Espazo Lectura é un faro de resistencia cultural que foi capaz de crear unha comunidade arredor do libro e da lingua galega e conta cunha programación de máis de cen actividades anuais para cativos e adultos en Gondomar. A súa presidenta, Yaiza Peixoto, fálanos do papel fundamental do voluntariado, dos desafíos de manter o galego como lingua de transmisión e do soño de crear un Museo do Conto.
Yaiza Peixoto, presidenta de Espazo Lectura

Yaiza Peixoto, presidenta de Espazo Lectura

Que vos motivou a poñer en marcha Espazo Lectura e quen forma parte del?
Espazo Lectura naceu no ano 2006 da man dun grupo de nais e pais da ANPA do Colexio Rural Agrupado (CRA) Antía Cal, en Gondomar. Estas familias decidiron comezar a organizar contacontos para as súas fillas e fillos, xa que non existían actividades deste tipo no Concello de Gondomar e tiñan que desprazarse ata Vigo para poder gozar delas. Solicitaron permiso para realizar os contacontos na Biblioteca Pública Municipal de Gondomar, considerando que este era un espazo co que os pequenos tiñan que estar familiarizados, e, pouco a pouco, comezaron a unirse máis familias e persoas interesadas en colaborar e desfrutar coa actividade. Este foi o xermolo do que, dous anos máis tarde, sería a asociación Espazo Lectura, que conta na actualidade con oito clubs de lectura que abranguen todas as idades e cunha programación estable de máis de cen actividades anuais por tempada (de outubro a xuño).

A lectura une, conecta, tece fíos entre nós.

Espazo Lectura conta cun amplo equipo de voluntariado con perfís profesionais moi variados, que se achegaron á asociación con inquedanzas diferentes. Dentro do equipo actual atópanse moitos dos socios e socias fundadores da asociación, así como persoas que manifestaron interese no proxecto e se foron integrando nos diferentes equipos, participando e colaborando nalgunha actividade concreta.

Que dificultades atopades para manter o proxecto e como conseguides superalas?
Consideramos que as maiores dificultades son dúas. A primeira é ampliar e manter o número de voluntarias e voluntarios para poder enriquecer os equipos que coordinan os diferentes clubs de lectura e atender tamén á necesaria renovación das persoas que forman parte desas coordinacións. Tamén, por suposto, para poder dar continuidade ao proxecto formando parte da Xunta Directiva, que a conforman persoas que, ademais de pertencer a eses equipos de coordinación, se encargan doutras tarefas relacionadas coa xestión da asociación. Ao longo da vida de Espazo Lectura, moitas persoas quixeron adquirir ese compromiso co proxecto e, agora, incluso forman parte do voluntariado antigos usuarios e usuarias da asociación. Aínda así, procuramos animar as persoas que acoden ás actividades a colaborar dalgún xeito, xa que sempre dixemos que Espazo Lectura funciona porque moitas persoas realizan pequenas tarefas que, unidas, fan un todo.

A segunda das dificultades é a busca de financiamento e a falta dun orzamento fixo e estable, que dea seguridade á hora de deseñar as nosas actividades. Espazo Lectura desenvolve o seu labor grazas aos socios e socias, que apoian economicamente o proxecto cunha cota anual porque así o queren facer, xa que non é unha obriga asociarse para asistir ás actividades. Eventualmente, o Concello de Gondomar colabora economicamente con algunha actividade, pero, ao non tratarse dunha colaboración regular e definida, a nosa situación é inestable. Unha vez máis, son as persoas as que manteñen vivos proxectos culturais que dotan de identidade unha vila.

Casa da Lectura

Casa da Lectura

Sentides que estades a facer un labor que, se non o facedes vós, non o fai ninguén?
O obxectivo principal de Espazo Lectura é fomentar a lectura e o libro en lingua galega. Desde os centros educativos, librarías ou bibliotecas si que se realiza este labor, en maior ou menor medida, pero están enmarcados nun ambiente máis formal ou mesmo institucional e teñen unha estrutura moi distinta á da asociación. Nós procuramos que a lectura e o achegamento ao libro sexa algo continuado no tempo, que se realice en familia e en comunidade, e que sexa a través de propostas que tamén nos vinculen emocionalmente, facendo do libro un elemento socializador e de unión.

Que papel teñen as persoas voluntarias na organización? Fai falta moito compromiso para manter un nivel tan altísimo de actividades.
Sen voluntariado, non existiría Espazo Lectura. Elas e eles son quen fan lecturas, escollen libros, catalogan o fondo da nosa biblioteca, realizan as programacións, contactan cos autores e autoras, encárganse das actividades, contan contos e fan todo o necesario para que o proxecto funcione. É un compromiso esixente, pero o feito de facelo en equipo facilita moito as cousas. Na nosa vida pasamos por diferentes momentos que nos permiten achegar máis ou menos ao proxecto, pero non cortamos ese vínculo nin a colaboración coa asociación.

Consideras que a lectura pode ser unha ferramenta poderosa para crear comunidade?
Si, sen dúbida. A lectura une, conecta, tece fíos entre nós. Permite que coñezamos non só o que nos contan as páxinas dos libros, senón tamén moito do que son as persoas que os len.

No noso caso, a lectura permite que moitas familias se poidan coñecer e compartir inquedanzas sobre a crianza, o achegamento á lectura nas idades temperás e acompañarse neste proceso de animar á lectura aos máis pequenos. Permite tamén compartir a nosa afición pola lectura cos nosos seres queridos, familia ou amizades cos que asistimos aos clubs de lectura, e coñecer moitas persoas novas. Isto, nunha vila como Gondomar, axuda a crear unha relación social entre a veciñanza e facer comunidade.

Sesión de Contos en Cueiros con integrantes de 'A Banda dos Cueiros'

Sesión de Contos en Cueiros con integrantes de ‘A Banda dos Cueiros’

A “rebelión lectora” que promove Espazo Lectura é tamén unha rebelión a favor da lingua galega. Como se pode trasladar esa conciencia ao conxunto da sociedade?
Nas nosas actividades pretendemos transmitir a riqueza, variedade, calidade e profesionalidade que existen na nosa literatura e na nosa lingua. A través do exemplo, do convite a compartir lecturas e a explorar as posibilidades da lingua, descubrimos o lonxe que podemos chegar con ela. Pensamos que isto xa fai tomar conciencia da importancia de coidar a nosa lingua. Sen dúbida, nestes momentos segue a ser un acto de rebeldía usar a lingua propia e facer reflexionar as persoas sobre isto. Espazo Lectura é un lugar no que a lingua galega é sempre a lingua vehicular e procuramos que as nosas actividades sexan nun ambiente galegofalante, lembrando a importancia do idioma e do seu uso.

En Galicia aínda persiste a situación de que moitos nenos e nenas entran no colexio falando galego e saen falando castelán. Como credes que se podería reverter esta tendencia?
É un tema complexo, porque son moitos os factores que inflúuen nesta situación que fai mudar aos nenos e nenas de lingua. É fundamental que na escola as mestras e mestres empreguen a lingua galega e desenvolvan unha sensibilidade cara ás linguas e o seu coidado, proporcionando recursos e iniciativas interesantes en lingua galega. Outro factor fundamental é a oferta deses recursos, xa que moitas veces é complicado atopar en lingua galega series de televisión, películas ou animación que teñan éxito entre a infancia ou a adolescencia, e sen referentes non é fácil manter a lingua. Ademais, está a construción da identidade en relación cos seus iguais, cos seus compañeiros, que na maioría dos casos non falan a súa lingua, o que fai que muden ao castelán.

O papel das familias na transmisión da lingua é fundamental. Que deben facer para manter o galego como lingua de uso cotián?
O primeiro para manter o galego como lingua de uso cotián é falalo sempre, pase o que pase. O exemplo é fundamental, como tamén o son o diálogo e a reflexión sobre o uso da lingua, tanto cos pequenos como cos adultos, porque nunca é tarde para converterse en transmisor do galego. Tamén é importante reivindicar o dereito a poder empregar a lingua galega no día a día e construír espazos que apoien e se caractericen polo seu uso, nos que o galego sexa a lingua vehicular.

Club de narrativa Sete Vidas

Club de narrativa Sete Vidas

Despois de tantos anos de experiencia, que lle diríades á Administración para fomentar a lectura na nosa lingua?
Sería moi interesante e repercutiría positivamente na situación da nosa lingua que a Administración apoiase as iniciativas que xa existen e que loitan polo fomento da lectura en lingua galega, axudando a que medren e a que adquiran presenza nos espazos públicos, a que poidan realizar unha oferta ampla, variada e de calidade sen ter que estar medindo os seus recursos económicos constantemente. Por outra banda, é importante o recoñecemento a nivel social, que favorece as entidades que xa existen e anima as persoas a colaborar, participar e crear novos proxectos.

Pero Espazo Lectura, ademais, ten a súa propia banda: A Banda dos Cueiros, que é un fantástico exemplo de como fusionar literatura e música.
A Banda dos Cueiros está formada por seis persoas que, na súa maioría, estaban implicadas na actividade “Contos en Cueiros” no momento do seu nacemento, no 2013. Esta actividade está dirixida a bebés de 0 a 3 anos e nela prodúcese un primeiro achegamento ao libro, ás cancións, aos arrolos e á oralidade, e as sesións procuran proporcionar espazos e momentos de experimentación, tan importantes nestes primeiros anos. Naquel momento, os integrantes da banda crearon as cancións para as sesións, de maneira que ao cabo dun tempo tiñan algunhas cancións sacadas da tradición oral, outras inspiradas en contos ou en poemas e mesmo algunhas cancións populares noutras linguas. Foi un acerto gravar e publicar o libro-disco, unha experiencia moi bonita para a banda e unha sorte para Espazo Lectura.

De que estades máis orgullosos en Espazo Lectura?
Estamos moi orgullosos do conxunto do proxecto, de sermos quen de botar a andar a asociación, de mantela no tempo e de facela medrar, mesmo nos momentos máis complicados, nos que fomos quen de buscar alternativas e permanecer, reivindicando e rebelándonos, rodeadas de libros e de compañeiras. Nos últimos anos é especialmente emocionante incorporar ao equipo de voluntarios e voluntarias a persoas que foron nenas e nenos que gozaron das actividades da asociación nos seus inicios.

As persoas que formamos parte de Espazo Lectura levamos o seu nome alá onde imos, xa que significa moito para nós porque unha parte da nosa vida, en forma de tempo compartido, está nas súas actividades.

Menú de Contos na Casa da Lectura

Menú de Contos na Casa da Lectura

Se alguén quixera replicar este modelo noutro lugar de Galicia, que consellos lle darías?
Que o fixese, sen dúbida. E que as persoas que o conformen se formen moito, xa que é importante meditar as accións e as razóns das propostas que se ofertan para asegurar a súa coherencia e viabilidade. É fundamental a formación: ler, visitar outros proxectos e escoitar profesionais do sector.

A Banda Contos do Cueiro recolle a tradición oral

Por outra banda, é importante buscar apoio na comunidade: centros educativos, librarías… No caso de Espazo Lectura, existe a figura dos socios protectores, que contribúen ao apoio e mantemento da asociación de diferentes maneiras. Son socios protectores case a totalidade dos centros educativos do Val Miñor, que nos axudan a difundir as actividades da asociación entre todo o alumnado dos centros. Tamén son socias protectoras máis de vinte editoriais que publican en lingua galega e que nos envían as súas novidades para que poidan telas en conta os coordinadores e coordinadoras á hora de deseñar a súa programación, pero tamén para que estean na nosa biblioteca da Casa da Lectura, a sede da asociación, situada na parroquia de Donas, en Gondomar. Ademais, unha libraría e dúas compañías teatrais tamén son socias protectoras da asociación. Este tecido é fundamental para o mantemento de iniciativas deste tipo.

E, por suposto, que goce e que busque o que lle aporta a nivel persoal un modelo como o de Espazo Lectura, xa que consideramos a emoción un motor imprescindible.

Que soños ou retos vos marcades para o futuro de Espazo Lectura?
A curto prazo, estamos a piques de cumprir un fermoso soño que xa se está materializando nestes momentos: a realización do documental A rebelión da lectura, dirixido por Alma Alonso e Asun González, que verá a luz en xaneiro do ano 2026. Este documental contará como foi o nacemento e o mantemento da asociación, e nel terán voz moitas das persoas implicadas na mesma durante estes anos, pero tamén autoras e autores que visitaron Espazo Lectura. A través da súa difusión, da man das súas directoras, esperamos chegar a moitas persoas e seguir dándonos a coñecer.

Un reto polo que levamos anos traballando e loitando é a realización do proxecto O Museo do Conto, do que xa se realizou, coa colaboración do Concello de Gondomar, unha primeira fase. Trátase dun proxecto que convertería a Casa da Lectura nun lugar de reunión arredor do libro, con espazos diferenciados para a realización de distintas actividades, unha biblioteca e un espazo para xornadas que teñan o libro como elemento central. Este proxecto está en fase de busca de financiamento, polo que precisamos dunha aposta importante por parte das administracións.