O alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca, explica nesta entrevista como o seu concello se converteu nun exemplo de solidariedade e inclusión ao acoller 65 persoas migrantes procedentes de África. Nun contexto marcado polos prexuízos e o discurso de odio, Padrón demostra que a empatía e a cooperación poden ser ferramentas poderosas para transformar vidas e fortalecer a comunidade.

Padrón foi un dos tres concellos galegos elixidos polo Goberno central para acoller migrantes. Concretamente 65 persoas procedentes de países como Malí, Senegal, Mauritania e Marrocos. Que factores motivaron esta decisión?
Temos un concello cunhas características óptimas para a empregabilidade e a inserción social, ben comunicado dentro do eixo Atlántico grazas ao ferrocarril e a AP-9, N-550 e a autovía do Barbanza. A industria padronesa é forte, moi produtiva e atópase en continua expansión, polo que demanda grande cantidade de empregados. Grazas fundamentalmente ao noso tirón industrial, Padrón ten unhas boas cifras de emprego.

Por suposto, Padrón é un pobo hospitalario e acolledor onde estamos afeitos a recibir persoas de todas as procedencias tanto polo gran mercado dominical como polo Camiño de Santiago, que nos achegan grandes oportunidades de intercambio cultural.

Cal é a situación xeral destas persoas que deixaron o seu país poñendo en risco a súa vida?
Saíron dos seus países como consecuencia da necesidade de supervivencia, a maioría fuxindo da guerra en Mali. A súa vida correu riscos notables, cruzando o deserto do Sahara e realizando a travesía do Atlántico cara as Illas Canarias que é, sen dúbida, un dos traxectos máis perigosos do mundo. A valentía destas persoas non é un acto irracional, senón que ten como base unha desesperación profunda, unha necesidade de fuxir do terror e da brutal pobreza e de buscar un futuro mellor para eles e as súas familias.

Os migrantes queren aprender galego

É un reflexo das enormes desigualdades globais, dos efectos devastadores da violencia, a pobreza e o cambio climático, e dun sistema que ten serios problemas para proporcionar solucións ás persoas máis vulnerables. En lugar de xulgar esta migración como unha elección sen máis, debemos entendela como un berro de auxilio, unha resposta ás circunstancias extremas que enfrontan estas persoas, e como unha chamada á solidariedade global para abordar as causas de fondo que as empuxan a tomar este risco extremo.

En primeiro lugar, moitos destes migrantes foxen de conflitos armados, ausencia total de xustiza e violencia xeneralizada. A pobreza extrema ou inseguridade económica empuxan ás persoas para tomar o risco de emprender viaxes perigosas na procura dunha vida mellor para poder atender as necesidades básicas. A isto súmaselle o impacto devastador do cambio climático onde as secas converten o campo nun terreo inhóspito, facendo imposible sobrevivir da terra.

Ademais, debemos engadir o medo á represión política ou a persecución por razóns de xénero, orientación sexual ou pertenza a grupos étnicos específicos. As persoas que viven estas circunstancias, en busca de protección, vense obrigadas a emprender viaxes perigosas para escapar dunha opresión constante.

Reunión co alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca

Hai exemplos concretos que poida compartir sobre como os migrantes están a integrarse na vida social e laboral de Padrón?
As persoas migrantes en Padrón traballan en diversos negocios, na industria, no mercado, etc. Todas están perfectamente asentadas e integradas, aprecian o noso pobo e o noso país.

Para aqueles migrantes con algunhas dificultades, o Concello ten en marcha un programa chamado “Babel” para ensinar o idioma e afondar no coñecemento da nosa cultura, coa finalidade de que as persoas non só vivan en Padrón senón que se sintan padronesas. Esta actividade tamén serve como rede de apoio entre as persoas migrantes de diferentes nacionalidades que poden atopar noutras persoas experiencias similares aínda que sexan de diferentes lugares.

A isto cabe sumar outro programa dirixido a mulleres en situación de vulnerabilidade, onde poden participar mulleres migrantes e tamén mulleres non migrantes pero con baixos recursos, discapacidade ou outras situacións. Este programa trata de dotar as mulleres de ferramentas que as empoderen.

Galicia ten unha tradición emigrante moi arraigada. Cre que iso inflúe na actitude dos veciños cara aos migrantes? Como describiría a reacción da comunidade local ante a súa chegada?
Na xuntanza informativa que organizou o Concello sobre o acollemento a persoas refuxiadas neste novo centro, na parroquia de Cruces houbo veciños que aludiron ás súas experiencias familiares como migrantes. Recordo que temíamos que a veciñanza puidera acudir a esa reunión intoxicada polo argumentario malicioso da extrema dereita que intenta asociar á poboación migrante cun suposto aumento da criminalidade, que se “rouban” o traballo, etc. Foi moi gratificante ver como a veciñanza padronesa presente en ningún momento aludiu a esas invencións racistas. A xente quería saber como podían botar unha man. Máis alá do que as institucións poidamos facer, ver que a cidadanía se quere implicar no proceso de integración destes rapaces que veñen fuxindo de situacións brutais é algo moi esperanzador. Penso que, sen dúbida, a conciencia e coñecemento da nosa propia historia, da Galicia emigrante, xunto con principios derivados do humanismo cristián teñen moito que ver nesta vontade de axuda.

As empresas padronesas lideran a integración

Que expectativas ten para o futuro destes 65 migrantes que están hoxe en Padrón? Agarda que se convertan en novos veciños permanentes e contribúan a un Padrón máis diverso?
Nos días posteriores á saída da nova en prensa onde se falaba do acollemento, moitas empresas da zona chamaron ao concello para informarse dos trámites necesarios para realizar a contratación. En Padrón existe grande demanda de traballadoras e traballadores de base, especialmente na industria. Debo dicir que tamén foi moi reconfortante comprobar que todas as empresas que amosaron interese deixaron moi claro que querían contratar persoas exactamente nas mesmas condicións que calquera outro traballador e que querían realizar todos os trámites conforme á legalidade vixente. Quere isto dicir que o tecido empresarial padronés é sensible e responsable, que ten un compromiso evidente e crecente coa dignidade laboral.

A día de hoxe dos 65 migrantes que chegaron, 4 xa están traballando. A partires de maio os outros 61 terán permiso de traballo e poderán ser contratados. A día de hoxe, o Concello promoveu xa unha reunión a tres bandas (Concello, ONG que xestiona o centro e empresa) cunha das corporacións máis potentes asentadas en Padrón e esta puxo a disposición as súas aulas de formación para ir adiantando a formación obrigatoria necesaria establecida no convenio do metal, transporte para os migrantes dende o centro de acollida e incluso vivendas para cando comecen a traballar. Polo tanto, estes 65 rapaces do centro de acollida de Padrón van ter unha boa oportunidade que sen dúbida aproveitarán. Unha oportunidade para eles e tamén para o propio Concello, que aspira a fixar poboación e sentar as bases para retomar o crecemento demográfico.

carteis de sinalización

Quen propaga ese medo ao inmigrante que polariza á sociedade?
Certos sectores minoritarios da sociedade están interesados en culpar as persoas máis vulnerables de todos os males en lugar de, por exemplo, preguntarse de onde proceden realmente as desigualdades sociais. Debemos de ser claros e verbalizar que nalgúns sectores aliñados coa extrema dereita existe un transfondo de racismo que convence a unha minoría da poboación, pero que fai moito ruído. Contra este ruído, este avance da desinformación que intenta invadir o debate público con mentiras e falsidades debemos reforzar a colaboración e a integración ao mesmo tempo que explicamos a realidade. Esta integración non só é para aplicar ás persoas migrantes, senón a todas as persoas en situación de vulnerabilidade.

O discurso de odio non responde á lóxica, é irracional e extremadamente sinxelo, pero a realidade é complexa, por iso custa máis explicala e entendela. A poboación migrante integrada só suma nesta sociedade que padece as consecuencias do avellentamento da poboación e a falta de natalidade, que pon en perigo todo o noso estado de benestar. O que se espera dunha sociedade avanzada como a nosa é que saibamos axudar a quen o necesita e normalizar a diversidade na convivencia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, falou sobre o ‘efecto chamada’ que poden ter este tipo de accións. Como valora esta afirmación?
Falar de efecto chamada é tapar os ollos ao que está a acontecer no mundo. O incremento dos conflitos en oriente medio e o cambio de roteiros migratorios ocasiona que as persoas arrisquen as súas vidas mediante a travesía do Atlántico. Non é efecto chamada; é unha consecuencia do aumento da violencia en moitas rexións, así como o cambio climático que modifica e empobrece as posibilidades dos territorios provocando un aumento de pobreza.

Pola súa banda o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García responsabilizou aos inmigrantes do retroceso do galego.
A nosa experiencia en Padrón é totalmente a contraria. Hai pouco tivemos un proceso de selección de persoal no concello onde había proba de galego e presentáronse persoas de diversa orixe. Ao que cabe sumar, o éxito do programa Babel no noso concello.

Por outra banda, segundo os datos que amosa a última enquisa do IGE existe unha brecha xeracional no uso do galego. É dicir, a maior perda de galegofalantes atópase na poboación máis nova.

Cargar aos migrantes coa culpa de todas as problemáticas que poidan existir no país é sinxelamente absurdo.

Mans

Tamén hai quen afirma que as políticas de inmigración xeran tensións sociais ou que os migrantes “rouban” postos de traballo. Que lles diría a quen sosteñen estas posicións desde a súa experiencia en Padrón?
Para empezar unha desas afirmacións contradí á outra, reflexo do discurso malicioso que a dereita intenta impoñer. Difundir estes argumentos que teñen tanto odio na súa base é moi perigoso. As políticas de inmigración e integración do mesmo xeito que calquera axuda social tratan de servir ás persoas de xeito puntual e para iso estas persoas teñen que cumprir uns requisitos que se comproban de xeito rigoroso.

Doutra banda, as persoas migrantes non rouban o traballo e menos cando parten dunhas condicións infinitamente peores que as de calquera europeo: cando chegan aquí moitos non dominan o idioma, non coñecen ben o funcionamento da nosa sociedade, non tiveron oportunidade de formarse, non teñen apoio familiar. Non teñen nada. Ningunha persoa nesa situación lle “rouba” o traballo a un europeo. Cando chegan ao noso país os migrantes saben que terán que comezar pola base, ir coñecendo como funcionamos e, pouco a pouco, ir mellorando. Exactamente o mesmo que fixeron os galegos e galegas en Suíza, en Alemaña, en Francia, en Arxentina ou no Uruguai nos séculos pasados.

A historia dunha Galicia emigrante impulsa o noso apoio

No caso de Galicia, cal cre que é o maior desafío para garantir unha integración plena das persoas migrantes? Están preparados os servizos municipais, como a sanidade ou a educación, para atender as novas demandas?
A nivel administración pública, trátase de ter vontade. Agora mesmo en Padrón temos os programas xa mencionados que son xestionados polo concello e grazas ao bo labor do departamento de Servizos Sociais e Voluntariado. Tamén, estamos en continúa comunicación coa ONG Rescate que leva o programa de inclusión das 65 persoas refuxiadas e coa que imos colaborar en diferentes proxectos nos que estamos traballando como, por exemplo, de capacitación dixital.

Sendo realistas tanto os servizos sociais, a sanidade como a educación están infrafinanciados. A Xunta de Galicia debería ser máis sensible e dotar de máis orzamento estes eidos, porque son os piares do noso estado de benestar.

Finalmente, que mensaxe lle gustaría transmitir aos veciños de Padrón e a toda a sociedade galega sobre a importancia de acoller e integrar ás persoas migrantes?
Acoller e integrar ás persoas migrantes é un investimento humano a longo prazo que beneficia a toda a comunidade, promovendo unha sociedade máis inclusiva, equitativa e sostible. A acollida de persoas migrantes non só é unha cuestión de xustiza e solidariedade, senón tamén unha necesidade para o benestar de todas e todos.

É importante entender que a nosa poboación envellece e hai menos nacementos. Isto xera un gran desafío económico, pois cada vez hai menos persoas mozas que poidan soster os sistemas de pensións, servizos públicos e a economía en xeral. Os migrantes, na súa maioría, son persoas mozas e en idade laboral, o que axuda a contrarrestar o envellecemento da poboación.

Ademais, os migrantes non só veñen traballar; tamén achegan á cultura, á economía e á innovación. Os estudos mostran que as sociedades que acollen a migrantes teñen un dinamismo cultural e social que enriquece a todos os seus habitantes. Os migrantes contribúen ao crecemento económico, enchen baleiros en sectores clave e afánanse por mellorar o país que lles deu a oportunidade de ter unha vida digna.

Unha sociedade inclusiva e diversa é máis forte. A clave está, por unha banda, en crear políticas adecuadas para a integración asegurando que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades e dereitos e, por outra, en que a cidadanía comprenda e teña vontade de comprender, axudar e integrar a quen só quere vivir con dignidade.

Fotos cedidas por concello de Padrón