Marisa: Bo día, Paula. Saudamos á nova priora desta comunidade. Desde cando estás vivindo aquí?
Estou xusto na metade da miña vida. Teño 58 anos, e levo 29 como monxa. Sinto que a partir de agora comeza outra etapa: ter máis anos de vida monástica que de vida segrar.
Alba: Como chegaches aquí, como xurdiu a túa vocación?
A miña vocación… eu sempre pertencín á Igrexa. Meus pais son moi católicos, do Camiño Neocatecumenal, e eu crieime nese ambiente: rezabamos na casa, mesmo laudes 1, algo que hoxe xa non é habitual. Pero ser monxa non era para nada o meu proxecto de vida. Eu quería casar, ter fillos… Tiña noivo, traballo, cartos, viaxaba… tiña todo. Pero sentía dentro de min un roxe-roxe, como lles digo ás veces aos rapaces: algo me faltaba. Tiña todo e non tiña nada.
Un día vin aquí pasar uns días na hospedería e escoitei unha frase do Evanxeo: “quen queira perder a súa vida por min atoparáa”. Esa frase quedoume dentro, aínda que a escoitara moitas veces. Pedín vacacións—traballaba de técnica forestal— e viñen un mes, en febreiro. E a felicidade que sentín aquí… non podía vir de fóra. Era algo fondo. Fun tan feliz ese mes que decidín deixalo todo e quedar. E pensei: se me equivoco, marcho. Porque o proceso non é inmediato. Pode durar uns oito anos entre postulantado, noviciado… depende da persoa. Ser monxa non é dun día para outro. É un proceso longo de maduración, tanto espiritual como humana. Na vida comunitaria hai conflitos, hai convivencia, e iso esixe coñecerse ben: saber xestionar emocións, feridas, historias persoais. Se iso está traballado, todo flúe mellor. Sabes pedir perdón, reconciliarte. Somos moi diferentes entre nós, pero aprendemos a convivir.
Marisa: Ti viñas dun traballo como enxeñeira de montes, viñeches un mes de retiro… e logo?
O primeiro contacto foi de 15 días. Estaba nunha crise existencial, non sabía que facer coa miña vida. Viñen aquí para descansar, escoitarme e escoitar a Deus. Despois pedín quedar unha semana convivindo con elas. Sen compromiso. Só para ver como era a vida desde dentro.
Logo quedei un mes. E ese mes foi decisivo. Non foi nada espectacular, nin visións nin cousas raras. Foi unha felicidade profunda. E decidín dar o paso.
Alba: E como se organiza a vida aquí? Como é a estrutura?
Vivimos segundo a regra de San Bieito, do século VI. Evidentemente adaptada ao presente. O importante non son tanto as normas como o espírito. Somos unha comunidade cenobítica: vivimos en comunidade, pero tamén hai equilibrio entre soidade e vida común. Hai tempos para rezar, para estar soas, para traballar, para compartir. Temos estrutura, claro. E vivimos do noso traballo: sobre todo da hospedería, a eco-cosmética, a tenda que temos no mosteiro… Agora somos nove. Sempre fomos poucas. Este mosteiro sempre foi pequeno.
Marisa: E economicamente?
Vivimos do noso traballo. Antes tiñamos horta, agora xa non podemos tanto. Temos axuda. E todo é en común. Cando fas os votos solemnes, renuncias á propiedade privada. Non tes nada propio. Todo é da comunidade. Traballamos moito, pero o traballo é fecundo, porque sabemos o que queremos e o que facemos facémolo centradas. Leva sendo así desde hai séculos… Sostemos o laboratorio, a hospedaría, coidámonos entre nós e temos a oración.
Alba: E as relacións coa familia?
Ao principio hai ruptura, para centrarse. É parte do valor da fuga mundi. Pero despois recupéranse as relacións doutro xeito.
Marisa: Claro, e fiando co fuga mundi como é a relación coas tecnoloxías?
Hoxe co móbil e internet o mundo entra igual. Xa non existe esa separación total do mundo. Apostamos pola liberdade. Intentamos usalas sen que nos usen a nós. Non temos internet nas habitacións, pero si noutros espazos. Para estudar, formarnos, conectarnos… é moi útil.
Alba: E o liderado?
Estamos cambiando moito. Antes era máis xerárquico. Agora falamos de liderado desde o evanxeo: escoitar, involucrar, sacar o mellor das persoas. A priora escóllese por votación cada seis anos. Formámonos tamén para iso.
Temos formación seria: filosofía, teoloxía… e formación continua toda a vida, sempre enfocada á vida relixiosa.
Alba: Este modelo de vida comunitaria pode existir á marxe da relixiosidade non?
Non. Sen a fe, non. O que nos une é Cristo. Sen iso, non funcionaría. É un milagre que convivamos nove mulleres tan diferentes… sostémonos porque o común nos transcende.
Marisa: E que achega isto ao mundo?
Moita xente pasa por aquí, peregrinos… e quedan impresionados. Non entenden o idioma, pero senten algo. Somos un interrogante: “que fan estas mulleres aquí?”. E iso xa é unha mensaxe. E despois está a oración, que non se ve pero está.
Acollemos a todo o mundo. Moita xente non crente tamén. Veñen, participan… e algo pasa. E iso é algo que agora queremos facilitar máis: que a xente poida probar sen compromiso.
Marisa: E que achega a experiencia da monástica cristiá respecto doutras espiritualidades “sen relixión”.
Moitas espiritualidades fican no benestar persoal. Pero aquí hai algo máis: apertura aos demais, entrega, amor, servizo. Cambiar o mundo… si, pero desde dentro. Desde a interioridade, desde a fe.