Recentemente asistimos a un feito que non pasou inadvertido na zona de Ferrolterra nin tampouco entre esta rede que chamamos Irimia: a demolición da Igrexa parroquial de Santa Mariña, a mesma que no seu tempo foi redeseñada por Xosé Chao Rego, o espazo no que Chao puxo en marcha, unha forma profundamente transformadora, anunciadora dun futuro distinto de ser e sentirse comunidade parroquial. No asunto seica hai causas técnicas, concretamente a aluminose que co tempo fai que os muros perdan a cohesión e esborrallen sen remedio. Pero o acontecemento non deixa de ter un gran contido simbólico: Sofre a Igrexa e as igrexas de “aluminose”? Que cae, ademais duns muros? Que foi daquel futuro? Que permanece e onde? Destas cousas conversamos con Xaquín Campo Freire, testemuña daqueles tempos e dos que viñeron despois.

En que consistía todo aquel cambio de formas e contidos da “revolución parroquial” que os curas de Ferrol e, máis concretamente, Pepe Chao, iniciou en Santa Mariña? Que significaba?
O movemento viña de moi lonxe na Historia. Xa na Reforma protestante se evidenciou a urxencia de volver a Xesús, o Cristo. É famoso aquel dito de Loisy: Cristo anunciou o Reino pero veu a Igrexa. Houbo que esperar ao Concilio Vaticano II, para que realmente esa volta ao Evanxeo se estudase e vivise en serio. E daquela reforma naceu un cambio total na concepción da Igrexa. De concibila coma un poder emanado de Deus para rexer toda a humanidade pasouse á Igrexa da fe: Misterio de Deus que se encarna na nosa humanidade, pobo de Deus para realizar a xustiza, a paz, unha fraternidade universal etc. Unha Igrexa servidora, sobre todo dos pobres, como fixo Xesús. Díxoo ben Mons. Gaillot: “Unha igrexa que non serve, non serve para nada”.

Non abonda cun cambio exterior, o cambio interior e profundo é absolutamente necesario

Isto retrata a vida de Pepe Chao en Santa Mariña e na barriada de San Paulo de Catabois, “As Sindicais”. Unha opción polos pobres. Esa foi a nosa inmersión nas parroquias que se nos encomendaron. E fixemos grupo de entrega, estudo e solidariedade sobre todo cos empobrecidos, perseguidos e emigrantes. Enfermos, nenos, vellos e mulleres en debilidade. “Saber ser veciño de pé da porta”, que di o Papa Francisco.

Pero o caso é que despois, nos oitenta a cousa é freada desde arriba e pasa ou que pasa…
A Historia é pendular. O Papa Francisco fala de conversión das estruturas. Non abonda cun cambio de face e exterior, o cambio interior e profundo é absolutamente necesario. Pero hai unha tendencia continua e continuada ao desgaste e á corrupción, incluída a infiltración de elementos destrutivos. E logo está a rutina, o “comasemprismo”

Así era
Isto é o que fica

Ti ves un certo símbolo nesa demolición de Santa Mariña, mesmo no feito de que quede en pé só ou mosaico co pantocrátor, aberto á luz do sol e á vista de quen queira..
Francisco fálanos do “criterio de realidade na evanxelización: unha Palabra xa encarnada e sempre buscando encarnarse, realizar obras de xustiza nas que esa Palabra sexa fecunda. Non poñer en práctica, non levar á realidade a Palabra, é edificar sobre area, permanecer na pura idea e dexenerar en intimismos que non dan froito”. O templo de Santa Mariña fora edificado sobre arxila e xabre. E esborrallou. Non lle quedaba outra. Pero a Igrexa coma pobo de Deus e comunidade de fe, que sufriu grande persecución e mesmo cadea, resiste os desafíos dos tempos.

Ten futuro o modelo parroquial?
Volvo co Papa Francisco cando di que a parroquia non é unha estrutura caduca; “precisamente porque ten unha gran plasticidade, pode tomar formas moi diversas que requiren docilidade e creatividade… Se é quen de se reformar e adaptarse continuamente, seguirá sendo «a mesma Igrexa que vive entre as casas dos seus fillos e das súas fillas». Isto supón que realmente estea en contacto cos fogares e coa vida do pobo, e non se converta nunha prolixa estrutura separada da xente ou nun grupo de selectos que se miran a si mesmos. A parroquia logo como presenza eclesial no territorio, ámbito de escoita da Palabra, do crecemento da vida cristiá, do diálogo, do anuncio, da caridade xenerosa, da adoración e a celebración… É comunidade de comunidades. As comunidades de base, movementos…, son unha riqueza da Igrexa, pero é moi san que non perdan o contacto con esa realidade tan rica da parroquia do lugar.. Esta integración evitará que queden só cunha parte do Evanxeo e da Igrexa, ou que se convertan en nómades sen raíces.”

As clases poderosas nunca renunciarán a monopolizar sentimento relixioso

Como ves o futuro desas comunidades cristiás?
Depende do que me fales. As clases poderosas nunca van renunciar a monopolizaren as organizacións que canalicen o sentimento relixioso, connatural á humanidade universal, para organizalo como instrumento de supeditación e alienación das conciencias. Iso ao que alguén lle chamou “opio do pobo”, adormentador de conciencias. Será en forma de organizacións relixiosas ou en forma de diversos ateísmos, agnosticismos ou mesmo indiferentismos organizados. Os imperios nunca renunciarán ao monoplio e manipulación sectaria das conciencias. Nunca. Sería perder unha arma moi poderosa de alienación dentro da mesma persoa. O papa tamén denuncia na Amoris Laetitia, aos grupos sectarios dentro da Igrexa. Eses que son instrumentos do poder, do ter, do ostentar. As tres tentacións das que nos fala Lucas. Outra cousa son as pequenas comunidades que intentan realizar a utopía evanxélica, o reinado de Deus: reino de amor e bondade, reino de verdade e de vida, reino de xustiza, de paz, de santidade e de graza. Xa aquí e agora. E que sufrirá persecución de todos os sistemas, por aquilo de que o meu Reino non é deste mundo, deste sistema, deste tinglado.

O caso é que corren malos tempos para as utopías …
Por iso. Abonda con analizarmos quen está á fronte do estados actuais. Trump, Putin, Bolsonaro, Vox, etc. A quen serven? Ao becerro de ouro. Tamén o di Francisco: “Así como o mandamento de «non matar» pon un límite claro para asegurar o valor da vida humana, hoxe temos que dicir «non a unha economía da exclusión e da inequidade». “Esa economía mata”.

Pero por iso fan falta comunidades e fraternidades liberadoras. Sempre serán realidades pobres e de pobres pero que chegan ao corazón de toda persoa de boa vontade. Mira, un exemplo real. Son testemuña. Xosé Chao acompaña e asiste unha muller tuberculosa que é moi pobre e nai en solitario. Foi nas Sindicais. 1964.

– “D. Xosé, que vai ser deste meu neno dentro de tres días que son os que me restan nesta vida? Míreme del!”
– “O día que ti non esteas, ese mesmo día, o teu neno irá comigo para a miña casa. E así foi ata que ou rapaz casou”. Esa foi sempre a traxectoria, a presenza, o estilo de Pepe en Santa Mariña do Vilar e en Ferrol. Ser servidor.

Na Galiza as comunidades parroquiais liberan das escravitudes e seguen un sentido de servizo integral á persoa? Nesa liña son absolutamente necesarias. Esa é a igrexa que permanece. Esa non esborrallou coma a outra de mala argamasa por aluminose. Esa segue no pobo e na memoria colectiva. A outra, a do poder, esa tamén segue coas escravitudes non evanxélicas. Estará ao servizo dos sistemas.

No corazón da xente de Santa Mariña queda a vida e fe de Pepe Chao

Falando diso, que fica do obra de Pepe Chao alí?
Pois a súa vida e a súa fe no corazón da xente. Un monólito co seu nome cunha lenda de amor e entrega. E, ao pé, sempre hai flores frescas que non sabemos quen nin cantos as renovan acotío. Pero sabemos que son moitos. E, curiosamente, a figura de Cristo, antes pechada no templo, aparece agora en grande coma un veciño máis da comunidade, a pé de rúa, e fala dunha historia de vida e mesmo da persecución polo franquismo. Pepe Chao, coma os fregueses e veciños de Ferrolterra e tamén varios daqueles curas, sufriron cadea ou persecución por defenderen os pobres e a xustiza. Un Cristo que saíu do templo para ter a súa moradía no medio dos seus, ollándoos directamente con eses ollos vivos e grandes e bendicindo sempre as súas vidas.

Sofre a Igrexa e as igrexas de “aluminose”?
Eu diría, máis ben, que nace e renace. “Coa forza do noso pobo, hoxe proclamo o meu credo, quero ver un mundo novo porque eu renazo galego”. Enfío co comentario ao evanxeo deste domingo 19 de Xosé Antonio Pagola, do que teño a honra de ser tradutor ao galego: “Logo de séculos de «imperialismo cristián», os discípulos de Xesús habemos aprender a vivirmos en minoría. É un erro ter saudades dunha Igrexa poderosa e forte. É un engano buscar o poder mundano ou pretender dominar a sociedade. O evanxeo non se impón pola forza. Contáxiannolo quen vive co estilo de Xesús facendo a vida máis humana. «O meu pequeno rabaño». Xesús mira con tenrura inmensa ao seu pequeno grupo de seguidores. Son poucos. Teñen vocación de minoría. Non han pensar en grandezas. Así os imaxina Xesús: un pouco de lévedo na masa, unha pequena luz no medio da escuridade, un chisco de sal para lle pór sabor á vida” Velaquí a grande utopía de Pepe Chao. Esborrallou a igrexa de Santa Mariña do Vilar en 2019? Non. Caeu o templo. Porque non valía. O modelo nacera viciado. Asentaba na arxila. De costas a Cristo. Só permanece como símbolo o Pantocrátor, obra de Segura Torrella, por iniciativa de Pepe Chao Rego. Sentimos pena. Moita. Alí creouse moita vida. Significaba moito para nós. Enxugou moitas bágoas. E tamén fixemos moita festa. Pero o celme segue aí: A mirada de Xesús, o amigo, e un pobo de Deus peregrino de irmandade. «Non teñades medo».