Como xorde a idea de facer a explotación de Doade? Xa existía antes unha mina?
Durante o século pasado explotáronse moitas minas en toda a zona, tamén en Doade. Delas extraíanse principalmente estaño e volframio. Eran explotacións moito máis pequenas, case artesanais, comparadas coa minaría moderna. Todas acabaron pechando e, por certo, deixaron moi mal recordo en boa parte da veciñanza.
Acabamos de estrear un documental grazas a Ecoloxistas en Acción e á cooperativa Aqueladas, que forma parte dun proxecto audiovisual máis amplo chamado Dende que veu a mina e que recolle as testemuñas vivas das antigas explotacións; o noso capítulo chámase Doade e pódese ver en YouTube.
“Non farán as súas guerras cos nosos montes”
Entre 2003 e 2004 a empresa canadense Solid Mines fíxose cos dereitos; entre 2013 e 2014 solicitou o paso a concesión da primeira fracción, que daquela se chamaba “Coto Tocayo” e que afectaba á zona suroeste da concesión (Presqueiras, Forcarei). Xa daquela houbo oposición por parte da veciñanza e do colectivo ecoloxista local Verbo Xido. Naquel momento, iso quedou en nada.
En 2015 o grupo aragonés Samca comprou os dereitos, e foi entre 2018 e, posteriormente, durante a pandemia, cando Recursos Minerais de Galicia (a filial do grupo Samca) volveu solicitar o paso a concesión de explotación en 2020. Xusto nese momento é cando SOS Suído-Seixo, a plataforma veciñal da que formamos parte, se dá a coñecer.
No 2020 a Xunta rexeitou esta iniciativa industrial por motivos ambientais. Que cambiou agora para aceptala?
De momento non mudou nada, porque a explotación non está aprobada. Todas estas iniciativas extractivas teñen un procedemento administrativo longo e tedioso. No caso da proposta de Doade, acaba de rematar a fase de exposición pública e a de alegacións, e agora falta que a Xunta responda a esas alegacións. Unha vez emitida esa resposta, a sociedade aínda poderá recorrer, ir a xuízo, etc.
Xerou moita confusión que Europa a escollese como proxecto estratéxico, pero iso non quere dicir que estea aprobada. Efectivamente, esa decisión tamén está recorrida, non só no caso de Doade, senón noutros moitos plans extractivistas da península ibérica e doutros países europeos. Un dos motivos da súa impugnación, e do que aínda non tivemos resposta, é a falta de documentación científica que xustifique esa cualificación.
Por outra banda, en esencia non mudou nada. Só a estratexia.
O que si mudou foi a estratexia de Recursos Minerais de Galicia, que pasou do escurantismo e da desinformación á enxeñaría social mesquiña e demagóxica: chamarlle a unha mina verde e sostible é como vestir unha mona de seda. Nós sabemos o que hai e non imos parar ata salvagardar a auga, que si é estratéxica.
O Goberno central defende que a iniciativa “xustificou a súa solvencia técnica, económica e ambiental”, e dende Bruxelas din que a explotación será “sostible”. É certo?
Como pode un plan que aínda está en proceso de avaliación acreditar a súa solvencia? Como acreditou Bruxelas esa solvencia e esa sustentabilidade se ningunha comunidade afectada puido ver a documentación?
A Bruxelas tamén lle dicimos que non farán as súas guerras cos nosos montes, se queren escoitar. Temos máis de media ducia de informes de expertos independentes que negan esa suposta solvencia, tanto a nivel técnico como económico, ambiental e social. Veremos como se rebaten. Entón, o Goberno pode dicir misa, porque mentres non vexamos o contrario, non hai rigor para afirmar iso.
A empresa desprega unha gran campaña de marketing e véndea como “unha aposta por frear o despoboamento e revitalizar o territorio”.
Na pregunta está a chave: a empresa vende unha proposta, ten un negocio e quere que vaia adiante, levando por diante todo o que faga falta. Esa afirmación forma parte da enxeñaría social da que falamos antes, que pretende gañar unha licenza social que non ten.
O plan foi rexeitado en 2020, nun contexto social complexo, e volverémolo rexeitar agora, porque non ten sentido ningún.
Que significa para o monte e para as augas extraer medio millón de toneladas de rocha ao ano durante máis de corenta anos?
Desde unha perspectiva ambiental, sería un impacto incompatible coa conservación do espazo natural que é o monte de Doade e a serra do Suído, ademais do corredor ecolóxico entre esta e o Cando. No noso monte hai hábitats prioritarios e especies ameazadas que dependen de condicións moi concretas para subsistir. Coa explotación, o ecosistema quedaría moi degradado.
“A auga é estratéxica, non o litio”
Desde un punto de vista máis humano, perderiamos moitos dos recursos que nos dá o monte. Del bebe todo o lugar de Doade, e tamén un aeródromo da Xunta para a extinción de incendios, que está no monte comunal. Actualmente, tanto a aldea como o aeródromo teñen problemas de abastecemento de auga nas épocas máis secas do ano.
Canto se agravarán eses problemas cun descenso do nivel freático como o recoñecido pola propia empresa?
Por se fose pouco, o proxecto elimina calquera perspectiva de lle sacar rendemento ao monte con outro tipo de proxectos que si sexan respectuosos co medio e repercutan de verdade na economía local.
Desde unha perspectiva política, amosa de maneira expoñencial por que nos queren expulsar das nosas aldeas: porque, por poucas que sexamos as que vivimos no territorio, sabemos o que temos e defendémolo ata as últimas consecuencias. E iso dificulta os intereses especulativos e económicos duns poucos.
Temos claro que o futuro está nas nosas aldeas, no equilibrio entre o modo de vida tradicional que aprendemos das máis vellas da plataforma e o que poidamos achegar agora, habitándoo. No noso futuro, esa iniciativa extractiva non vai estar.
A empresa fala de crear 100 empregos directos. Que lle diríades a unha persoa que pensa: “polo menos teremos traballo, aínda que haxa risco ambiental”?
Xa sen entrar en se realmente acredita nesas promesas, e se cre que ela ou algunha persoa que coñeza está en condicións de facer un traballo especializado como o que se realiza nunha mina moderna (ou se de feito desexa traballar nunha)… preguntaríalle se estaría disposta a arriscar a súa saúde e a da súa familia, veciños e amigos a cambio dun traballo hipotético na mina.
Credes que a veciñanza está ben informada do que se pretende facer? Hai unión entre a xente da zona?
Dende o ano 2018 fíxose un traballo enorme para informar os nosos veciños e veciñas. Nese sentido, a situación mudou moitísimo, como o día e a noite. A día de hoxe, diría que a práctica totalidade coñece o proxecto a grandes rasgos.
Tamén a práctica totalidade estamos en contra da mina, como expresamos unha e outra vez en votacións, actos reivindicativos e informativos, alegacións, cartas abertas aos alcaldes…
Pode haber diversidade de opinións sobre se é mellor tomar un ou outro camiño nun momento determinado, pero o que temos claro todas e todos é o lugar ao que queremos chegar: o obxectivo común é evitar a mina.
Tedes esperanza en acadar o voso obxectivo?
Se non tivésemos esperanza, quedaríamos na casa sen facer nada. Por iso a empresa se esforza tanto en destruíla, en facer crer á xente que está todo o peixe vendido.
Loitamos contra a mina porque temos a esperanza de poder parala, e traballamos para que así sexa.