Koldobi Velasco Vázquez é profesora asociada de Traballo Social da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. Activista polos Dereitos Humanos, participou na Caravana Abriendo Fronteras a Canarias en 2021 e na Marcha Global a Gaza o pasado mes de xuño. É voceira da Red Canaria en Defensa del Sistema Público de Servicios Sociales (Redesscan) e traballa polo desarme e a paz na Alternativa Antimilitarista.moc/Acción Directa no Violenta en Canarias, que forma parte da Internacional de Resistentes a la Guerra.

Nietzsche dicía que “o patriotismo é a arte de convencer aos pobres de morrer polos ricos” Que busca o movemento antimilitarista?
Amparo Poch y Gascón1 dicía: “sen prestar oídos aos himnos nacionais nin ao rebumbio que fala de falsos deberes patrióticos, pasemos con enerxía a defender a paz e a dozura”. O movemento antimilitarista é un movemento de accións colectivas. Buscamos cambiar as dinámicas de poder, visibilizando, perturbando, desobedecendo… Procuramos un cambio de paradigma onde seguridade e defensa non sexan definidas pola violencia e dominación, senón pola seguridade humana.

Queremos achegar alternativas á realidade capitalista, violenta, militarizada e totalmente destrutiva do ser humano. Apuntamos á abolición dos exércitos como un paso para a destrución das estruturas de dominación. Tamén queremos sacar o militarismo das nosas vidas xerando procesos de resolución de conflitos dunha maneira non violenta. A non violencia é a nosa estratexia sociopolítica e entendémola como un proceso revolucionario de cambio de valores, actitudes e estruturas que sustentan as inxustizas.

É importante desenvolver distintas vías no antimilitarismo: a concienciación e a persuasión, a non colaboración, a intervención non violenta a través de acompañamento, bloqueos, boicots e sabotaxes e a creación de alternativas. O noso obxectivo é acabar coa guerra, coas súas causas e con todos os procesos da súa preparación.

España entrou na estrutura militar da OTAN en 1999 “baixo capa de ben”. Ata onde chega a presenza militar do estado español no mundo? En cantos conflitos bélicos estamos implicados como estado?
Os países da OTAN consumen o 55% do gasto militar mundial, do que o 37% é so de Estados Unidos. A OTAN é o brazo armado do capitalismo e busca manter unha orde totalmente inxusta. O “malgasto” militar en España foi de 178 millóns de euros cada día no 2025. Unha boa parte é para financiar políticas de inxerencia militar e colonial. Más de 3.000 militares están a participar en operacións militares no exterior en máis de 18 conflitos, cun gasto anual de máis de 1.400 millóns de euros. Nestas operacións adoita ir da man da OTAN, da Unión Europea ou de Nacións Unidas e serven para vixiar os intereses comerciais, o saqueo dos recursos naturais de distintos lugares, así como a contención e a extensión das fronteiras de España por medio da represión.

Hoxe calquera formulación que teña que ver coa desmilitarización, o desarmamento e a cultura de paz pasa pola esixencia da saída da OTAN e tamén por unha contención e eliminación progresiva do gasto militar en España e no resto do mundo.

Esta presenza militar no exterior sostense cos nosos impostos. Falas de 178 millóns de euros de gasto diario no 2025. Que posto ocupamos en gasto militar a nivel mundial?
O gasto militar do Estado español é brutal. O gasto oculto en partidas doutros ministerios é de 33.120 millóns, porque hai gasto militar en 15 ministerios máis. Tendo en conta os gastos extraordinarios e a débeda pública que se vai xerando, que ascendeu a 14.893 millóns de euros, en total, no ano 2025 o “malgaste” militar foi de 65.015 millóns de euros. A política do medo, como a define Juan Carlos Roy2, prevé que en 2026 se gasten máis de 80.000 millóns de euros.

Destacar que o goberno aprobou que nos consellos de ministros se puidesen aprobar programas de armas. Hai pouco aprobou 79 programas de armas con máis de 94.000 millóns de euros para construír e vender armas. Armas que serven para soster unha estrutura militar xigantesca e innecesaria en España, financiar políticas de inxerencia militar e colonial e ameazar a paz mundial. España ten o 3% de todas as vendas mundiais de armas.

Hai unha insolidariedade consubstancial ao gasto militar porque o gasto militar non é produtivo, non produce bens sociais. O que fai é detraer, roubar recursos que terían que ir para servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais, vivenda, xustiza,…) Xera unha débeda inmoral que pesa sobre a sociedade. Serve tamén para vixiarnos como inimigo interno porque os exércitos teñen unha dobre función: defender os intereses das transnacionais e da xente máis rica do Estado no exterior e vixiar ou reprimir a disidencia interna. Tamén nos impón un consenso que compromete o futuro, porque nos furta a posibilidade de elixir a nosa política de defensa. Isto fai moi difícil poder cambiar a estrutura do gasto militar.

Ti es canaria, nós galegas… Vivimos en zonas estratéxicas. Tes falado da excesiva presenza militar en Canarias, ligada á súa situación xeográfica. E en Galicia? Como valoras a presenza militar no noso territorio?
Galicia é a sexta comunidade autónoma en presenza militar de todo o Estado español, con 7.079 militares. (datos do 2024) A maior presenza é en A Coruña, con 4.542 efectivos. Séguelle Pontevedra con 2.485. O 40% do total do funcionariado do Estado é militar ou ten que ver coa estrutura militar. Se lle engadimos o persoal de control social vemos unha estrutura militar esaxerada en Galicia, cunha presenza militar máis alta que a de persoas dedicadas á saúde ou á educación. Os territorios onde hai máis efectivos coincide cos territorios máis empobrecidos, con máis precariedade e exclusión social, zonas onde os servizos públicos son escasos e os dereitos sociais non se cumpren.

Más militarización supón máis pobreza para un territorio, un maior risco de control social e risco de ser tamén obxectivo de guerra.

Koldobi Velasco nunha acción antimilitarista en IFEMA, en 2025

O próximo mes de maio vaise celebrar en Vigo o desfile das Forzas Armadas, co que isto supón de propaganda militarista. Como valoras este feito? Que esconde?
É terrible este exercicio de naturalización da violencia e normalización do exército, á vez que unha maquillaxe que para nada representa as verdadeiras funcións que aparecen nas directivas de defensa do exército español: defender o status quo, as elites e os roteiros comerciais, o espolio e saqueo no exterior e a vixilancia, control e represión da disidencia interna. Esta propaganda militarista é un elemento máis de maquillaxe como a súa presenza na educación, na música, no deporte, nas festas,… unha inxerencia no noso imaxinario que case os converte nunha ONG, pervertendo o verdadeiro significado dos exércitos: a violencia e o militarismo. O que esconde é unha maneira de imposición e de dominación na que vai prendendo a política do medo, a política de securitización. É unha forma de ir penetrando na vida das sociedades para esconder o seu verdadeiro sentido. O ano pasado celebrouse o Día das Forzas Armadas en Canarias. Nós desenvolvemos as nosas propostas antimilitaristas de denuncia na celebración. É moi importante responder, resistir e desvelar o verdadeiro sentido que teñen as Forzas Armadas nas nosas sociedades. Porque con esta política do medo na que vivimos quérennos desmemoriadas, desesperanzadas e paralizadas

Outra das vosas reivindicacións é denunciar a “banca armada” Que é isto? Que bancos están implicados?
No negocio da guerra e da reconstrución hai un apartado moi importante que ten que ver co financiamento do gasto militar, a industria, a investigación e o comercio de armas. Todo isto móvese grazas ao financiamento de bancos vinculados co negocio da guerra. Tres de cada catro armas non poderían ser posibles se non fose pola banca armada. Esta é unha campaña en rede, aberta, que dirixe a súa mirada crítica ás inversións dos bancos. Facemos informes e investigacións, e participamos nas xuntas de accionistas denunciando a situación. Na banca armada están o Banco Santander, BBVA, la Caixa,… hai moitos bancos vinculados a esta situación. Nós facemos chamado a sacar os cartos deses bancos que colaboran coa guerra e cos xenocidios para que os nosos cartos non sexan cómplices. Convidamos a que a xente invista na banca ética, como FIARE, ou en calquera outra opción de crédito cooperativo como COP57.

As posturas antimilitaristas que ti subliñas teñen a súa raíz no feminismo, na loita contra o patriarcado. Podes explicarnos un pouco esta relación?
O militarismo mantén a orde de xénero, a orde patriarcal, e o patriarcado é a base dos sistemas militarizados a través do uso da violencia como única resposta na regulación de conflitos e con posturas de opresión e de dominación. Os feminismos que loitamos contra o patriarcado compartimos moitos elementos coas posturas antimilitaristas porque ambos son movementos emancipatorios que buscan unha vida sen opresións, onde realmente se poña no centro a sustentabilidade da vida e do planeta.

Está tan relacionado o militarismo co patriarcado que é moi importante que o antimilitarismo estea totalmente abrazado ao ecofeminismo, ao feminismo e á ecoloxía. Por iso é crucial subliñar que o antimilitarismo é feminista, e que ambos movementos compartimos a estratexia sociopolítica da non violencia.

Pódese pensar nun mundo onde os conflitos non se resolvan de forma violenta? Podemos soñar en vivir seguros sen pasar pola militarización?
Di Carlos Taibo que o que non podemos é pensar nun mundo onde os conflitos se sigan a resolver de xeito violento, porque estamos a acabar co planeta, coa humanidade, a cooperación, a vida. Por iso temos que poñer xa en práctica o desenvolvemento dunha cultura de paz. É un proceso pedagóxico, persoal, colectivo, comunitario e social moi importante: buscar recursos económicos, ideolóxicos, culturais e humanos que avancen cara a procesos de empoderamento, que favorezan o decrecemento do poder militar e fagan medrar a seguridade humana. É posible, é divertido, é importante e é un chamado á supervivencia, a poder vivir ben en comunidade.

Esta Entrevista pódese escoitar completa en audio en Radio Manoplas, a radio do barrio de Coia (Vigo). Montaxe a cargo de Diego Lores Correa.

1.– Escritora e médica, antifascista e libertaria, Amparo Poch (Zaragoza 1902-Toulouse, 1968) foi co-fundadora en 1936 da revista Mujeres Libres.

2.– Roy, Juan Carlos, La política del miedo: 80.000 millones de gasto militar para 202
https://www.grupotortuga.com/La-politica-del-miedo-80-000