Marco Pereira lidera o programa de radio “Grandes Voces do Noso Mundo”, dende Burela para o mundo. Dende 2016 dirixiu mais de 100 edicións do que podería ser o programa máis internacional da música galega en activo. O último programa de 2018 preséntase coma un “programa de diálogo entre música e palabra a partir das grandes voces que cantan no noso idioma”. Conversamos con Marco, que é unha persoa cega, pero que ve a cousas ben claras.
“Estamos construíndo a ponte musical entre os países de raíz galega”
Marco, cóntanos que podemos esperar cando nos poñamos a escoitar o programa.
Sesenta minutos de boa música introducida por breves comentarios. En cada programa facemos unha selección musical de todos os países do ámbito da lusofonía. Como dicimos sempre: estamos construíndo a ponte musical entre os países de raíz galega.
Fálanos das tripas do programa, como deseñas os programas e seleccionas os contidos?
O programa ten tres partes: unha primeira, con catro cancións, sendo a última a do convidado ou convidada da semana; despois vai o momento da conversa, unha entrevista cunha duración media de 10 ou 15 minutos; e, finalmente, continuamos con máis música.
Na selección musical sempre tentamos meter músicas da maior cantidade de países posible, pero hai que axustarse ao tempo, e non sempre se pode. En calquera caso, como mínimo, ademais da base galega, sempre hai alguén de Portugal, do Brasil e dalgún dos países africanos, como Cabo Verde.
O Modelo Burela é comunicación entre culturas, acoller o que se fai fóra e proxectar o que se fai aquí
As entrevistas escollémolas en función dos concertos, das novidades discográficas ou simplemente de dar a coñecer ao público novas voces emerxentes. Os programas de hoxe teñen que ser un estímulo para irmos consolidando as Grandes Voces do mañá. No noso programa hai moita información sobre Xoana, sobre Alba María, sobre Eduardo Monteiro ou sobre o angolano Alberto Mvundi. Acompañamos a evolución de Sabela desde o primeiro momento. Dedicámoslle o programa 100 cando aínda era descoñecida para o grande público. Mais tamén contribuímos á dobre circulación, de entrada e de saída, coa proxección doutros novos valores como a Menina Arroutada, Maimuna Jalles ou o Bardo DC. Quen faga a descuberta de Chicharrón, de Adhara e Ritman ou de Samarúas, por pouco que pesquise na rede, vai dar coa información que lle ofrecemos, a suficiente para os coñecer moito mellor.
E cóntanos tamén como inflúe ser cego na produción dun programa de radio?
Ser cego non inflúe demasiado. Os guións redáctanse de igual maneira. A única diferenza é que os teño que pasar ao braille para poder locutar. Nada complicado, porque conto cunha impresora especial que imprime dunha maneira rápida.
“Grandes Voces do Noso Mundo” ten no seu ADN un espírito universalista e integrador, a interculturalidade e a fluidez comunicativa entre todos os pobos de raíz galega. Marco, ti es fillo de inmigrantes. Como che influíu iso? O Modelo Burela tivo algo que ver?
Unha parte de min é de Trás-os-Montes e a outra parte é da Mariña. Non hai un límite entre unha e outra. Son galego e son portugués. O presentador do programa, Edilson, está entre nós desde hai catro anos e xa vive a cultura galega en sintonía coa caboverdiana. O noso produtor, Gabriel André, é de Cospeito e exerce a docencia na Universidade de Lisboa. O programa emítese en varias localidades galegas -a través de Radio Fusión, de CUAC FM e de Rádio Filispim- e todos os sábados ás dez da noite é reemitido desde São Paulo. Temos audiencia nunha ducia de países e non nos limitamos a falar de universalismo, de interculturalidade ou de fluidez comunicativa. Poñémolo en práctica unha vez e outra. Así é a proposta do Modelo Burela para a cultura galega do século XXI.
Dános unha pincelada Modelo Burela actualmente. Algúns acertos e problemas
O Modelo Burela ten na súa esencia a comunicación entre culturas, a recepción e asimilación do que se fai fóra e a proxección para o exterior do que facemos nós aquí. Grandes Voces naceu dentro dunha escola de comunicación con eses valores. Cales son os problemas? Que é algo novo -aínda que agora leve 15 anos en aplicación- e que ten que superar inercias e indiferenzas. Mais iso é normal. Co tempo vaise ir coñecendo máis e vai servir de referencia. Eu espero que se fixen nel os centros sociais, a Academia e o Consello da Cultura.
Edilson, presentador desde hai catro anos, vive a cultura galega en sintonía coa caboverdiana
Con toda esta especie de histeria que se alimenta arredor da inmigración ultimamente… que achega Grandes Voces do Noso Mundo?
Non hai histeria só arredor da inmigración. Haina con todo o que supoña diversidade. Fronte a todo iso, o Grandes Voces é un referente da inclusión social.
Pódesevos escoitar todos os venres de 7 a 8 da tarde en Radio Burela, pero tamén noutros medios, como por exemplo a vosa web grandesvozes.com Hai outros xeitos? Podemos pedir cancións? Como?
Pódesenos escoitar a través de varias emisoras: a través das emisoras municipais reunidas en Radio Fusión; a través da Radio Internacional Lusófona, no Brasil (www.radiointernacionallusofona.net); de Cuac FM na área da Coruña e de Radio Filispin de Ferrol. A audiencia pode participar. O procedemento é moi sinxelo: calquera pode achegar as súas peticións a través do WhatsApp, enviando unha mensaxe escrita ou de voz. Non só iso: tamén poden anunciar festivais ou concertos ou recomendar novos discos e propoñer entrevistas.
Sabemos que actualmente estudas xornalismo en Santiago de Compostela. Parece que a profesión vai por dentro. Podes contarnos algún dos teus proxectos de futuro?
Polo de agora non o teño moi claro, mais si gustaba de levar o Grandes Voces do Noso Mundo a novas emisoras para chegar a mais ouvintes e darlles a coñecer as nosas músicas.