Antón Mouriz Fernández

Manaia é unha asociación de adopción e acollemento de ámbito galego que iniciou a súa andadura en xuño de 2006, por iniciativa dun grupo de familias adoptantes. Falamos co seu coordinador, Antón Mouriz Fernández, contaxiadas co entusiasmo e a paixón que pon ao falar do proxecto.

Comecemos polo principio, que é adoptar e que é acoller?
A adopción e o acollemento son dúas medidas de protección da infancia e recollen o dereito de calquera nena ou neno en desamparo a vivir nunha familia suficientemente competente para garantir a súa crianza. É dicir, non son medidas para que as familias poidan ter fillas ou fillos; é ao revés, serven para que as crianzas poidan contar coa mellor familia posible no caso de que as de orixe non poidan exercer axeitadamente polo motivo que sexa. O ben superior de nenas, nenos e adolescentes ten que colocarse por riba de todo o demais. A gran diferenza entre a adopción e o acollemento é que a primeira é para sempre e a segunda é temporal.

Unha vez que unha familia adopta e xa ten a súa crianza na casa, para que necesita o apoio dunha asociación?
Basicamente para poder ter contacto con outras familias que estean en circunstancias parecidas. Tamén para atopar eses apoios que dificilmente hai noutros espazos. A crianza dunha nena, neno ou adolescente adoptado non é exactamente igual que a de quen non pasou por esa experiencia e moitas das ferramentas habituais que adoitamos utilizar non serven. Non se pode atender e educar unha persoíña que vén de experiencias diferentes do mesmo xeito que as que non pasaron por elas. E, por suposto, para acompañarnos e aprender unhas familias das outras.

Tratamos de acompañarnos e aprender unhas familias das outras

Cóntanos algo das actividades e dos espazos que ofrecedes desde Manaia…
Manaia procura ser un lugar de encontro para as familias adoptivas e acolledoras, independentemente do momento do proceso no que se atopen, un lugar para compartir e aprender sen sentirse xulgadas. As nosas actividades están enfocadas a iso e tentan axudar a comprender e atender mellor a realidade da adopción e a das nosas fillas e fillos. Xa levamos catro anos co “Programa de Preparación, Apoio e Acompañamento ás Familias Adoptivas” en colaboración coa Xunta de Galicia. Dende aí facemos acompañamento ás familias, programamos actividades formativas e organizamos xuntanzas, como mínimo unha vez ao mes nos sete grandes concellos de Galicia, coa intención de acercarnos o máximo posible ás familias que o precisan e diminuír así os efectos da dispersión xeográfica típica da nosa nación.

Manaia

E séguese pensando en bebés ou cambiou a nosa ollada á hora de querer adoptar?
A primeira idea, xeralmente, é a de pensar nun bebé. É lóxico e normal xa que é o imaxinario da maternidade e a paternidade que temos. Pero en canto se vai tendo información sobre a adopción, o perfil dos ofrecementos vai mudando. Penso que esta é unha das grandes tarefas das asociacións: amosarlles ás persoas que se interesan cal é a realidade e axudalas a aproximarse aos perfís habituais das nenas, nenos e adolescentes adoptables.

Que necesita unha familia que queira adoptar?
Primeiramente que saiban realmente que é a adopción, que teñan claro cales son os retos aos que van enfrontarse. Que entendan que tamén adoptan o pasado desa nena ou neno e a súa familia de orixe. Que acepten que sempre vivirán na incerteza de non sabelo todo, de non ter todas as respostas… Pero, sobre todo, que sexan flexibles, con capacidade para mudar os seus patróns educativos, as súas certezas e, incluso, as súas crenzas máis arraigadas.

Na adopción, a diversidade familiar está cada vez máis presente

Manaia é unha asociación galega con sentido de país… Como valorades o feito das adopcións internacionais?
A verdade é que non diferenciamos moito as adopcións nacionais das internacionais. Pensamos que todas as adopcións, sexan onde sexan, ademais de legais deben ser éticas e isto é o que tentamos trasladarlles ás familias. Non podemos aproveitarnos de situacións sociais complicadas, nin aquí nin fóra das nosas fronteiras. Sempre recomendamos non facer nada que despois non sexamos quen de contarlle á nosa filla ou fillo.

Tamén están as chamadas “adopcións especiais”.
Si, aínda que para nós todas as adopcións son especiais, tecnicamente existe esta diferenciación para as nenas, nenos e adolescentes maiores de 8 anos, para os grupos de 3 ou máis irmáns e para as que teñen algunha enfermidade ou diversidade funcional. Para nós deberían denominarse “adopcións prioritarias”, xa que son o perfil máis habitual e nas que máis atención deberiamos poñer.

Cartel 3ª congreso galego de adopción e acollemento

Recentemente, Manaia está promovendo tamén o acollemento familiar, cóntanos algo diso.
Levabamos moito tempo pensando que a adopción e o acollemento, aínda que son diferentes por definición, comparten moito máis do que xeralmente se pensa e no 2018 aprobamos pasar a ser unha asociación para cubrir as necesidades de familias en calquera das dúas medidas. O acollemento familiar é a medida máis potente coa que se conta para atender as necesidades primordiais dun ser humano declarado “en desamparo”. É rápida, modificable e adaptable a cada situación e é, ou debería ser, a antesala da volta coa familia de orixe ou da adopción. Xa está suficientemente demostrado que as nenas, nenos e adolescentes, na maioría dos casos, medran mellor en familia que en centros. Por iso pensamos que o groso dos esforzos estruturais e económicos das administracións deberían ir cara a promover e mellorar o acollemento familiar.

Hoxe falamos de diversidade familiar, de familias monoparentais, de familias con dúas nais ou dous pais… O perfil das familias que pensan en adoptar ou en facer acollemento familiar cambiou nestes últimos anos?
Neste caso a adopción e o acollemento son un claro reflexo da sociedade que habitamos e, por sorte, cada vez a diversidade está máis presente. Agás na adopción internacional, que se rexe polas normas e leis do país de orixe das crianzas e adoitan ser máis restritivos nestes aspectos, en Galicia poden adoptar ou acoller familias de calquera tipo e condición: monoparentais, homoparentais, parellas de feito…

Mensaxes como “o pasado non importa” fixeron moito mal: hai que formarse

Que outros cambios se están a dar?
O cambio máis salientable é o descenso do número de nenas, nenos e adolescentes para adopción, a nivel mundial, e isto reflíctese nun menor número de familias con posibilidade de adoptar. Nós sempre dicimos que cantas menos adopcións, mellor; porque iso significa que hai no mundo menos crianzas desprotexidas. Pero tamén é certo que neste tempos preséntanse outras realidades ao redor da adopción: a busca de orixes, cada vez máis frecuente; a adopción aberta, que ten como peculiaridade a posibilidade de contacto da crianza coa súa familia de orixe. Ou a aplicación da Lei Orgánica 8/2015 que solicita, entre moitas outras cousas, que ningunha nena ou neno menor de 3 anos se críe nun centro, algo que, por certo, non estamos a cumprir…

“Indómito y entrañable” desvela unha realidade complexa, mesmo dura, da adopción. “El huracán y la mariposa”, máis recente, tamén. E foron escritos respectivamente por un pai e unha nai que adoptaron…
A realidade da adopción é diversa, igual que o son as persoas adoptadas e as familias que adoptan. Pero basicamente temos que pensar que cando unha persoa chega a ser declarada “adoptable” é porque algo non foi ben coa súa familia de orixe, que seguramente non puido ou non soubo coidar axeitadamente. Agora sabemos moito das secuelas que deixa nas persoas a adversidade temperá e como marcan as súas vidas os diferentes acontecementos que viviron. Mensaxes coma “o amor todo o pode”, “o pasado non importa” ou “criade coma se non fose adoptado” fixeron moito dano, xa que evitaron que as familias se formasen e atendesen as peculiaridades das súas fillas e fillos de xeito adecuado.

Entón, paga a pena adoptar? Paga a pena ser familia de acollida?
No caso do acollemento está claro que se unha familia repite é porque a experiencia ten moito máis de bo que de malo. En xeral tanto as familias acolledoras coma as adoptivas, a pesar das adversidades, están moi satisfeitas. E na miña experiencia persoal teño claro que paga a pena: pase o que pase, sempre recibes moito máis do que dás.