Paco Porcar é licenciado en Historia Contemporánea, diplomado en Ciencias Relixiosas e un gran coñecedor da Doutrina Social da Igrexa (DSI). Militante da HOAC (Hermandad Obrera de Acción Católica), foi responsable da revista Noticias Obreras. Na actualidade é membro do Grupo de Traballo de Formación da HOAC. Ademais de escribir numerosos artigos en revistas, publicou dous libros: La dignidad de la persona y el bien común e Una historia de liberación. Mirada cultural a la historia del movimiento obrero.

Estes días estás en Galicia, invitado polos grupos de HOAC-Galicia para dar unha serie de conferencias co gallo do día por un traballo decente. Esta xornada de quen parte?
É unha iniciativa da OIT, que declarou o 7 de outubro como xornada mundial polo traballo decente. Participan sindicatos a nivel internacional e tamén Igrexa por un Traballo Decente (ITD), que é unha iniciativa formada por un grupo de organizacións eclesiais (HOAC, JOC, Cáritas, Confer, Justicia y Paz…) que nos invita a implicarnos na loita polo traballo digno. A Igrexa, na súa Doctrina Social (DS), insiste moito en que o traballo é un elemento esencial e fundamental na vida das persoas, non só como fonte de ingresos, senón, sobre todo, porque é unha capacidade humana que necesitamos desenvolver, aportar con ela algo aos demais e contribuír así a construír unha vida social xusta. Pero na nosa realidade cada vez hai máis traballos precarios, pouco valorados, salarios baixos… e isto fai a vida das persoas moi difícil. Neste sentido, a Igrexa ten moito que aportar a través da iniciativa ITD, xa que, como insitiu moito o papa Francisco, o traballo é unha prioridade humana e, polo tanto, debería ser unha prioridade social.

O traballo non existe, o que existe son persoas que traballan

Por que no día a día da Igrexa, dos cristiáns, non se reflicte a importancia desta iniciativa?
Por desgraza, hai moitos cristiáns que non teñen esta conciencia que acabo de dicir. En primeiro lugar, porque non coñecen o que formula a DSI; en segundo, porque hai maneiras de vivir a fe cristiá como se fose algo privado, que non ten repercusión na vida social. En realidade, o proxecto de Xesus é un proxecto de fraternidade e isto implica construír xustiza. Moitos cristiáns non descubriron iso, non teñen esa conciencia. Necesitamos traballar para axudar a descubrir que crer e seguir a Xesús implica necesariamente a entrega, o compromiso, o traballo co outro, organizarse para construír unha sociedade onde as persoas poidan vivir con dignidade, unha sociedade máis xusta e máis fraterna. Un dos obxectivos da ITD é axudar a espertar esa conciencia.

Neste momento, movementos como a HOAC, que naceron nunha determinada época da historia do Estado español, poden ter unha nova oportunidade para mover as bases e seren motores para xerar esa reflexión necesaria dentro do mundo critián?
Creo que nunca deixamos de intentalo. Agora estamos nunha situación na que a aportación dos movementos da AC, como a HOAC ou a JOC, é máis necesaria ca nunca no sentido da súa participación directa na realidade concreta do mundo do traballo e nos sectores máis precarizados. O que se pretende co 7 de outubro desde a ITD é transmitir que iso é unha prioridade cristiá e acompañar procesos de reflexión para que as comunidades cristiás vaiamos descubrindo esa realidade e nos vaiamos implicando nela. Unha cousa curiosa é que hai moita xente que di “O mundo obreiro xa non existe”. Cando escoito iso, resúltame bastante incomprensible. Con 700-800 accidentes laborais mortais ao ano, con persoas que traballan en condicións precarias, na restauración, no campo, en plataformas dixitais, empregadas do fogar… Como que non existe? A OIT acaba de informar que España é, de entre os países ricos, un dos que ten máis precariedade e onde máis traballadores pobres con emprego existen. Un 13%. Por iso é moi estraña a percepción que ten moita xente de que non existe o mundo obreiro.

Como se estrutura o movemento obreiro do s. XXI?
Actualmente temos, por un lado, o movemento sindical tradicional e, desvinculados deste, xurdiron outro tipo de organizacións de traballadores de sectores precarizados, por exemplo, o das kelis, das empregadas do fogar, de repartidores, etc. De cara ao futuro precisamos dúas cousas na organización do movemento obreiro: primeiro, recoñecer o valor dos sindicatos, xa que temos asumido un discurso de crítica sitemática e non sabemos recoñecer o que o sindicalismo nos aporta. Segundo, recoñecer que os sindicatos precisan unha profunda renovación, sobre todo necesitan estar máis próximos ás situacións dos traballadores máis precarios. Historicamente o máis importante foi a solidaridade dos traballadores mellor situados, que posibilitaron que os máis pobres puidesen avanzar, conquistar metas e seguir adiante.

DSI non é para sabela, senón para traducila en formas de vida

Tendo en conta as innovacións tecnolóxicas que xa están aí, que claves deberiamos ter claras para que o traballo do futuro sexa un traballo digno?
Primeiro, o traballo será digno cando se recoñeza na práctica que o importante no traballo é a persoa traballadora. O traballo non existe, é un concepto abstracto, o que existe son persoas que traballan. Por iso a actividade laboral hai que tratala sempre de acordo coa dignidade que ten o suxeito que a realiza. Segundo, o reto que temos agora é que eses avances tecnolóxicos non se convertan nun instrumento máis de escravitude. Se o facemos desde a lóxica do respecto á dignidade da persoa traballadora e de responder ás necesidades sociais, o futuro do traballo podería significar, por exemplo, dedicar menos horas de traballo no noso emprego. Dáse por suposto que o emprego é o único xeito de organizar o traballo, pero liberar tempo para traballar en actividades non pagadas, pero que son útiles socialmente, é unha posibilidade que nos ofrece a tecnoloxía.

Por outra parte, agora mesmo xa estamos nunha situación na que habería que pór barreiras ou límites ao uso de determinadas tecnoloxías, por exemplo, no uso que fan dos nosos datos, como consumidores e como traballadores.

Conferencia de Paco Porcar en Lugo

E iso implica unha reflexión profunda por parte da sociedade e un debate…
Supón tomar conciencia do que ocorre e cambiar, porque ademais estamos a falar da problemática do mundo do traballo, pero xunto con esta, e pola mesma causa, está a terrible crise ecolóxica que temos. O papa formúlao xunto porque é o mesmo: hai un empobrecemento masivo, un deterioro na calidade de vida de moitas persoas e, por outra parte, un terrible deterioro ecolóxico. Ambas teñen a mesma raíz, que é o capitalismo, un sistema totalmente depredador que, como di Francisco, mata, xa que utiliza as persoas e os recursos naturais (a vida) como obxectos que se poden manipular para obter beneficios. Temos que acabar con esta lóxica destrutiva. Hai que ter prácticas de consumo, de aforro, de formas de vida que non lle fagan o xogo ao sistema capitalista porque se non, reproducimos constantemente un sistema que está a destruír a vida do planeta. Por outra parte, a sociedade debe esixir que os poderes públicos poñan límites. A DSI defende como principio fundamental que é obriga dos estados non permitir que os intereses particulares se impoñan sobre o ben común e o ben común é que poidamos vivir todos con dignidade.

O traballo será digno cando se recoñeza que o importante no traballo é a persoa traballadora

Neste tempo de eleccións, que claves deberían aparecer nos programas dos partidos para que creamos que teñen intención de defender a dignidade do/a traballador/a e do traballo?
O primeiro, saber o seu posicionamento fronte á lexislación laboral actual. É imprescindible revertir as reformas laborais que se fixeron nos últimos anos, xa que son as causantes da precariedade. O segundo, os partidos teñen que concretar que medidas formulan para cambiar o modelo económico que temos, que é insostible e que xera precariedade laboral. O terceiro que temos que formular é que a nosa sociedade non pode funcionar tal e como o fai desde a prespectiva da rentabilidade, incumprindo sistematicamente a lexilación e con grandes facilidades para determinadas corporacións. Cuarta clave: hai que valorar se os partidos formulan o cambio do obxectivo social. Hoxe está todo centrado no crecemento económico e isto é un problema en si mesmo desde a prespectiva dos límites do planeta. O crecemento pode ser un medio, pero non un fin. Hai que formular dous obxectivos: como garantir que todas as familias teñan uns ingresos mínimos (renda básica) e que facemos para que todas as persoas con capacidade de facelo poidan aportar o seu traballo, as súas capacidades, á vida social, xa sexa cun emprego ou cun traballo non remunerado. Iso implica a valoración dos traballos que non son emprego, maneiras distintas de preparar o sistema de pensións, etc.

O problema real é que tristemente a maioria dos partidos non presentan nada disto. Como moito, a loita contra o desemprego coa lóxica de que calquera emprego é mellor ca non ter. Pero hai empregos cos que é tan difícil vivir como estar desempregado.