“A Ribeira Sacra é patrimonio dunha comunidade antes que da UNESCO”
Francisco Almuíña leva máis de 23 anos volcado no turismo rural e na defensa da Ribeira Sacra, onde preside a Federación Galega de Turismo Rural. É o primeiro guía sordocego de Galicia e na Casa Romualdo (Vilela, Lugo) acolle ós visitantes como quen abre as portas a un amigo. Nesta entrevista fálanos do turismo, da responsabilidade compartida e do compromiso co territorio. Unha conversa que é tamén unha lección de vida.

© Foto: Casa Romualdo.
—Cóntanos que estás facendo na actualidade?
A miña actividade fundamental é vivir e intentar tamén transmitir un pouco de vida ao entorno, tanto ás persoas como á paisaxe, na que temos a sorte de vivir. A min tocoume pechar a miña profesión de enfermeiro e comecei un novo proxecto, Casa Romualdo (www.casaromualdo.com), que conlevaba a rehabilitación da casa dos meus antepasados. Así que, no 2001, abrimos a casa para quen estivese disposto a vir.
“Temos 49 casas rurais e xa máis de 600 vivendas de uso turístico”
Foron anos de moitísimas aprendizaxes. Foi unha tarefa ben bonita, porque tocou facer de anfitrión, de acoller a persoas que veñen á túa casa. E que, máis alá de descansar, durmir ou xantar, a idea era tamén que puidesen rexenerarse, respirar e coñecer este territorio; e, por outro lado, decatarse de que hai outros xeitos de viaxar e de entender o rural.
—Cando perdiches a vista?
Perdina no 2012 e dende aí abríronse outras vías de estar, de ser e de sentir. Mesmo desde o ámbito da música tradicional, dos cantos de taberna ou desde a percepción cos outros sentidos… tiven que resituarme. Houbo cousas que antes podía facer e agora xa non, ou dependo doutras persoas para facelas.
—Como comeza a túa aventura como guía?
Eu xa exercía o papel de anfitrión. Cando chega alguén á túa casa, intentas orientalo: dicirlle onde xantar, que visitar, que mercar… Todo iso é unha tarefa de acoller, de acompañar. No 2019, a Xunta convocou a habilitación de guías turísticos. Fun á Xunta para inscribirme… e dixéronme que non podía ser.
“E por que non pode ser?”, preguntei. Se levo anos facendo isto na Ribeira Sacra? Presentámonos 200. Ao final, a secretaria do tribunal púxose comigo nunha sala, ela facíame as preguntas e eu respondía. Aprobamos uns 60.

Francisco Almuíña, presidente de FEGATUR
© Foto: Casa Romualdo.
—Ti, sendo cego, que percibes da Ribeira Sacra que os demais non ven?
Eu non creo que sexa especial. Simplemente, cando se minguan uns sentidos, outros se afinan. A vantaxe é que eu xa coñecía a Ribeira Sacra vendo. As paisaxes cambian, claro, pero a esencia segue. E ao final, isto de ser guía é máis ben un acompañamento. É unha axuda mutua: eu déixome levar por elas, e elas déixanse levar por min. Quen guía a quen?
—Galicia está de moda. Iso é bo ou perigoso?
Sempre que se cae no extremo hai risco. Algo tan especial como a Ribeira Sacra pode acabar desvirtuado. Non podemos esquecer que o territorio é patrimonio dunha comunidade que vive nel. O turismo pode ser un complemento, pero hai que compatibilizalo coas necesidades das persoas que viven aquí. Parece que o turismo vai solucionalo todo. Pero se non fose pola xente do viño, isto sería unha selva. Eles mantiveron os cultivos e mantiveron as aldeas. Os que levamos o turismo tamén fixemos a nosa achega. É un traballo colectivo. O reto é coidalo, ofrecelo con calidade e entender que non é para unha marabunta.
—A xente que vén ao turismo rural vive a aldea ou só a ve como unha foto de Instagram?
Hai de todo. Ao principio viñan máis persoas con vínculos co rural. Agora vén tamén xente nova que busca natureza, escapar das aglomeracións… O risco está en buscar un modelo de turismo de moita xente, prezos tirados, durmir en calquera lado. Se seguimos por aí, cargámonos a Ribeira Sacra.
“No medio rural hai moita máis vida do que se pensa”
Ás veces dinme: “Ti es un pouco elitista.” Non é iso. Trátase de que a xente poida ter calidade na atención e que un poida vivir dignamente dun traballo. Eses equilibrios son os que temos que buscar.
—Que impacto teñen no rural as vivendas de uso turístico?
Poñamos unhas cifras: no 2008 en toda a Ribeira Sacra eramos 49 casas de turismo rural e había 58 vivendas de uso turístico. No 2024 seguimos a ser 49 casas de turismo rural, pero xa hai máis de 600 vivendas de uso turístico.
Moitas son alegais ou ilegais. É un modelo de oferta turística, pero hai que xestionalo e controlalo. Podes atoparte con aldeas baleiras nas que todas as casas están dedicadas ao turismo.
E pensas: por que teño que pagar as analíticas da lexionela, da auga, a desratización… e o que está ao teu carón, cunha vivenda de uso turístico, non ten que facer nada diso. Non xogamos coas mesmas regras.

© Foto: Casa Romualdo.
—Cres que hai vontade real de solucionar estes problemas?
Cando se fala da Administración, parece un ente sen alma. Pero está formada por persoas. Eu non quero ser condescendente, porque cando hai que dar caña, dáse. Pero non vexo intención de facer mal. O problema é que cadaquén ten o seu manual.
Creo que se chega máis lonxe creando confianza e diálogo que desde a confrontación. No medio rural hai moita máis vida do que se pensa e somos parte dun ecosistema que temos a responsabilidade de coidar. Porque se o destruímos, facémolo contra nós mesmos.
—Reivindicación do Patrimonio da Humanidade para Ribeira Sacra?
A Ribeira Sacra, antes de ser Patrimonio da Humanidade, xa é patrimonio dunha comunidade. Que veña ou non o recoñecemento da UNESCO, temos o compromiso de coidala. Como fixeron os que nos precederon. O camiño empezará ese día. Agora é unha etapa, pero o gordo vai vir despois: a ver como se xestiona iso e como se fan as cousas ben.
Os recursos xa están. Eu dígolles aos meus fillos: está ben que vaiades coñecer 40 millóns de sitios, pero ao final… a felicidade non hai que ir buscalo á outra punta do mundo.