Os efectos da crise económica e das medidas que se tomaron para paliala, dende a xubilación precipitada de profesionais ata a supresión de prazas ou a privatización de servizos, están levando á sanidade pública a unha situación de deterioro. En Galicia os profesionais puxéronse á fronte das denuncias e nos últimos meses vimos a dimisión en bloque dos xefes de servizo de atención primaria na área de Vigo, a folga nos PAC ou a folga do Servizo de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Para coñecer de cerca o que está pasando, falamos con Fátima Nercellas Colmeiro, médica do Servizo de Urxencias do hospital clínico dende hai 30 anos. Días despois desta entrevista, algúns colectivos e sindicatos decidiron deixar a folga; continúase mantendo a convocatoria de folga para os médicos de urxencias.
Como comezaches traballando no Servizo de Urxencias?
Ao que rematei os estudos de Medicina na Universidade de Santiago, fixen a residencia en Medicina Familiar e Comunitaria; esta formación inclúe o traballo no Servizo de Urxencias. Gustoume ata o punto de que cando rematei a residencia e me ofreceron a posibilidade de quedar, aceptei. Ademais de traballar como clínico neste servizo, tentei mellorar as condicións laborais; por iso entrei a formar parte do sindicato O’MEGA dende hai 16 anos.
Como xorde a convocatoria da actual folga de urxencias do Hospital Clínico?
Antes de convocar a folga, estivemos case un ano de reunións coa xerencia sen resultados. Os políticos, os xestores, son especialistas en falar e falar sen que se resolva nada. Tamén hai que dicir que parte dos compañeiros eran reticentes a convocar a folga porque dicían que non iamos conseguir nada, pero niso estamos.
Aos políticos non lles importa, agás que saia na prensa
Os principais detonantes da folga foron a presión asistencial e a falta de espazo. O número de urxencias aumenta. Revisando este dato, encontramos que no ano 2017 houbo 25 000 urxencias máis ca en 2013 e, con algunhas variacións, así sucede no ano 2018. A tendencia indica que se mantén o aumento da demanda de atención urxente.
Xa no ano 2014 houbo unha convocatoria de folga que rematou porque a xerencia comprometeuse a dotar 1 médico de urxencias máis e aumentar o espazo. Non se cumpriu o compromiso e, de feito, o aumento do espazo está denunciado e pendente de xuízo.
Antes de falar dos espazos, pensas que ese aumento das urxencias ten que ver co deterioro da atención primaria?
Entendo que si. Se pides cita en primaria e tardan varios días en atenderte, cando antes era practicamente no día, e se ademais o médico de atención primaria está desbordado coa cantidade de doentes, -eles mesmos se queixan de que están en 10 minutos por doente-, é case imposible dar correcta resposta ás necesidades da poboación; daquela, os doentes teñen que recorrer ás urxencias.
Con respecto ao espazo?
En urxencias hai 70 “sitios” para atender os doentes graves, que son aqueles que cumpren uns criterios que a clasificación Manchester sinala coas cores amarelo e laranxa. Xerencia acumula doentes pendentes de ingreso, que poden ser de 15 a 30; pero como en cada quenda (mañá e tarde) entran en urxencias 50 – 60 doentes, ocorre que hai doentes que non teñen espazos onde ser atendidos e están nos corredores de entrada. Aí a súa situación de enfermidades deteriorase.
Como cres que puido influír o feito de que os doentes estean no corredor nos casos das mortes que foron denunciadas perante a xustiza?
Ao estaren no corredor, os doentes empeoran; isto é moi grave; os médicos imos ao corredor e preguntamos alí, diante de todos, que é o que lles pasa e miras discretamente debaixo da roupa; así non se pode explorar correctamente un doente e tes máis posibilidades de cometer un erro; xa non insisto no feito de que os outros doentes teñan coñecemento do que lle está sucedendo ao doente entrevistado.
Dende 2012 van cinco falecementos. Os tres últimos están xudicializados. Aos políticos non lles importa nada diso, agás que saia na prensa.
Cales eran e son os obxectivos que queredes acadar coa folga?
Persoal e espazo. De momento, conseguíronse 11 enfermeiras e 11 auxiliares, o que motivou que eses colectivos deixasen a folga.
Médicos consideramos que facían falla de 4 a 7, para pasar dos 40 profesionais actuais a 47 (rotando en quendas). De momento, non deron ningún. Tamén consideramos preciso espazo de traballo, isto quere dicir que se precisa abrir sitios e levar os doentes pendentes de ingreso ou os doentes en observación.
Antes dixeches que o problema do espazo está pendente de xuízo desde a folga de 2014, pódese agardar algo do que resolvan os xuíces?
Por suposto. Pódese resolver pola vía de darnos amparo xudicial apoiado no Real Decreto 486/1997, artigo 3, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo. Disponse que o empresario deberá adoptar as medidas precisas para que na utilización dos lugares de traballo non se produzan riscos para a seguridade e a saúde dos traballadores, e entre elas está a de manter as vías de tránsito ou evacuación baleiras. Neste caso, ademais dos traballadores, están implicados os doentes. Se o xuíz dá ese amparo, a xerencia verase obrigada a habilitar espazos para mellorar a atención en urxencias, e espazos hai, hai unha planta pechada. E hai precedentes: no ano 2012 un xuíz ordenou abrir unha planta do hospital de Toledo para atender os enfermos (Elplural.com, 7-7-2012).
Agora hai un novo coordinador do Servizo de Urxencias. Por que cesou a anterior coordinadora?
Á anterior coordinadora, a Dra. Varela, Xefa do Servizo por oposición, propuxéronlle que demitise, pedíronllo… Obrigárona? Hai ano e medio. Foi substituída polo Dr. F. Rascado, nomeado a dedo, a quen lle prometeron de todo; pasado un ano, vendo que todo eran mentiras, dimitiu. Agora o SERGAS nomea outro coordinador, tamén a dedo, compañeiro de urxencias da Coruña. A ver que lle deixan facer. Dende o hospital, a xerencia tiña outra opción, que era convocar a Xefatura do Servizo, pero o SERGAS impuxo esta saída.
Moitas grazas, Fátima, e moito ánimo para seguir esixindo o necesario para o ben dos doentes, dos profesionais sanitarios de todos os estamentos e da poboación usuaria do Servizo de Urxencias.