O especialista en estratexias de xestión forestal sustentable considera que o uniproductivismo e falta de xestión activa son as claves dun modelo forestal que ameaza o futuro do rural galego

Kiko G. Fontán
Kiko G. Fontán, especialista en estratexias de xestión forestal
No contexto dun cambio climático cada vez máis implacable, Galicia debe afrontar a urxencia de repensar o seu modelo forestal. Pero, como pasar das palabras aos feitos? Para afondar neste tema, falamos con Kiko G. Fontán, un mozo vigués amante do rural e que conta cunha exitosa traxectoria marcada por proxectos que dinamizan o poder da natureza en Galicia, así como informes de alta calidade para WWF sobre temas financeiros e medioambientais. Fontán aposta pola diversificación produtiva, a recuperación de prácticas tradicionais como os soutos e a gandería extensiva, e o uso de ferramentas modernas para transformar os montes nunha oportunidade de futuro sostible.

Galicia enfróntase ao desafío do abandono das terras rurais. ¿En que estás a traballar para evitalo? ¿Cóntanos o teu proxecto?
Axudo a desenvolver proxectos que amosen que outra forma de xestionar os espazos naturais e forestais é posible. Unha forma onde os produtos e os servizos derivados do monte sexan unha escusa perfecta para habitalo, vivilo e desfrutalo. Isto, que pode soar moi abstracto e moi romántico, tradúcese en estar en contacto coas persoas para identificar as necesidades económicas, sociais e medioambientais do seu monte. Sempre en contacto co que demanda a sociedade do mesmo. Este traballo implica moitos proxectos, tantos como montes hai.

A relación rural-urbano debe ser repensada para que ningunha morra

¿Que papel xoga a bioeconomía nas súas iniciativas de recuperación de terras e como se integra nas aldeas modelo que están a implementar?
Penso que a bioeconomía soa como unha palabra baleira. Este termo só xoga un papel relevante se implica xestión activa e profesionalizada do territorio, aceptación social, apoio ás comunidades locais, dignificación da función social e cultural do entorno natural… Para min, non é o “que”, senón o “como” se fai.

Nos teus proxectos, a sustentabilidade e a economía circular son factores clave. ¿Poderías falarnos sobre as tecnoloxías ou métodos máis innovadores que están a empregar neste proceso?
Sen ser eu un experto técnico en tecnoloxías aplicadas ao medio natural, penso que estas brindan eficiencia a través da mellora dos procesos agroforestais. Un exemplo podería ser o proxecto que presentei na Bolsa Ensai o ano 2023 sobre a dixitalización do estudo da titularidade da terra para a recuperación de soutos abandonados. Outro exemplo é o software forestal SINERXIA, creado por AMETLAM SL, co que teño unha especie de colaboración. Este software, que se chama un “xemelgo dixital”, dálle ao propietario forestal unha simulación exhaustiva dos crecementos ou volumes de madeira no seu monte segundo as características e actuacións no mesmo.

castiñeiro
Localización de castiñeiros en situación de abandono para a súa recuperación e posta en valor.

Hai outros problemas en Galicia, como os eucaliptos, a enerxía eólica, Altri, os lumes forestais… ¿Que podemos facer para afrontalos?
Para algúns son problemas, e para outros, solucións. Esta pregunta terá millóns de respostas. Unha por cada persoa á que lle fagas esta pregunta. Intento ler, escoitar, razoar, ser crítico e buscar solucións. Desde logo, non é doado. Apéname moito esa continua loita, ese continuo poñer etiquetas, nomes e lados: ou comigo ou contra min, ou rural ou urbano. Creo que o maior problema é unha dependencia unidireccional dun único recurso ou ingreso. Explícome: para min, o que mata o monte, e por conseguinte atrapa ao propietario forestal, é que se depende economicamente dun só produto: sexa madeira de eucalipto, pagamento por concesión eólica ou créditos de carbono… O uniproductivismo dos espazos naturais é a causa principal do abandono.

Cando me reúno con comunidades de montes, intento exporlles un plan de xestión que abarque múltiples produtos e servizos do monte, combinados, como se dun mosaico se tratase: recuperación de soutos, gandaría en extensivo, madeira de calidade, pero tamén enerxía eólica. Eles deciden se así o queren.

A función cultural do monte é fundamental, e está esquecida

A nivel persoal, ¿en que momento un mozo toma conciencia da importancia do rural?
A miña relación co rural é rara. Eu tomo o camiño contrario a Luis Zahera en As Bestas. Zahera quere comprar un taxi para saír do pobo e ir a Ourense. Eu quero habitar o rural nalgún momento da miña vida. Cando reflexiono sobre o que me leva a fixarme no rural, penso en diversas causas. Por un lado, desde adolescente gustábame coller a mochila e perderme por aí facendo rutas. Desde hai catro ou cinco anos, xa non organizo viaxes para ver grandes cidades, senón para ver espazos naturais. Por outro lado, creo que o contexto no que medro é moi relevante. Eu son un rapaz criado no rururbano de Vigo. Vivindo a 15 minutos do centro, tiven horta e galiñas na casa. Ata os 21-22 anos non lle daba importancia a iso. Agora paréceme un luxo. Ademais, crecín en continuo contacto cos meus avós. Uns avós que teñen o traballo da terra no seu ADN.

Por último, creo que hai unha persoa que marcou a miña carreira profesional. Hai catro anos tiven a oportunidade de estar no equipo asesor do exconselleiro do Medio Rural, José González. Non vin nunca a ninguén falar con tanto amor do medio rural. El foi quen me ensinou que do medio rural se pode vivir moi ben.

¿Que che motiva persoalmente a seguir traballando en iniciativas relacionadas co desenvolvemento rural e a sustentabilidade?
O meu traballo dálleme a oportunidade de sentarme a comer con persoas superinteresantes, que están desexando ser escoitadas. Poñer a terra e as persoas que viven e traballan dela no lugar que merecen motívame moito. Ademais, debido ao meu carácter, ás veces peco de inmediatez. Creo que o sector forestal non ten sentido de cousas rápidas. Pola contra, é gradual, paulatino e lento. Aprender desa calma e dese longopracismo tamén me motiva moito.

Inmigrantes e refuxiados xunto ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo
O monte galego esconde unha xea de potencialidades

Galicia ten unha rica herdanza cultural e natural. Que elementos desta cultura considera máis importantes preservar a medida que avanzamos cara a un futuro máis tecnolóxico e sostible?
Precisamente falaba co meu irmán o outro día disto. El traballa en Concomitentes, unha organización sen ánimo de lucro que promove obras de arte derivadas de problemas sociais no medio rural. Os dous viamos que a investigación e conservación da parte cultural-social do monte é algo aínda por explorar. Nos mundos agroforestais onde me movo está empezando a entrar a lóxica da conservación ou preservación dos hábitats, como algo que o mercado demanda. Dentro desa conservación, creo que a función social, cultural e recreativa do monte é fundamental, e normalmente esquecida. O proxecto Palcos é un magnífico exemplo de como o sector cultural pode facer de altofalante do patrimonio rural.

Por outra banda, a sustentabilidade xa foi inventada hai moito tempo. Non son máis que procesos autosuficientes que no pasado levaban a cabo as comunidades rurais. As iniciativas sustentables en Galicia céntranse en traer o bo do pasado coas ferramentas do futuro.

Hai que estar en contacto coas persoas para identificar as necesidades do seu monte

Como ves o futuro do rural galego nos próximos 10-20 anos?
Distinto ao de agora. En primeiro lugar, as persoas que dentro de 10 ou 20 anos vivan no rural estarán en continuo contacto coa cidade. A relación rural-urbano debe ser repensada para que ningunha das dúas morra, nin por exceso nin por defecto.

En segundo lugar, a propiedade da terra sufrirá un cambio espectacular. Os que teñen a terra hoxe moi probablemente non estarán dentro de 10 ou 20 anos. Para que o rural non quede sen propietarios, creo que a solución pasa por ter montes que, con xestión activa, xeren ingresos para fomentar que se coiden e se habiten. Ter unha terra con rendas complementarias atrae xente ao rural. E eu son o primeiro atraído.

É aquí onde abro o melón de quen debe coidar ou xestionar o territorio agroforestal. Coido que o modelo público de xestión dos nosos montes ata agora non cumpriu coas premisas de sustentabilidade. Moitos montes xestionados a través de convenios públicos son deficitarios, non só desde a perspectiva económica, senón tamén social e ambiental. Igual que nos anos 80 se desestatalizou o servizo de recollida de lixo mediante un concurso transparente que permitiu a efectiva prestación de servizos, deberiamos explorar modelos de xestión público-privada máis eficientes para os montes: entidades forestais de colaboración, desconvenios parciais…