arousa. Estudei Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela. Traballei en pezas documentais como Eu máis eu, sobre a soidade no rural galego; en Única, unha reflexión persoal sobre a identidade tendo unha irmá melliza. En ficción, participei na curtametraxe Desencontro, gañadora do primeiro premio da Fasmuvis do Ourense Film Festival.

Que é Dores?
Dores é un documental sobre os campos de concentración en Galicia que nace como o traballo de fin de grao (TFG) que fixen coas miñas compañeiras Laura Piñeiro (montadora e guionista), Maite Martínez (produtora e guionista) e Clara Miñán (cámara e guionista).

Cartel DORES

Como chegades a ese tema?
Lendo un día o xornal descubrimos que existiran en Galicia 11 campos de concentracións oficiais durante o franquismo. Este dato sorprendeunos moito, xa que descoñeciamos que existiran, pero sobre todo chamounos a atención o feito de que, sendo universitarias, pasaramos por case todas as fases do sistema educativo sen saber da súa existencia e sen coñecer realmente como foi a represión en Galicia durante o franquismo.

Que vos sorprendeu do que fixestes?
O que máis nos sorprendeu do que fixemos foi que parece que tratar un tema coma este pode crear debates ou incluso disputas nalgúns casos. O certo foi que case sempre nos atopamos cun consenso en canto ao descoñecemento da nosa propia historia e as razóns polas que isto aconteceu, a forma na que se deu a transición, a duración da ditadura e a cantidade de anos que estes temas foron tabú, incluso tamén en como se banalizan hoxe no discurso político as consecuencias do franquismo.

Que reaccións tivo o voso traballo?
Para a nosa sorpresa, tivemos unha moi boa acollida e boas reaccións. Sorprendeunos o interese que mostrou a xente nova sobre o tema e agradecemos moito tamén o apoio que recibimos por parte da xente que xa leva anos traballando a prol da memoria histórica. Sobre todo, estamos moi contentas con que os nosos protagonistas se sentisen agradecidos por como tratamos o tema e como contamos as súas historias. O que máis nos sorprendeu ata o momento foi recibir o premio Film Festival do público en Ourense, xa que competiamos nunha categoría oficial con propostas moi potentes e a verdade é que non pensabamos que un tema que pode ter tanta controversia acabase sendo o favorito dos espectadores.

Que che aportou Dores?
Dores levounos, ás compañeiras e a min, a ver a importancia da memoria histórica e tamén a cambiar o punto de vista e a pór o foco nas persoas que cometeron a represión. Démonos conta de que esta é unha carreira contra o tempo, xa que cada vez quedan menos persoas que poidan aportar testemuños, polo que debemos recollelos antes de que sexa tarde. O paso do tempo está permitindo que se poida falar de cousas que antes eran consideradas tabú e queremos seguir aportando para cambiar iso.

comentarios
Testemuñas recollidas da web filmin.es

Como ves o que fas, o teu proxecto en relación co futuro?
No futuro inmediato estamos traballando para que Dores chegue ás aulas. As 4 persoas que conformamos o equipo estudamos historia de España no bacharelato, pero coa presa da selectividade nunca chegamos a afondar nin a coñecer de verdade como foi a represión en España, e moito menos en Galicia.

De cara ao futuro menos próximo, estamos traballando en ampliar o proxecto e tratar aspectos da represión que quedaron fóra por mor dos tempos de entrega do TFG.

Nós, o equipo, seguimos formándonos, polo que unha vez rematemos parte dos nosos estudos, seguiremos traballando neste proxecto para poder aportar máis calidade técnica e profesionalizarnos a medida que traballamos.