A Xunta ten en marcha a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística, vinte anos despois da súa aprobación. Nun contexto marcado polos datos de retroceso do uso do galego e polo debate sobre a chamada “emerxencia lingüística”, a investigadora, filóloga e docente Valentina Formoso Gosende analiza con mirada crítica o proceso, os seus límites e os erros que non se poden volver repetir.
Valentina Formoso, docente e investigadora.

Valentina Formoso, docente e investigadora. Foto: cedida

Cando analizas a evolución do galego nas últimas dúas décadas, que fotografía che aparece?
É unha fotografía cun primeiro cachiño en cor e logo a maioría en branco e negro. O anaco de cor estaría entre 2006 e 2010, mesmo desde 2004, porque foi cando se aprobou o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) e, con el, abriuse unha ventá á esperanza.

Con base neste PXNL, en 2007 foi cando se aprobou o Decreto 124 polo que se regulaba o uso e promoción do galego nos centros educativos e que supoñía un avance importante para a promoción do galego (supoñía eliminar o límite de uso da nosa lingua no ensino e mesmo abrir a posibilidade das liñas de galego en ámbitos urbanos). Esa sería a parte en cor, que acabou en 2009 co cambio de goberno e xa en 2010, se rematou coa aprobación do Decreto 79 para o plurilingûismo.

“Esta actualización significa un facer que se fai”

E o máis grave non foi tanto a redacción do decreto, que é terrible polo que supuxo de ruptura co proceso de normalización que se estaba a iniciar, senón o discurso oficial que se creou arredor do galego que aireou vellos prexuízos, reafirmou un imaxinario negativo arredor da lingua propia e conseguiu que deixasen de ser politicamente incorrectas afirmacións doutros tempos sobre o galego. Estas tiñan detrás unha ideoloxía lingüística que considera o castelán como lingua hexemónica e que debe seguir séndoo para lle dar sentido a unha unidade nacional que leva séculos forxándose..

Está en marcha a actualización do Plan Xeral de Normalización: que significa isto para ti como investigadora e docente? É unha ocasión real para repensar o futuro da lingua?
Para min esta actualización significa un facer que se fai, enredar e deixar pasar o tempo. Non crtico os pasos que se están dando para desenvolver a actualización, senón a intención última. Para que se actualiza o PXNL? Para eliminarlle ao anterior as medidas que buscaban un avance cara ao galego? Se é así, para que nos reúnen a sectores que saben que reclamamos esas medidas?

Non lle atopo ningún sentido á redacción dun Plan de normalización cando non hai ningunha mudanza na ideoloxía lingüística que está por detrás de quen pode aprobalo.

Un Plan xeral de normalización para o galego non pode estar impulsado por quen considera o galego como lingua B, como lingua de segunda. Dáme a impresión de que se puxo isto en marcha para aparentar que se fai algo á vista do desastre dos datos de uso entre a xente moza, pero, en realidade, non se busca a normalización da lingua. Plan será, pero para outra cousa. Polo tanto, xa enlazo con isto a resposta á última pregunta: non vexo unha ocasión real para repensar o futuro da lingua, ou, polo menos, un futuro con mil primaveras…

Miles de persoas participando en febreiro do 2025 en Santiago de Compostela nunha manifestación para denunciar o que cualifican como unha “emerxencia lingüística extrema”

Miles de persoas participaron en febreiro do 2025 en Santiago de Compostela nunha manifestación para denunciar o que cualifican como unha “emerxencia lingüística extrema” foto: RTVE

O proceso di ser participativo: quen está realmente sentado na mesa e quen debería estar? Falamos dunha rede plural de voces ou dun espazo aínda demasiado limitado?
Semella un plan participativo porque deu a sensación de que, co paso do tempo, se escoitaba a todas as persoas que petaron á porta e mesmo se habilitou un formulario en liña para a participación cidadá. Mais será participativo sempre que se atendan as achegas de todas as persoas e entidades que paticiparon. Con todo, hai que ter presente que o feito de que, no momento da súa posta en andamento, se vendese como participativo e plural non quere dicir que vaia ser efectivo e que nos vaia levar a algures.

“As familias galegofalantes en contextos urbanos téñeno moi difícil”

Non dúbido da intención de quen está a coordinar o proceso, senón da intención política que hai detrás e do uso que se vai facer de todo isto. Porque por máis plural que chegue a ser a rede de voces, e xa sabemos que hai ausencias importantes, hai que ver que se traslada de todas as achegas á redacción do Plan e logo, se está todo recollido, que medidas se propoñen para reverter esta situación na que estamos. E haberá que saber que se pensa facer con el e coas ideas que se recollen, porque un Plan, como di a palabra, recolle a planificación, que logo se terá que concretar….

Ti participaches nunha reunión como integrante da NEG (Nova Escola Galega) Que sensación che deixou? Hai vontade de escoitar?
Si, participei nunha reunión con integrantes de Nova Escola Galega. A sensación, coas persoas que nos recibiron, foi moi boa: amosaron vontade de escoitar, abertas ao diálogo, ao intercambio de pareceres e a seren proactivas neste proceso.

A NEG leva tempo alertando da “emerxencia lingüística”. Que propostas desa diagnose consideras imprescindibles nun novo plan?
O primeiro é recoñecer que existe unha situación de emerxencia e deixar de falar de cordialidade e harmonía. Hai que remexer conciencias, renunciar á propaganda e poñer en valor as achegas da sociolingüística e da pedagoxía.

Tamén é imprescindible anunciar mudanzas lexislativas para cumprir a Carta Europea e, cando menos, a Lei de Normalización Lingüística, que fala de progresividade no uso do galego, algo que leva máis de 20 anos truncado.

E a planificación non pode quedar nun documento: ten que haber seguimento, avaliación e recursos, especialmente no ámbito educativo.

Que erros dos últimos 20 anos sería imperdoable repetir?
Un erro é unha equivocación, algo que se fai sen querer. Mais o problema é que algo que non se podería volver repetir é aquel escenario no que a defensa e promoción do galego se equiparou con imposición e calquera medida normalizadora contrapúxose coa liberdade. Enlamar o imaxinario social sobre o galego non pode volver suceder, pero non foi un erro, foi premeditado.

Unha decisión política imperdoable foi o Decreto 79/2010 no ensino, que freou o proceso de normalización e levou a lingua nunha deriva costa abaixo da que non se dá saído. E tamén as ausencias de políticas lingüísticas de promoción: non hai apoio real no ámbito económico, sanitario, deportivo, cultural, relixioso…non se busca que o galego gañe espazos sociais.

As actividades puntuais de dinamización que se poden organizar desde a Secretaría Xeral de Lingua non forman parte dun proceso normalizador porque non hai ningunha planificación que busque ese obxectivo.

Pancarta co lema - A miña lingua quere á túa boca

Manifestación de febreiro 2025. Foto: Xornal de Compostela

Onde ves que se xoga agora mesmo o futuro real do galego?
A escola é prioritaria, pero a normalización ten que darse en todos os ámbitos ao mesmo tempo. Na escola adquírese competencia formal, oral e escrita, pero esa competencia ten que poder aplicarse despois na vida real. A rapazada sae da escola e vaia a actividades de todo tipo (deportivas, musicais…) e alí ten que estar o galego presente.

“Non vexo unha ocasión real para repensar o futuro da lingua”

E as familias tamén teñen que percibir a súa presenza no ámbito laboral, nos medios, na administración e na vida cotiá. As familias galegofalantes en contextos urbanos téñeno moi difícil se todo o contorno é castelanfalante. E falta concienciación e formación, polo que moitas destas familias cando a rapazada lles chega da escola a falar castelán, son as nais e pais que moitas veces mudan a súa lingua.

Mirando a longo prazo: que deberiamos poder dicir dentro de dez anos se este novo plan funciona?
Dez anos despois deberiamos poder dicir que o galego recuperou espazo social, especialmente no ámbito educativo, con liberdade real para ensinar en galego e sen materias obrigatorias en castelán.

Tamén sería un sinal claro que o profesorado novo chegase con competencia en galego, porque moita da xente que está entrando agora nos centros xa se formou con este Decreto e con este imaxinario social e non ten competencia real, daquela, non a pode transmitir.

E, desde logo, o que deberiamos poder dicir é que se comezaron a desenvolver -máis de 20 anos tarde- as medidas que xa estaban no Plan Xeral do 2004. Ao final hai moitas medidas que se poderían aínda implementar. Non creo que as novas sexan máis innovadoras nin supoñan máis avance para o galego.