Cada vez hai máis migrantes na nosa comunidade, migrantes que precisan dun traballo, dun lugar onde vivir e, como non, de atención sanitaria no sistema público de saúde. Non podemos perder de vista “determinada percepción”, alimentada por certos medios e opinadores, sobre as persoas migrantes e as súas necesidades sanitarias, suxerindo que fan un uso e un gasto excesivo do sistema sanitario público. Consideramos logo ben oportuno informarnos con quen que coñece ben esta realidade, porque se ocupa directamente das e dos migrantes. Así, entrevistamos a Celia López Carballido, presidenta de Médicos do Mundo Galiza.

Médicos do Mundo somos unha organización sociosanitaria, internacional e independente de toda filiación política ou relixiosa, formada por persoas técnicas e persoal voluntario. Traballamos desde hai máis de 25 anos por facer efectivo o dereito universal á saúde cun enfoque baseado nos dereitos humanos, antropolóxico e de xénero, facilitando que as persoas en risco ou en situación de exclusión social teñan un acceso equitatipo aos servizos sociosanitarios.

Insistimos na gran riqueza da inmigración, contra o discurso populista e racista

O noso traballo inclúe o rexistro da vulneracións de dereitos e a recollida de testemuñas para levar a cabo posteriormente a incidencia política e a educación para a transformación social para que o dereito universal á saúde (saúde física, psíquica e social) sexa unha realidade.

Traballamos no Estado Español en programas de inclusión social: programas de atención a persoas migrantes, a persoas en situación de prostitución, a persoas sen fogar e consumidores de drogas e en programas para previr a mutilación xenital feminina.

Por outra banda, temos proxectos en Programas de Cooperación Internacional en máis de 20 países de América, África e Oriente Medio, nos que realizamos Axuda Humanitaria.

Celia López Carballido

Como traballades nos programas de atención ás persoas migrantes?
Incidimos nos dereitos das persoas migrantes, na necesidade de crear vías seguras que non poñan en risco as súas vidas e tamén facemos fincapé na enorme riqueza da inmigración en contra de discursos populistas e xenófobos.

Apostamos por unha cobertura sanitaria universal que lles ofreza, a todas as persoas que estean en situación administrativa regular ou irregular, acceso a servizos de atención, prevención e promoción da saúde, garantindo ao mesmo tempo o acceso a tratamentos e medicamentos independentemente dos seus recursos económicos.

As distintas actividades que desenvolvemos en Galicia neste programa son realizadas para atender demandas de poboación migrante en situación ou en risco de exclusión social e desde unha perspectiva de dereitos humanos, xénero e interculturalidade.

Como son esas actividades?
Partimos, por exemplo, dunha atención social e psicolóxica básica. De aí pasamos a informar e derivar aos recursos sociosanitarios públicos, acompañando na realización dos trámites necesarios para conseguir a inclusión e a atención no sistema sanitario público. E tamén facemos, loxicamente, mediación intercultural social e sanitaria.

Un aspecto no que incidimos é o formativo, con actividades de educación para a saúde, que inclúen obradoiros sobre saúde sexual e reprodutiva, promoción de hábitos de vida saudables e prevención de violencia de xénero. Outra liña de traballo é a sensibilización e educación para a Transformación Social (EPTS) en centros de educación secundaria, coa que se pretende promover entre a xente nova actitudes e condutas positivas cara ás persoas migrantes: realízanse actividades multiplicadoras das mensaxes e propostas en defensa do dereito universal á saúde.

Con carácter máis xeral promovemos campañas de sensibilización: “Persoas que se moven” e “Un mundo en movemento, cuestión de dereitos”. E realizamos “Incidencia Política” utilizando testemuñas de vulneracións do dereito á saúde que recollemos, para tentar cambiar a normativa discriminadora ou a interpretación que se fai desa normativa.

Como é a situación sanitaria para unha persoa migrante, sen papeis? Que dificultades atopa para acceder ao noso sistema sanitario?
Actualmente a nivel estatal temos o novo Real Decreto Lei 7/2018. Aínda que a súa filosofía foi o acceso universal ao Sistema Nacional de Saúde, a redacción da Lei por unha banda, e non ter aínda un regulamento de desenvolvemento da mesma, por outra, levounos a unha grande arbitrariedade na aplicación desta normativa nas distintas Comunidades Autónomas.

Como se aplica en Galicia?
Aquí foi interpretada esta universalidade de maneira restritiva, o que deixou persoas en situación de gran vulnerabilidade fóra do sistema público de saúde, incluídos menores e embarazadas. Interpretouse tamén a ”alta médica” en urxencias como “alta hospitalaria”, e polo tanto sen dereito ao posterior seguimento do seu proceso.

Aínda non se publicou ningunha normativa ou circular que poña en práctica o RDL 7/2018 en Galicia pero, ao longo de todo o ano 2019, e así segue no 2020, estanse detectando cada vez máis vulneracións do dereito á saúde en poboacións ata agora protexidas como eran menores, embarazadas ou solicitantes de protección internacional, incluídas as vulneracións na atención de urxencias médicas; todos estes casos estarían cubertos coa anterior lei do 2012.

Estase negando a sanidade a menores os tres primeiros meses coa ameaza de facturar os servizos

Cada vez atopámonos con máis casos de facturación na atención a menores, embarazadas, solicitantes de protección internacional e atención en urxencias. Estase negando a cobertura sanitaria a menores os tres primeiros meses de estancia coa ameaza de facturación dos servizos, o que leva aparellado en moitos casos a ruptura do calendario de vacinación ou a non atención de patoloxías crónicas como autismo, xordeira etc. Concretamente, no caso dos embarazos, o medo á facturación pode impedir realizar os controis prenatais ou a atención hospitalaria do parto.

Debido ás facturacións das que falamos, no Programa galego de Protección Socio Sanitaria (PGPSS) está habendo problemas con persoas migrantes que teñen débedas pendentes por atencións previas e ven imposible a renovación dos seus papeis para continuar no programa a causa das súas débedas coa Administración.

Como son percibidos estes usuarios polo resto da sociedade?
Unha gran parte da sociedade percibe o número de persoas migrantes en situación administrativa irregular como elevado ou excesivo, a pesar de que en 2018 estas cifras supoñerían soamente un 0,17% da poboación española (cifras de EUROSTAT), porcentaxe moito menor na poboación galega.

A percepción por unha parte da poboación local de que as persoas migrantes son consumidoras abusivas de recursos sanitarios déixase ver nos bulos que se difunden cada vez con máis frecuencia: “A presenza de persoas migrantes fai que diminúa a calidade da atención sanitaria”, “as persoas migrantes abusan da atención sanitaria gratuíta”, ou “aínda que teñan os mesmos ingresos, dánselles máis axudas sanitarias ás persoas migrantes que ás locais”.

Que podemos facer nós como colectivo ou individualmente para tentar mellorar a situación?
Para nós como organización, é moi importante sensibilizar a poboación en xeral, e sobre todo á poboación máis nova, para promovermos condutas positivas en relación ás persoas migrantes, baixo a perspectiva e a difusión dos dereitos humanos, entre eles o dereito universal á saúde. Esta sensibilización, como antes comentamos, pódese realizar en charlas, formacións en centros educativos ou tamén a través de campañas en redes sociais; estas, en moitas ocasións, contrarrestan as mensaxes racistas e xenófobas que atopamos hoxe en día nas redes.

O voluntariado é moi importante para ir conseguindo un cambio e contrarrestar a xenofobia

Como persoa individual tamén se pode colaborar a ese cambio social necesario; a nosa organización está composta por unha gran porcentaxe de persoas voluntarias e desde ese voluntariado pódese poñer un grao de area importante para ese ese cambio.

Tamén é moi importante para esa sensibilización o papel dos medios de comunicación, como pode ser esta revista, porque o efecto multiplicador das mensaxes é maior.

Graciñas, Celia, por esta conversa, polo traballo da túa organización, e tamén polo labor de tantas ONG que traballan pola dignidade e os dereitos de todas as persoas, labor que moitas veces é o que terían que facer os servizos públicos do país de acollida.