Sami Ashour, presidente da Asociación Galaico-árabe Jenín, vive con dor e rabia dende Compostela a destrución da súa terra natal, Gaza. “A miña familia e o resto do pobo están aterrorizados, sen casa, baixo bombardeos constantes e sen servizos esenciais”, denuncia. Desde Galicia, onde participa activamente na solidariedade co pobo palestino —incluíndo a súa presenza na última Romaxe de Irimia—, acusa ao “Estado xenocida de Israel” de deshumanizar e tentar eliminar o pobo palestino, ao tempo que critica unha comunidade internacional que, di, “mira para outro lado” ante o exterminio.
Sami Ashour

Sami Ashour, o pasado mes de setembro na romaxe de Irimia

Primeiro, como se atopa a súa familia en Gaza?
A miña familia está na mesma situación ca o resto da xente de Gaza. Aterrorizados, sufrindo bombardeos constantes durante case dous anos, falta de comida, bebida, servizos esenciais. Están sen casa, porque as nosas, do mesmo xeito ca a maioría da xente, xa están destruídas.

“Agradezo todo o que fai o pobo galego defendendo a nosa causa e á nosa xente”

A calquera lle doe o corazón ao ver as imaxes de Gaza. O seu sufrimento debe de ser inmenso. Como o vive vostede desde aquí?
A dor é inexplicable. O abecedario carece de cualificativos para o que estamos a vivir. Non se pode imaxinar que esta tortura durase tanto tempo e con tanta intensidade. O ser humano non está preparado para semellante dor. O que fai o Estado xenocida de Israel é precisamente deshumanizar o pobo palestino, e así ter razón para eliminalo.

Sami Ashour na protesta en Santiago de Compostela contra o Estado de Israel

Sami Ashour (na foto co micro) na protesta en Santiago de Compostela contra o Estado de Israel

A comunidade internacional apenas actúa. Séntense abandonados?
A comunidade internacional, en boa parte, está mirando para outro lado. Algúns interésanse timidamente, e poucos loitan con forza para rematar con esta traxedia. Os que se senten abandonados son as persoas que sobreviven en Gaza. Pregúntanse se verdadeiramente o mundo está de acordo co seu exterminio. Lamentan e choran porque din que, se fosen doutra raza, a resposta sería diferente. Claro que se senten abandonados. Cando comparan a resposta mundial á agresión rusa contra Ucraína, din: e por que a nós ninguén nos trata de protexer? O sufrimento multiplícase moitas veces por tanta inxustiza.

Gustaríame saber cal é a visión que ten o pobo palestino de Hamás. O pobo segue apoiándoos ou existe rexeitamento?
A visión é variada. Hai xente a favor e xente en contra. Hai quen non é de Hamás, pero está coa resistencia, incluída Hamás. Hai quen cre que o proxecto de Hamás non era o máis correcto. Actualmente, é difícil medir a opinión pública: a xente está no que está, vivir ou morrer.

Persoas participando nunha manifestción en defensa de Palestina, no roteiro por Samo.

No roteiro por Samos (7/9/25), organizado pola asociación AC Roxín Roxal, as persoas participantes manifestáronse en defensa de Palestina.

Que sente cara ao pobo israelí? Lamenta os sucesos que desembocaron nesta traxedia?
Non hai pobo israelí. O que hai son uns colonos que veñen ocupar unha terra de maneira ilegal. O que se chama “Estado israelí” está construído sobre as ruínas do meu pobo, que foi expulsado da mesma forma que está a facer este Estado xenocida en Gaza e en Cisxordania. Que queres que sinta?

Existe futuro para Palestina? Pódese ter esperanza?
O futuro é noso. Que non che caiba ningunha dúbida. Pode haber inxustiza, pero esta maldita inxustiza non pode durar ata o infinito. Somos un pobo vivo e loitador. E este proxecto colonial e criminal non seguirá existindo. Farase xustiza máis tarde ou máis cedo.

Compromiso no 51º Congreso de Pedagoxía Freinet do Movemento Cooperativo da Escola Popular (MCEP), onde se proclamou apoio á causa palestina.

Galiza fixo ouvir o seu compromiso no 51º Congreso de Pedagoxía Freinet do Movemento Cooperativo da Escola Popular (MCEP), onde se proclamou apoio á causa palestina.

Cre que volverá algún día a unha Gaza libre?
Por suposto que si. Volveremos sen lugar a dúbida. Palestina enteira será libre.

Séntese apoiado polo pobo galego?
O pobo irmán de Galicia demostrou sempre a boa cara dun pobo libre e xusto. Sempre nos sentimos acompañados. Non só agora, senón ao longo de todo o sufrimento que sente o pobo palestino. Sentimos a solidariedade e o cariño, máis nestes momentos tan crueis. Aproveito esta oportunidade para mandar unha aperta cargada de agarimo e un agradecemento enorme por todo o que fai o pobo galego defendendo a nosa causa e á nosa xente. Moitísimas grazas, a nosa querida Galicia.